O autónomo que tiña débedas e ao tempo estaba ao día: a Xunta é condenada polo seu criterio dispar en dúas axudas tramitadas á vez

Feijóo e Rueda nun acto con persoas autónomas en 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego vén sendo condenado en numerosas sentenzas por erros á hora de certificar que solicitantes de subvencións pola pandemia tiñan contas pendentes con Facenda, pero agora o TSXG aféalle a disparidade de criterio cunha mesma persoa

Nos últimos meses a Xunta vén sendo condenada en numerosos procesos xudiciais distintos por denegar axudas que convocou para a recuperación económica pola pandemia da COVID co argumento de que as persoas ou empresas solicitantes non se atopaban ao día con Facenda ou a Seguridade Social, un dos requisitos comúns para poder recibir todo tipo de subvencións públicas. En ducias de sentenzas semellantes o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén constatando, tras achegar os afectados os certificados correspondentes, que estes non tiñan ningunha débeda, e condena á administración a outorgarlles as subvencións denegadas previamente.

Os erros na tramitación de procedementos administrativos que obrigan á cidadanía a recorrer á xustiza ordinaria na defensa dos seus dereitos son habituais, pero o caso que revela agora unha sentenza con data do 21 de outubro é inusual. O Goberno galego, con Feijóo aínda á súa fronte, denegou a un autónomo unha axuda co argumento de que tiña débedas con Facenda pero ao tempo outorgoulle outra subvención distinta tramitada ao mesmo tempo e que tiña o mesmo requisito de estar ao día nos pagos. 

Sentenza do TSXG que condena a Xunta a dar unha axuda que denegou a un autónomo CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a sentenza agora feita pública polo TSXG, un autónomo solicitou o 28 de novembro de 2020 dúas subvencións distintas dentro do denominado “programa de rescate das persoas autónomas” da Xunta: unha para o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas, co código de procedemento TR400B, e outra de apoio á hostalería, co código TR400C. As condicións das axudas, publicadas un día antes no Diario Oficial de Galicia, establecían nos dous casos a obriga de “estar ao corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas [...] con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión”. 

A sentenza critica que a Xunta non dixo nada sobre os certificados que achegou o autónomo "e tampouco discute que se concedeu ao demandante outra subvención solicitada na mesma data baixo os mesmos criterios normativos”

Na súa solicitude o autónomo autorizou a consulta por parte da Xunta a outras administracións para certificar que non tiña débedas, pero tamén presentou un certificado ao respecto da Axencia Tributaria de Galicia con data do 1 de decembro de 2020. Porén, o 10 de febreiro de 2021 a Xunta resolveu denegar a axuda TR400B dirixida a microempresas por non estar ao día coas administracións, en particular coa Facenda estatal.

O afectado recorreu na vía administrativa e entregou un segundo certificado con data do día seguinte á resolución da Xunta, pero o Goberno galego desestimouno igualmente e obrigouno a acudir á xustiza ordinaria. No proceso xudicial a Xunta respondeu que a data do 9 de decembro, entre os dous certificados achegados polo afectado, este “constaba con débedas”. Porén, o seu avogado considerou “sorprendente que se lle denegue a subvención” de microempresas “e se lle conceda a subvención de hostalaría cando ambas subvencións foron solicitadas na mesma data e baixo os mesmos criterios normativos”.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

O TSXG, na súa sentenza, recolle como a Xunta se limita a dicir que constaban débedas o 9 de decembro, “pero non di nada sobre os certificados acompañados ao recurso de reposición e á demanda” e “tampouco discute que se concedeu ao demandante outra subvención solicitada na mesma data baixo os mesmos criterios normativos”. Ante iso, o tribunal di que “resulta [á vista dos certificados achegados] que o solicitante da subvención si estaba ao corrente das súas obrigas tributarias estatais”, as argumentadas pola Xunta como incumpridas. 

“Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións que os tribunais veñen dirixindo ao Goberno galego no eido do emprego autónomo "que tanto pregoa"

A sentenza conclúe recoñecendo “o dereito do demandante a obter a subvención que solicitou cos intereses legais” desde a data en que se lle denegou. Tamén impón á Xunta as costas xudiciais ata un máximo de 1.500 euros. A resolución xudicial chega dous anos despois de que o afectado solicitase a subvención á que tiña dereito.

A sentenza agora coñecida é unha máis das diversas que veñen condenando ao Goberno galego por denegar ou restrinxir subvencións a persoas ou empresas que tiñan dereito a elas. “Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións coas que veñen cualificando as actuacións do Goberno galego uns tribunais que mesmo chegaron a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo “que tanto pregoa” o Goberno galego.

Feijóo nunha imaxe de arquivo anunciando axudas ao emprego autónomo e unha das varias sentenzas do TSXG censurando o proceder da Xunta na materia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.