A pugna por escanos galegos de En Común-Unidas Podemos concéntrase, sobre todo, nas dúas provincias atlánticas. Aínda que a formación asegura apostar por lograr representación nas catro, como conseguira En Marea como coalición en 2015, os esforzos de campaña están concentrados nas circunscricións da Coruña e Pontevedra. E nelas estivo o foco da xornada de campaña galega de Pablo Iglesias, este 25 de abril.
O líder Unidas Podemos comezou o día na lonxa da Coruña, continuou en Ferrol participando na mobilización do sector naval e en xuntanzas co persoal dos estaleiros e culminou, contra o mediodía, nun mitin en Vigo. No mesmo escenario que logrou encher a pasada semana Pedro Sánchez, o vestíbulo principal do palacio de congresos Mar de Vigo, a convocatoria de En Común-Unidas Podemos logrou completar folgadamente o aforo para recibir a Iglesias, que combinou as ideas forza xerais da súa campaña cunha promesa de "defender" os principais sectores produtivos galegos se Unidas Podemos logra chegar ao Goberno de España.
"Defender un país non é odiar os independentistas nin dicir que vén o lobo" da extrema dereita, "é defender a pesca, a industria e o sector naval", proclamou Iglesias no mitin central da campaña de En Común-Unidas Podemos
Ao inicio da carreira electoral, relatou Iglesias tras ser recibido entre berros de "presidente", "a dereita só quería falar de Cataluña" e o PSOE, "só de Vox". "Parecía que ía ser imposible falar das cousas que importan á xente". Pero a súa aposta, afirma, foi fuxir das "xeneralidades" para poñer o foco en asuntos como o dereito á vivenda ou a necesidade de baixar o prezo da luz.
"Non fai falla insultar a ninguén nin falar de Vox", reiterou, porque "defender un país non ten que ver nin con odiar os independentistas nin dicir que vén o lobo" da extrema dereita. "Defender un país é defender a pesca" e afirmar "que o noso Goberno ten que negociar doutra maneira as cotas pesqueiras en Europa", proclamou, é "defender a industria e o sector naval". Tamén poñer fin "á vergoña de que haxa gandeiros que teñan que vender o leite por baixo do prezo do mercado". E para iso, agregou, "ten que haber un goberno que sente coas grandes distribuidoras e diga que non pode ser que maltraten o sector gandeiro".
A alerta ante un posible pacto PSOE-Ciudadanos
Como no conxunto da campaña de En Común-Unidas Podemos, Iglesias aproveitou tamén o mitin máis concorrido da formación en Galicia para tentar escorrentar a pantasma do voto útil ao PSOE. Se a aritmética parlamentaria o permite "hai poderes económicos e sectores do PSOE que van traballar para que haxa un goberno de Rivera presidido por Sánchez", advertiu.
"Hai poderes económicos e sectores do PSOE que van traballar para que haxa un goberno de Rivera presidido por Sánchez"
Ese, a xuízo de Pablo Iglesias, é un motivo máis para escoller as papeletas de Unidas Podemos. Porque van servir "para frear á dereita, sen dúbida" e ademais, "sen ningunha contradición" á hora de votar. Pero "non é só un voto para frear a alguén", senón tamén para "que se protexa o dereito á vivenda, acabar coa temporalidade laboral, para ter unha empresa pública de enerxía e defender os servizos públicos", exemplificou
Esa petición de apoio, concluíu Iglesias, chega tras uns anos nos que "fixemos algunhas cousas mal", pero "demostramos que a nós non nos compra ninguén". Por iso pide poder chegar ao Goberno e "se en catro anos non cambiamos nada, que non nos voten máis". O acto pechou entre caraveis e o canto do Grândola, vila morena en conmemoración do cuadraxésimo quinto aniversario da Revolução dos Cravos.