Un tándem semellante ao da campaña electoral. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) celebrou este luns a súa primeira xuntanza para organizar o labor da coalición conformada Anova, Esquerda Unida, Ecosocialistas e Equo no Parlamento de Galicia e non houbo sorpresas na primeira decisión. O que foi cabeza de cartel de AGE nas eleccións do 21 de outubro, Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, será tamén o portavoz parlamentario da formación na Cámara galega mentres que a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, ocupará a viceportavocía do grupo parlamentario.
A Comisión de Coordinación que rexerá as relación entre as forzas políticas que conforman esta alianza deulle o visto e prace a unha decisión que, explican, sitúa a Beiras e Díaz á fronte dun grupo parlamentario cuxos nove membros "actuarán coma unha equipa complementada a todos os niveis, incluído o da portavocía". Disípase deste xeito, polo tanto, a posibilidade de que os cinco deputados de AGE que forman parte de EU e os catro restantes de Anova vaian actuar por separado no seu debut no Pazo do Hórreo.
O grupo parlamentario de AGE participará nas mobilizacións da folga xeral
Neste contexto fican aínda por despexar outros interrogantes, como o nome do deputado ou deputada que ocupará o posto que lle corresponde a AGE na Mesa do Parlamento, o órgano rector da Cámara que, en virtude dos resultados electorais, estará composto por PP, PSdeG e a propia formación que encabezarán Beiras e Díaz. Á marxe destas decisións orgánicas Yolanda Díaz avanzaba tamén este luns que a intención de AGE é "vir a este país para quedar", polo que as forzas políticas implicadas na coalición están dispostas a "consolidar esta ferramenta". "Imos cumprir", afirma, á espera de artellar "a engranaxe" non só para definir "como imos traballar no Parlamento", senón tameń "como nos imos relacionar cos movementos sociais".
Dende AGE avanzan que esta relación cos movementos sociais e a propia "visualización conxunta do grupo parlamentar" se amosará xa por primeira vez o vindeiro 14 de novembro, cando os nove deputados e deputadas "participarán na manifestación da folga xeral convocada polos sindicatos".