En Común-Unidas Podemos intenta reverter o argumentario de voto últil espallado polo PSOE e advirte dun posible pacto dos socialistas con Ciudadanos para un goberno que “só faría que siga mandando o Ibex-35”.
Así alertou a candidata ao Congreso da formación por Pontevedra, Yolanda Díaz, durante un acto na capital provincial na que lembrou que Pedro Sánchez “enorgullécese de traballar man a man con Rivera”. A deputada asegurou que con Unidas Podemos no Executivo “as empresas do Ibex-35, a Igrexa e todos os poderosos como Amancio Ortega van pagar impostos, como todo o mundo”.
Yolanda Díaz advirte de que con Unidas Podemos no Executivo,“as empresas do Ibex-35, a Igrexa e todos os poderosos como Amancio Ortega van pagar impostos, como todo o mundo”
Díaz denunciou as consecuencias da reforma laboral do PP, que “repartiu miseria” e avogou por unha “modalidade contractual que se vai chamar contrato indefinido”. “A nosa carta de presentación é demostrar que si se pode, como fixemos arrincándolle ao PSOE a maior suba do salario mínimo da historia da democracia”, engadiu.
No acto estivo presente o candidato canario ao Congreso, Alberto Rodríguez, e a tamén candidata por Pontevedra, Ángela Rodríguez, que insistiu na necesidade de evitar a formación dun Executivo de PSOE e Ciudadanos, xa que “Sánchez aínda non dixo que non vai pactar con Ciudadanos”. “O 28 de abril temos que evitar que Rivera sexa o ministro de Traballo e facer que o sexa Yolanda Díaz votando a En Común-Unidas Podemos”.