Pedro Sánchez presentou este domingo o Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos do que destacou que terá unha "actitude dialogante" e repetiu que traballará cun "método activo, resolto e executivo". O presidente electo, cuxo Executivo tomará posesión este luns, asegurou que "falará con varias voces pero sempre cunha mesma palabra" sempre baixo a perspectiva "progresista", segundo salientou.
Sánchez cre que o goberno de coalición "terá que percorrer un camiño novo que vai servir de referencia ao futuro e que pon á política española na senda da europea"
"Non hai nada máis progresista que dialogar", dixo o presidente, que prevé reunirse con Quim Torra nas próximas datas para empezar a canalizar o "conflito político" en Catalunya. Sánchez deu por feito que a situación xurídica do actual xefe do Executivo catalán non se vai resolver no prazo máis inmediato.
Consciente da novidade dun Goberno de coalición, Sánchez afirmou que "terá que percorrer un camiño novo que vai servir de referencia ao futuro e que pon á política española na mesma senda que á política europea". Así, asegurou que se formarán maiorías a través do "diálogo, o entendemento e a convivencia de familias políticas distintas nun Goberno plural, pero cun firme propósito de unidade", segundo informa Irene Castro en eldiario.es.
Nunha conversa informal con xornalistas tras a súa declaración institucional, Sánchez admitiu que ao longo da lexislatura produciranse os rozamentos propios dunha coalición, pero restoulle importancia: "Se fósemos o mesmo estariamos todos no mesmo partido".
Sánchez recoñeceu que o Goberno é máis numeroso que os anteriores, con 22 carteiras: "Reflicte a vontade de construír un Goberno de acción, executivo, con competencias moi precisas, moi taxadas, e con en o que as grandes prioridades de España teñan voz directa no Consello de Ministros". Nese punto defendeu a separación das áreas de Traballo, da que é encargada a galega Yolanda Díaz, e Seguridade Social co obxectivo de que un se centre no novo marco laboral e o outro en impulsar un novo Pacto de Toledo.
Sánchez xustifica as 22 carteiras en que "reflicten a vontade de construír un Goberno de acción, executivo, con competencias moi precisas, moi taxadas"
Tamén salientou o reforzo do perfil económico dos membros do Executivo co fin de facer fronte aos "retos" que España terá por diante. Ademais, defendeu "unha España de convivencia e non unha España de discordia ou de sobreexcitación".
Respecto do "conflito político" en Catalunya, no círculo cos xornalistas, Sánchez confirmou que na conversa que mantivo con Torra quedaron en verse tras os "días intensos" da formación de Goberno e encaixa esa reunión máis aló da rolda que terá con todos os presidentes autonómicos. "A súa situación non se vai a aclarar até máis adiante", recoñece.
Así, a composición do primeiro goberno de coalición no Estado desde a Segunda República queda configurado. Velaquí un pequeno perfil de cada un dos ministros e ministras:
Carmen Calvo, vicepresidenta primeira, ministra de Presidencia
Carmen Calvo (Cabra, Córdoba, 1957), é licenciada en Dereito Público pola Universidad de Sevilla e doutora en Dereito Constitucional pola Universidad de Córdoba. Durante a súa carreira profesional foi profesora da Universidad de Córdoba, deputada autonómica (cabeza de lista por Córdoba ao Parlamento de Andalucía) de 2000 a 2004, deputada das Cortes Xerais (cabeza de lista por Córdoba) de 2004 a 2011, conselleira de Cultura do Goberno andaluz de 1996 a 2004 e ministra de Cultura de 2004 a 2007, así como vicepresidenta primeira do Congreso dos Deputados de 2007 a 2008. Na última lexislatura foi vicepresidenta e ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.
Nadia Calviño e Yolanda Díaz son as dúas galegas do Executivo de coalición entre PSOE e Unidas Podemos
Pablo Iglesias, vicepresidente de Dereitos Sociais
Profesor asociado de Ciencia Política na Universidad Complutense de Madrid, Pablo Iglesias (Madrid, 1978) fundou Podemos hai tan só seis anos, en 2014, logrando daquela ser eurodeputado, cargo que mantivo entre 2014 e 2015, ano no que foi elixido candidato á Presidencia do Goberno pola súa formación política. Ademais de colaborar coa Fundación Centro de Estudios Políticos y Sociales (CEPS) exerceu tamén como presentador de televisión conducindo os programas Fort Apache (Hispan TV) e La Tuerka e Otra vuelta de tuerka (Público TV).
