O 14 de xuño de 2004, ao día seguinte das eleccións europeas nas que o PP padecera unha derrota doce fronte ao PSOE -un escano e apenas dous puntos menos que os socialistas-, Manuel Fraga era recibido en La Moncloa por José Luis Rodríguez Zapatero, que levaba pouco máis de mes e medio no cargo. O daquela presidente da Xunta saíu do encontro dando por rematado o desencontro co Executivo socialista a respecto do Plan Galicia e deixando na mesa de Zapatero "voluminosa" documentación sobre as súas propostas para a reforma do Estatuto galego, que debería ser "mellorado e completado nalgúns puntos", sinalara.
Hai década e media, Fraga trasladara a Zapatero no inicio do seu primeiro mandato peticións sobre o Plan Galicia e a reforma do Estatuto galego
Máis de década e media despois, este luns volveu botar a andar formalmente un novo Goberno no Estado sustentado pola esquerda na recta final da lexislatura galega. Desta volta composto por unha inédita coalición do PSOE e Unidas Podemos. Mentres en Madrid as novas ministras e ministros prometían e tomaban posesión dos seus cargos, en Galicia o PP galego avanzaba a súa intención de centrar boa parte do que resta da lexislatura galega en formular reclamacións ao Executivo que encabeza Pedro Sánchez.
Non falará desta volta o PP de reforma estatutaria nin de poñer fin a conflitos co presidente socialista, como Fraga naquela ocasión. Segundo avanzaba este luns o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, nos meses que restan de lexislatura -Alberto Núñez Feijóo pode poñerlle fin cando considere oportuno", o seu grupo disponse a comezar a transformación da "Axenda Galicia" en iniciativas parlamentarias.
O PPdeG prevé propiciar votacións no Parlamento sobre puntos concretos do documento aprobado pola Xunta con demandas ao Goberno central antes das eleccións xerais
Os populares, deste xeito, propiciarán votacións no Parlamento sobre puntos concretos do informe elaborado pola Xunta ás portas da campaña das eleccións xerais de novembro con "demandas ao próximo Goberno de España". Trátase de iniciativas non vinculantes e que, a priori, coincidirán cos asuntos que Feijóo traslade a Sánchez cando, nas vindeiras semanas, sexa convocado a acudir a La Moncloa, como Fraga naquel xuño de 2004. Daquela, a súa utilidade para os conservadores será a de forzar os grupos da esquerda a fixaren postura sobre asuntos concretos da intervención do Estado en Galicia nos termos fixados polo propio PP.
O BNG traslada ao Parlamento o seu pacto de investidura co PSOE
Aínda que nun sentido diferente, tamén o BNG trasladará xa nas vindeiras semanas ao Parlamento os asuntos galegos que o Goberno de España de PSOE e Unidas Podemos ten sobre a mesa. Farao, no seu caso, convertendo en iniciativa parlamentaria o texto do acordo asinado cos socialistas para a investidura de Pedro Sánchez. O propósito, afirma Ana Pontón, é "acadar o apoio de todas as forzas políticas" a esas demandas, pero tamén instar a Xunta a que "se poña a traballar xa para incrementar o autogoberno despois de dez anos sen recibir unha soa competencia" nova.
Segundo Pontón, cómpre que o PP galego fixe postura ao respecto porque o acordo asinado por PSOE e Bloque contempla reactivar, xa no primeiro cuadrimestre deste 2020, a comisión mixta de transferencias Xunta-Estado. "Agardo que Feijóo e o PP non se deixen cegar polo seu sectarismo nin polo descoloque que lles produciu a nova situación política no Estado", porque "boicotear o acordo" non será "boicotear ao BNG, senón boicotear os intereses de Galiza".
Gonzalo Caballero, convencido de que a acción do Goberno de PSOE e Unidas Podemos traerá consigo maior apoio en Galicia "ás forzas progresistas" e insta a Feijóo a ser "leal"
Neste escenario, tamén o líder do PSdeG prevé influencia da nova situación no Estado nos derradeiros meses da lexislatura galega. Para Gonzalo Caballero, "a medida que vaia plasmando a súa axenda política", a acción da coalición de PSOE e Unidas Podemos traerá consigo un maior apoio en Galicia "ás forzas progresistas". Neste sentido, avanza, o PSdeG apoiará a acción goberno tanto dos ministerios dirixidos por representantes socialistas como dos departamentos con titulares de Unidas Podemos, caso da galega Yolanda Díaz á fronte do Ministerio de Traballo.
Neste contexto, o tamén candidato do PSdeG á Presidencia reclama a Feijóo que "sexa leal" co Goberno do PSOE e UP. Non agarda, así e todo, medidas relevantes da Xunta nos meses que quedan de lexislatura porque, di, Feijóo "non vai facer nuns meses o que non quixo facer en 11 anos".