O BNG espalla por Galicia o seu pacto de investidura e ve "hipócrita" que Feijóo "reivindique" agora

Néstor Rego e outros cargos do BNG, no reparto informativo sobre o acordo de investidura, este 25 de xaneiro en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Tras a consecución do escano no Congreso para Néstor Rego, o pacto acadado co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez foi lido na dirección do BNG como todo un éxito político tanto polos seus contidos como pola influencia que acadou no contexto estatal, dado o axustado das cifras da investidura. Por todo isto a formación nacionalista está inmersa nunha campaña de espallamento dos contidos deste acordo por todo o país mentres, ao tempo, é albo das críticas e mesmo das mofas do PP, cuxa actitude "reivindicativa" ante o novo Goberno de España ve "terriblemente hipócrita".

Néstor Rego sitúa o estatuto electrointensivo ou as medidas de "transición xusta" para As Pontes entre os aspectos máis "urxentes" nos que o pacto co PSOE debe "pasar aos feitos"

Tras actos en varias localidades -nos últimos días, pasou por Lugo e Vigo-, Rego e outros cargos do Bloque levaron a súa campaña este sábado a Santiago, cun reparto informativo pola zona histórica da capital galega á hora do mercado. Alí o deputado subliñou que estes actos lle están a servir para "constatar" a "magnífica valoración" do que considera un "gran acordo". Por iso queren transmitilo á cidadanía, pero tamén advertir do "compromiso" de "pasar do acordo aos feitos".

Segundo o parlamentario soberanista, algúns dos "compromisos" acadados son "urxentes" e así o esixirán ao PSOE no seguimento do pacto. Entre esas urxencias Rego sinala o estatuto para a industria electointensiva ou os "convenios de transición xusta" para comarcas afectadas polo peche das térmicas, como a das Pontes. Outros asuntos, como os vinculados a investimentos concretos, están vinculados "ao próximo paso", a negociación dos Orzamentos Xerais do Estado, resalta.

Rego, deputado do BNG no Congreso, no reparto do folleto da formación sobre o pacto de investidura co PSOE CC-BY-NC-SA BNG

Neste contexto, Rego retruca tamén ás críticas reiteradas polo PP nos últimos días e este mesmo sábado, nas que os de Feijóo reprochan ao Bloque que non incluíse explicitamente no seu pacto cos de Sánchez o pagamento dos fondos pendentes do financiamento autonómico de anos anteriores e, máis concretamente, os 198 millóns do IVE de 2017 que o Goberno de Rajoy non ingresou. "É coñecida a nosa posición de firmeza" para reclamar "o que corresponde a todos os galegos" e "o noso emprazamento a Feijóo" a que os esixa "pola vía política e xudicial" advirte.

"Se Feijóo quere que fagamos o seu traballo, que nos deixe o seu posto", ironiza o deputado do BNG no Congreso

Non obstante, para o parlamentario a posición do actual presidente da Xunta a respecto do pagamento dos fondos estatais é semellante ás súas queixas a respecto do remate e posta en servizo do AVE á Meseta xusto na seman ana que "coñecemos algunhas das causas que levaron á demora", as vinculadas a que "os gobernos do PP paralizaron de maneira irregular as obras do AVE" galego, tal e como constatou o Tribunal de Cuentas esta mesma semana.

A "responsabilidade" do acontecido "está no seu partido" pero "nese momento", Feijóo "non só non reivindicaba nada, senón que xustificaba a actuación do Goberno central". Mentres, asegura, o Bloque é agora "igual de reivindicativo" que co PP. En calquera caso, ironiza, se Feijóo "quere que fagamos o seu traballo, que nos deixe o seu posto".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.