Nadia Calviño, vicepresidenta de Asuntos Económicos e Transformación Dixital
Economista e xurista de formación, a galega Nadia Calviño (A Coruña, 1968), que será vicepresidenta de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do novo Goberno, impartiu clases de Política Económica e Sistema financeiro na Universidad Complutense de Madrid. Desde abril de 2014 e até ser nomeada ministra por Sánchez, en 2018, foi directora xeral de Orzamentos na Comisión Europea, responsable da programación financeira multianual, os orzamentos anuais, a contabilidade e a regulamentación do orzamento comunitario. Con anterioridade, ocupou na Comisión Europea os postos de directora xeral adxunta responsable de Servizos Financeiros e directora xeral adxunta na Dirección Xeral de Competencia.
Teresa Ribera, vicepresidenta para a Transición Ecolóxica
No Executivo que se porá en marcha ao longo dos próximos días, Teresa Ribera (Madrid, 1969) será a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cumprindo non só co compromiso do presidente Sánchez de dar rango ministerial a esta materia, senón avanzando máis ao situala nunha vicepresidencia. Con esta medida, sinálanse como prioridade do novo Goberno as políticas coas que se fará fronte aos desafíos da España baleirada. No que ten que ver con Galicia, a transición para a descarbonización de zonas como Cerceda e As Pontes, co peche definitivo das súas térmicas, será clave no seu mandato.
María Jesús Montero, ministra de Facenda e portavoz
Licenciada en Medicina e Cirurxía e técnica da Función Administrativa de Hospitais, María Jesus Montero (Sevilla, 1966) foi conselleira de Facenda e Administración Pública da Junta de Andalucía (2013-2018), conselleira de Saúde e Benestar Social do Goberno andaluz (2012-2013), conselleira de Saúde (2004-2012) e viceconselleira de Saúde (2002 até abril de 2004). Deputada no Parlamento de Andalucía desde 2008 foi elixida por Sánchez como Ministra de Facenda en 2018, un cargo que mantén coa nova configuración do Executivo.
Arancha González Laya, ministra de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación
Arancha González (Donosti, Gipuzkoa, 1969) é unha das novidades do novo Executivo. Asumirá a carteira de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación á que Sánchez quere dar máis peso económico. Experta en relacións internacionais e comercio con máis de 20 anos de experiencia, foi até agora directora executiva do Centro de Comercio Internacional (ITC), a axencia conxunta de desenvolvemento das Nacións Unidas e a Organización Mundial do Comercio. Ademais, segundo recolle a súa biografía, ten un amplo coñecemento sobre as relacións internacionais, o comercio e a economía, xunto cunha ampla experiencia tanto nos sectores público e privado, como na xestión en organizacións multilaterais.
Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior
Fernando Grande-Marlaska (Bilbao, 1962) repetirá como ministro de Interior do novo executivo de Pedro Sánchez. O maxistrado, que foi vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e presidente da Sala do Penal da Audiencia Nacional, chegou ao Executivo tras a moción de censura contra Mariano Rajoy en 2018. Grande-Marlaska ocupaba unha praza na Audiencia Nacional desde 2004 e alí instruíu casos como o Faisán ou o Yak-42.
Sánchez defendeu a separación das áreas de Traballo e Seguridade Social co obxectivo de que un se centre no novo marco laboral e o outro nun novo Pacto de Toledo
Margarita Robles, ministra de Defensa
Licenciada en Dereito pola Universidade Central de Barcelona, Margarita Robles (León, 1956) repite como ministra de Defensa. Ingresou na carreira xudicial na 27ª Promoción de xuíces e fiscais co número un da devandita promoción. Desempeñou cargos de xuíz e maxistrada en Balaguer, San Feliú de Llobregat, Bilbao, accedendo á Audiencia Provincial de Barcelona en 1981 e sendo a primeira muller que chegou a un órgano colexiado en España. Robles foi tamén presidenta da Audiencia Provincial de Barcelona (1991-1993), subsecretaria do Ministerio de Xustiza (1993-1994), secretaria de Estado de Interior no Ministerio de Xustiza e Interior (1994-1996) e maxistrada da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional (1996-2004). No ano 2004 é nomeada maxistrada da Sala do Contencioso do Tribunal Supremo e despois vogal do Consello do Consello Xeral do Poder Xudicial (2008-2013).
