O candidato de Unidas Podemos di na Coruña que se está a empregar o problema catalán para non falar doutros e salienta que no rural galego “hai tamén un problema territorial”
Tras obter nas xerais de abril o 15% dos votos e dous dos 23 escanos que se elixen en Galicia, polas provincias da Coruña e Pontevedra, baixando dos cinco escanos que tivo en 2016, este domingo o candidato de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, desembarcou na Coruña en apoio da marca local En Común asegurando que o 10N agarda un resultado moito mellor. Confía nese respaldo, di, porque “hai moita xente que é de Unidas Podemos e non o sabe”, unha frase que sumou a outra de claro intento de achegamento aos socialistas: “Somos opcións claramente distintas, pero cando un escoita á militancia de Unidas Podemos e do PSOE, vese que o acordo é posible”, asegurou.
No seu mitin na Coruña Iglesias enumerou decisións políticas xa adoptadas, como subir o salario mínimo, ou propostas polo seu partido, como que os bancos devolvan o rescate estatal, como exemplos de medidas impulsadas pola súa formación que ao seu ver teñen o apoio dos socialista. Uns militantes socialistas dos que lembrou que foron os responsables de facer a Sánchez secretario xeral do PSOE, “pero tras gañar as primarias comezou a parecerse á candidata que el mesmo derrotara”, dixo Iglesias en referencia a Susana Díaz.
“Por que non queren recoñecer que vén unha desaceleración e hai que decidir se os recortes se fan por arriba ou por abaixo?”
Iglesias atribuíu o suposto cambio de posturas políticas de Sánchez ás presións “do Ibex 35”, as principais empresas do Estado ás que acusou de estar por tras da negativa de Sánchez a formar un Goberno de coalición con Unidas Podemos. Uns intereses empresariais fronte aos que advertiu: “Por que non queren recoñecer que vén unha desaceleración e hai que decidir se os recortes se fan por arriba ou por abaixo?”
Segundo o líder de Podemos, o problema catalán está a servir para ocultar os problemas sociais e económicos. Tamén en Galicia. “É unha falta de respecto dicir que aquí non hai tamén un problema territorial”, dixo, para engadir que hai un “problema territorial” co despoboamento e a falta de servizos no rural galego, ou coas dificultades da pesca ou da industria. Problemas que, dixo, poden resolverse aplicando a Constitución e que “ao mellor hai moita xente que se le a Constitución do 78 acaba votando a Unidas Podemos”, frase que lle serviu para argumentar que “hai moita xente que é de Unidas Podemos e non o sabe”.
Antón Gómez-Reino eloxiou a "humildade" de Iglesias por apartarse para facilitar un acordo co PSOE e Yolanda Díaz insistiu en que "os socialistas de corazón non perderon, como nós, a esperanza e queren un goberno conxunto con nós”
Antes de Iglesias interviron no mitin os deputados de En Común pola Coruña e Pontevedra Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz. O primeiro eloxiou a disposición e “humildade” de Iglesias de apartarse para facilitar un acordo co PSOE. “Non sei canto vai durmir o señor Sánchez despois do 10N, pero ante unha irresponsabilidade histórica como foi levarnos a estas eleccións, temos que facer unha mobilización histórica”, dixo.
Pola súa banda, Díaz apelou a “non renderse” como non se renden traballadores e traballadoras activos en diversas mobilizacións contra ameazas de peches e despedimentos en Galicia que foi enumerando. Tamén ela, como Iglesias, quixo dirixirse “aos socialistas de corazón” porque está “convencida” de que “eles coma nós queren que derroguemos a reforma laboral” ou que “a Igrexa pague impostos e a relixión saia das escolas”. “Pero sobre todo porque eses socialistas de corazón non perderon, como nós, a esperanza e queren un goberno conxunto con nós”, asegurou.