"O pacto entre PP e PSOE está en marcha" e "Sánchez xa non é o Sánchez das primarias". É a advertencia que, no inicio oficioso da campaña electoral do 10N -formalmente, comeza o día 1 de novembro- están a lanzar dende Unidas Podemos. Tamén en Galicia, onde En Común-Unidas Podemos desenvolve nos últimos días diferentes actos sectoriais, centrados nestas fin de semana na pesca e mais na saúde feminina.
Yolanda Díaz: "Sánchez xa non é o das primarias, é o que enviou a Bruxelas a mochila austríaca"
Durante a xornada no sábado, na Pobra do Caramiñal, os candidatos á reelección como deputados pola Coruña e Pontevedra, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, erixiron a súa formación na garantía de que tras os novos comicios poida haber un "goberno de esquerdas". Segundo Díaz, o líder do PSOE "xa non é o das primarias", senón "o que enviou a Bruxelas a mochila austríaca", en referencia ás reformas en materia laboral bosquexadas polo Ministerio de Economía no plan remitido recentemente á Comisión Europea.
O PSOE, manteñen, "non quere intervir o prezo da vivenda para baixar os prezos do alugueiro, xa non quere cambiar a lei de pensións nin ratifica o convenio para que a xente do mar poida traballar en condicións dignas". Todo isto, coidan, non son máis que probas de que "Sánchez mira á dereita" e "dependerá da nosa forza", en referencia a Unidas Podemos, que "haxa un goberno de esquerdas e poidamos sacar adiante estas medidas". Xa o foron, subliña a candidata, nos meses posteriores á moción de censura con accións como a suba do salario mínimo interprofesional a 900 euros.
Mentres, dende o PSOE o propio Sánchez nega a posibilidade dunha gran coalición, Díaz e Gómez-Reino non dubidan de que esta alianza pode existir. "Pero podemos evitalo", advirten, e que suceda ou non "vai depender da forza de En Común e Unidas Podemos".
Saúde e deporte feminino
Xa na xornada do domingo Díaz e Gómez-Reino centraron a axenda sectorial nos dereitos das mulleres nunha dobre vertente, a sanitaria e a laboral. Así, a cabeza de lista por Pontevedra acudiu á marcha XI Gran Marcha ‘Fina Acuña’ que o colectivo ADICAM desenvolve entre Moaña e Cangas para reivindicar maiores recursos á loita contra o cancro de mama. "É imprescindible -afirma a candidata- que o Estado adique máis recursos, porque no caso das mulleres o cancro de mama é a principal causa de morte".
Gómez-Reino secunda a reivindicación do convenio colectivo polo que as futbolistas de Primeira van á folga
Mentres, en Abegondo, Gómez-Reino acudiu ao encontro que enfrontou o Deportivo da Coruña co Tacón, correspondente á sétima xornada da Primeira División feminina. Este equipo sinala o candidato, "merece o apoio" porque "está dando exemplo competitivo" pero "tamén na loita polos dereitos das mulleres", toda vez que integrantes do conxunto herculino secundan a folga de futbolistas "polo que xa se coñece como convenio da igualdade". "Falamos dos dereitos das traballadoras e ademais falamos de igualdade no deporte" e por iso, asegura, En Común secunda as súas reivindicacións.