José Luis Escrivá, ministro de Seguridade Social, Inclusión e Migracións
Para un ministerio de nova creación, o de Seguridade Social, Inclusión e Migracións, Sánchez elixiu a José Luis Escrivá (Albacete, 1963) actualmente o presidente da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), unha institución creada en 2014 por imposición de Bruxelas para fiscalizar as contas das Administracións Públicas, cuxo mandato de seis anos termina este febreiro. O paso por esta institución permítelle ter un coñecemento profundo do funcionamento da Administración pública que, xunto á súa experiencia no mundo financeiro, colócano nunha boa posición para afrontar o seu principal reto: a reforma do sistema público de pensións e da Seguridade Social.
José Luis Ábalos, ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana
Mestre de profesión, José Luis Ábalos (Torrent, València, 1957) dedicou gran parte da súa traxectoria política á función pública. Foi xefe de gabinete do Delegado do Goberno Comunidade Valenciana (1983-1987) e despois do Conseller de Traballo Generalitat Valenciana (1988-1991). Responsable do Programa de Cooperación Internacional da Generalitat Valenciana (1989-1992) tamén foi consultor de Cooperación Internacional, asesor do Concello de Valencia (1992-1999), concelleira do Concello de Valencia (1999-2009) e deputado Provincial (2003-2007). Actualmente compaxina a Secretaría de Organización do PSOE co seu cargo de ministro de Fomento, que pasará a chamarse Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Carolina Darias, ministra de Política Territorial e Función Pública
Carolina Darias (Las Palmas de Gran Canaria, 1965) será a ministra de Política Territorial e Función Pública. É licenciada en Dereito pola Universidad de La Laguna e forma parte do Corpo Superior de Administradores Xerais da Administración Pública de Canarias. Darias foi concelleira do Concello de Las Palmas de Gran Canaria, subdelegada do Goberno en Las Palmas (2004-2008) e deputada do Parlamento de Canarias para a VII Lexislatura, onde foi voceira de Sanidade do Grupo Socialista. Posteriormente ocupou o cargo de directora de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda do Concello de Las Palmas de Gran Canaria. Foi, ademais, delegada do Goberno de España en Canarias (2008-2011) e conselleira e portavoz do Cabildo de Gran Canaria. En 2015 pasou á presidencia do Parlamento de Canarias até 2019. Con iso, converteuse na primeira muller en ocupar este cargo. Desde xullo do ano pasado é conselleira de Economía, Coñecemento e Emprego do Goberno de Canarias.
Irene Montero, ministra de Igualdade
Irene Montero (Madrid, 1988), nova ministra de Igualdade, é licenciada en Psicoloxía pola Universidad Autónoma de Madrid e foi bolseira de doutoramento no mesmo centro cunha bolsa de Formación de Profesorado Universitario. Uniuse a Podemos tras as eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 xunto a Rafa Mayoral desde a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH).
Yolanda Díaz, ministra de Traballo
A titular de Traballo, Yolanda Díaz (Fene, A Coruña, 1971), é unha histórica militante do Partido Comunista e de EU en Galicia e licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi concelleira e candidata á Alcaldía de Ferrol (A Coruña) entre 2003 e 2012, candidata á Presidencia da Xunta de Galicia e deputada no Parlamento galego, entre 2012 e 2016, e é parlamentaria do Congreso --primeiro por En Marea e despois por Galicia en Común-- desde ese ano.
Juan Carlos Campos, ministro de Xustiza
O novo responsable de Xustiza, Juan Carlos Campo (Osuna, Sevilla, 1961), é xuíz de profesión, aínda que conta con experiencia política: foi deputado no Congreso nas últimas lexislaturas, portavoz de Xustiza do Grupo Socialista nos últimos anos --onde non mostrou boa sintonía con Unidas Podemos-- e foi secretario de Estado de Xustiza na recta final do Goberno de Zapatero. Tamén foi vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e ocupou cargos de responsabilidade na Junta de Andalucía. Precisamente, Sánchez impuxo o seu nome no terceiro posto da lista por Cádiz despois de que Susana Díaz o deixase fóra. Entre os seus retos ten agora a renovación do CGPX, a recuperación da xustiza universal e outra serie de reformas lexislativas, como a do artigo 324 da Lei de Enxuizamento Criminal, que limita a seis meses a investigación das causas penais.
