Feijóo presenta os seus "acordos" co BNG como un aval aos de Rajoy cos nacionalistas

Feijóo na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

“Grazas” ao BNG, di o presidente da Xunta, hoxe Abanca ten a súa sede en Galicia e a comunidade “leva  aforrados máis de 200 millóns de euros en gasto farmacéutico”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou este xoves os acordos aos que el mesmo ten chegado co BNG como un aval de que Mariano Rajoy non renunciará a defender a integridade territorial de España por pactar cos nacionalistas vascos ou cataláns, como vén de facer o PP na Mesa do Congreso dos Deputados. “Grazas” ao BNG, dixo Feijóo, hoxe Abanca ten a súa sede en Galicia e a comunidade “leva  aforrados máis de 200 millóns de euros en gasto farmacéutico” sen que o PP renunciase por iso á súa defensa da Constitución e o Estatuto de Autonomía actual.

A Feijóo preguntóuselle na súa comparecencia posterior á reunión semanal do seu goberno pola negativa de Ciudadanos a apoiar a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno se pacta con formacións independentistas, como fixo esta semana para configurar a Mesa do Congreso. “Non dubido do compromiso do PP coa Constitución española”, dixo, e engadiu que a súa formación non cambiará a Constitución “por unha investidura”. “Que a Cámara estea presidida polo partido que gañou as eleccións é algo de sentido común”, argumentou, e dixo que iso “calquera partido, nacionalistas incluídos, pode entendelo”.

As gabanzas de Feijóo ao BNG veñen producíndose desde que comezou a súa caída electoral en detrimento primeiro de AGE e logo das Mareas

Foi entón cando Feijóo lembrou dous dos seus propios pactos cos nacionalistas: “En Galicia nós asinamos acordos co BNG, acordos útiles para a comunidade autónoma, non así co PSOE”, e citou o caso do acordo “para non perder as entidades financeiras radicadas en Galicia”, que ao seu xuízo “axudou a que hoxe haxa unha entidade financeira con domicilio social en Galicia”, en referencia a Abanca. Do mesmo xeito, “co BNG asinamos o decreto de medicamentos xenéricos en Galicia”, dixo, e “grazas a aquel acordo co BNG hoxe Galicia leva aforrados máis de 200 millóns de euros gasto farmacéutico”, engadiu. Iso non significa que o PP de Galicia renuncie á Constitución española e o Estatuto de Autonomía”, sentenciou.

As gabanzas de Feijóo ao BNG non son novas. Desde que comezou a caída electoral do BNG fronte a AGE primeiro e as Mareas despois, o líder do PP galego vén eloxiando aos nacionalistas fronte á “nova política”, un feito que voces do BNG entenden como un “abrazo do oso” que tanto serve para menosprezar a súa menguada relevancia electoral como para criticar ás formacións emerxentes ao tempo que divide o voto galeguista de esquerda.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.