Faltan, como moito, uns oito meses para as eleccións galegas. E o primeiro Consello da Xunta do ano electoral tivo sobre a mesa remudas en tres postos clave da Presidencia da Xunta. Son cargos da máxima confianza de Alberto Núñez Feijóo practicamente descoñecidos fóra dos círculos políticos e xornalísticos, pero de especial transcendencia na acción política do Goberno e, sobre todo, na comunicación da súa actividade.
Segundo o exposto por Feijóo, as mudanzas chegan polo cesamento "a petición propia" do secretario xeral da Presidencia, que antes fora un dos cargos protagonistas da fusión das caixas
Segundo o exposto por Feijóo ao remate da reunión do seu gabinete, mentres transcendían algúns dos nomes do novo goberno de Pedro Sánchez, o desencadeante das mudanzas é o cesamento "a petición propia" do ata agora secretario xeral da Presidencia, Manuel Galdo. Segundo Feijóo, o ata agora alto cargo "quere abrir unha nova etapa, e ben que o sinto", pero "as decisións persoais e familiares son prioritarias".
Galdo viña sendo peza clave do gabinete da Presidencia dende 2015, pero antes estivera na cerna dunha das operacións políticas e económicas máis publicitadas pola Xunta de Feijóo, pero tamén máis controvertidas. Como director xeral de Política Financeira e Tesouro, cargo que xa ocupara con Fraga, foi un dos protagonistas dos movementos da Xunta a prol da fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Esa é unha das xestións polas que, afirma Feijóo, agradece "dunha forma moi especial" o seu servizo.
A vacante na secretaría xeral da Presidencia é cuberta por quen agora se situaba un chanzo por baixo no seu organigrama, Álvaro Pérez, outro estreito colaborador de Feijóo dende os seus tempos como conselleiro de Política Territorial e vicepresidente de Fraga. "Levo 18 anos traballando con el", resume o actual xefe da Xunta sobre quen veu sendo director xeral do gabinete da Presidencia dende 2009.
O novo secretario xeral era xa un dos máis estreitos colaboradores de Feijóo, Álvaro Pérez; o seu posto pasa a ocupalo a ata agora xefa de comunicación do presidente, Marta Varela
O mesmo movemento cara a un chanzo superior é o decidido para a remuda no posto que deixa Pérez. A dirección xeral do gabinete pasa a ser exercida pola xornalista Marta Varela, xefa de comunicación do presidente dende 2013 e, dende 2009, membro do seu equipo de comunicación, organicamente paralelo á Secretaría Xeral de Medios que dirixe Mar Sánchez Sierra, pero en estreita coordinación con esta e dependente, a efectos prácticos, das súas decisións estratéxicas. O seu substituto será Marcos Gómez Román, xefe de prensa da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia dende o ano 2009.
Estes nomeamentos apuntan a un redobramento da aposta do gabinete de Feijóo polos departamentos clave na comunicación ás portas da convocatoria electoral. Chegan despois de que, nos últimos meses, o presidente e o seu equipo adoptasen medidas como o reforzamento da súa imaxe nas redes sociais, alén doutras accións menos visibles coa mesma finalidade.