Manuel Castells, ministro de Universidades
Manuel Castells (Hellín, Albacete, 1942), novo ministro de Universidades, é catedrático de Comunicación da Universidade do Sur de California en Los Ángeles. Tamén é catedrático emérito de Socioloxía e Planificación da Universidade de California en Berkeley. É, así mesmo, profesor da Universitat Oberta de Catalunya.
Alberto Garzón, ministro de Consumo
O líder de IU, Alberto Garzón, que se converterá en ministro de Consumo con competencias en materia de xogo, é licenciado en Economía pola Universidad de Málaga. Militante do Partido Comunista de España (PCE) e de Izquierda Unida (IU), é deputado no Congreso desde 2011. Tamén é membro do movemento ATTAC e é coordinador federal de IU desde 2016.
Isabel Celaá, ministra de Educación e FP
Isabel Celaá (1949, Bizkaia) seguirá como ministra de Educación e Formación Profesional. Un dos últimos actos que realizou o Goberno antes de convocar eleccións foi aprobar no Consello de Ministros a súa reforma educativa, e ese será a súa principal tarefa no novo Executivo. Foi viceconcelleira de Educación con Fernando Buesa e conselleira con Patxi López.
Salvador Illa, ministro de Sanidade
O secretario de Organización do PSC e home forte de Miquel Iceta será o novo ministro de Sanidade. Salvador Illa (La Roca del Vallès, Barcelona, 1966) será así o representante dos socialistas cataláns no Executivo, como o foi Meritxell Batet no primeiro Goberno de Pedro Sánchez. Substitúe no cargo a María Luisa Carcedo. Illa participou no equipo negociador do PSOE con ERC para lograr a abstención do partido independentista na investidura de Sánchez.
Pedro Duque, ministro de Ciencia
Tamén repite no Goberno de Pedro Sánchez o astronauta Pedro Duque (Madrid, 1963), que será ministro de Ciencia. Enxeñeiro aeronáutico pola Universidad Politécnica de Madrid, a súa carreira estivo fundamentalmente vinculada á Axencia Espacial Europea (ESA). Con esta axencia participou nas misións STS-95 en 1998 na lanzadeira espacial Discovery estadounidense e a misión Cervantes na Estación Espacial Internacional en 2003, á que chegou no Soyuz TM-2 ruso.
A crise industrial e a transición obrigada nas Pontes e en Cerceda poñen a ollada galega nas ministras Teresa Ribera e Reyes Maroto
Reyes Maroto, ministra de Industria
Reyes Maroto (Medina del Campo, 1973), licenciada en Ciencias Económicas e posgrao en Economía e Finanzas polo Centro de Estudos Monetarios e Financeiros, seguirá á fronte do Ministerio de Industria. Antes foi a portavoz de Economía, Orzamentos, Emprego e Facenda do PSOE na Asamblea de Madrid, ademais de profesora asociada na Universidad Carlos III de Madrid desde 1999. As decisións que o seu ministerio tome sobre o ansiado estatuto electrointensivo e o futuro industrial serán analizadas con detalle desde Galicia.
Luis Planas, ministro de Agricultura
Nacido en Valencia en 1952, Luis Planas, que seguirá como ministro de Agricultura, mantén unha extensa experiencia na Unión Europea, onde foi secretario xeral do Comité Económico e Social Europeo. Como diplomático, foi embaixador en Marrocos e ante a UE. Ademais, foi conselleiro de Agricultura e Pesca e de Presidencia da Junta de Andalucía.
José Manuel Rodríguez Uribes, ministro de Cultura e Deportes
José Manuel Rodríguez Uribes (València, 1968) será o novo ministro de Cultura. O profesor titular de Filosofía do Dereito da Universidad Carlos III foi nomeado delegado de Goberno da Comunidad de Madrid en xuño de 2018, cargo do que foi cesado en abril do ano seguinte para incorporarse á lista do PSOE na Comunidad madrileña. Na actualidade exerce como portavoz adxunto na Asamblea de Madrid.