A eurodeputada galega Lídia Senra instou a UE a que non obrigue a poboación a vacinarse porque é "unha práctica de risco" e porque "ninguén puido demostrar a seguridade das vacinas". A parlamentaria de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe) diríxese así ao Executivo comunitario e alerta dos "efectos colaterais, contraindicacións e moitos efectos secundarios e adversos" da vacinación porque, segundo aclara, "poden chegar nalgúns casos a provocar a morte". A polémica non tardou en saltar, tanto nas redes sociais como fóra delas, e Anova -unha das patas que conformou AGE e formación que propuxo a parlamentaria para os comicios europeos- xa amosou o seu malestar e aclarou nun comunicado que "non comparte a súa iniciativa". Tamén En Marea aclarou que non comparte a súa postura e aclara que a representante "non está ligada organicamente ao espazo político".
Senra instou a UE a que non obrigue a poboación a vacinarse porque é "unha práctica de risco" e "ninguén puido demostrar a seguridade das vacinas"
Así, Anova aclara, logo de coñecer a pregunta rexistrada por Senra no Parlamento europeo, que a posición expresada pola eurodeputada "non foi consultada nin é compartida" pola organización política, que advirte que "as decisións sobre iniciativas da representación política deben ser sempre colectivas". "O contrario é faltar ao compromiso co electorado", expresa a formación nacionalista, que agarda "que non se insista nunha liña de decisións individuais" que, segundo di, "non son compartidas con ningunha das organizacións que promoveron a súa candidatura".
"As vacinas teñen, despois de pasar diversas e rigorosas probas, un balance risco-beneficio demostrado", lembra Anova
"A vacinación sistemática da poboación supuxo nas últimas décadas un avance notorio na saúde pública, na medida en que conseguiu erradicar ou minimizar ostensiblemente a transmisión de enfermidades infecciosas que noutro tempo foron mortais ou indutoras de graves secuelas", asegura Anova, que engade que, tendo en conta que "non existe fármaco ningún que careza de efectos secundarios", as vacinas "teñen, despois de pasar diversas e rigorosas probas, un balance risco-beneficio demostrado". "Sobre elas realízase, como no resto de medicamentos, un seguimento de control e vixilancia", insiste.
A formación nacionalista advirte que "a posición expresada pola eurodeputada non foi consultada nin é compartida"
"Unha redución significativa na porcentaxe de vacinacións do sistema público sería un risco evidente non só para as persoas que o deixasen de facer, senón tamén para a sociedade en xeral, polo que non se debe alentar tal feito", di o partido que aclara que "a influencia da industria farmacéutica e dos seus intereses meramente mercantilistas non se pode obviar", pero tamén que "este argumento non pode levar a considerar as vacinas como elementos prescindibles para a saúde pública".
En Marea, pola súa banda, emitiu outro comunicado para aclarar que "non comparte a posición política nin científica da iniciativa levada ao Parlamento Europeo por Lídia Senra" que, segundo lembran "non está ligada organicamente ao espazo político". A formación di que "parte da evidencia científica de que as vacinas salvan vidas e evitan enfermidades, até o punto de acadaren erradicar do planeta doenzas que noutrora foran letais para a humanidade".
En Marea aclara que "non comparte a posición política nin científica" de Senra e lembra que "non está ligada organicamente ao espazo político"
Ademais, En Marea destaca que, pola contra, "reclama unha maior dedicación de investimento do orzamento público para o desenvolvemento de novas vacinas que permitan erradicar enfermidades así, como o seu acceso universal á poboación". Ademais, a formación lembra que, "aínda que Lidia Senra fose electa nunha lista pertencente á AGEe, e as relacións que mantén co espazo de confluencia son de cooperación, nin esta deputada está ligada organicamente a En Marea como parlamentaria nin en modo ningún a súa iniciativa representa a posición política de En Marea".
Senra pertence ao grupo Izquierda Unitaria Europa (GUE/NGL). En declaracións a Europa Press, o secretario de Organización de EU, Rubén Pérez, acusou a europarlamentaria de "transfuguismo" por actuar como "non adscrita" e "non render contas a ninguén". Nun comunicado conxunto de EU e IU federal, ambas formacións aclaran que a eurodeputada "non forma parte" da súa organización e que se "desmarcan por completo" da súa pregunta. "Parécenos un erro ao expresar unha opinión sen rigor ningún e unha irresponsabilidade ao alentar unha iniciativa que persegue a redución da porcentaxe de vacinacións desde o sistema de saúde pública", din.
EU desmárcase tamén de Senra e lembra que "hai un ano que se desvinculou da delegación" que forma o grupo GUE/NGL
Ademais, EU lembra que malia que Senra concorreu na lista electoral de Izquierda Plural e é membro do grupo GUE/NGL, xunto a outros membors de IU, "desvinculouse unilateralmente da delegación hai un ano". "Este caso de transfuguismo foi debatido na reunión da Coordinadora Federal de IU do 4 de marzo de 2017", destacan.
Preguntada polas críticas, Lídia Senra cre que “igual os que se molestan pensan que o seu negocio pode sufrir se isto sae adiante”. En declaracións a GCiencia, e a respecto do aumento dos casos de sarampelo, lembrou: “Eu tamén pasei de pequena o sarampelo, como tanta outra xente”.
As preguntas de Lídia Senra foron realizadas en agosto e respondidas en setembro pola Comisión Europea, que advirte á eurodeputada galega que as vacinas "unicamente se autorizan despois de que a súa calidade, seguridade e eficacia foran avaliadas e se concluíse que hai un balance positivo entre os riscos e os beneficios relacionados co seu uso".
"A vacinación segue a seru a intervención preventiva de saúde pública máis eficaz para protexer a poboación fronte a un gran número de enfermidades contaxiosas", engade a Comisión.