"Imposible desde un punto de vista físico": condenas á Xunta por dar axudas cando xa non se poden xustificar

Unha das varias sentenzas que condena a Xunta por outorgar axudas ao emprendemento con prazos imposibles de cumprir CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego vén sendo corrixido polo TSXG por outorgar subvencións ao emprendemento despois da data límite para gastalas

Hai anos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pon "en cuestión" o fomento do emprego e o emprendemento por parte da Xunta pola excesiva rigorosidade e erros cos que xestiona as súas subvencións. En xuño Praza.gal divulgou unha sentenza na que o Goberno galego foi condenado pola súa falta de "boa fe" por dar un "anticipo" de axudas a autónomos despois da data límite fixada para gastalas, "actitude" que o TSXG cualificou como "pouco dilixente"

Nos últimos meses o mesmo tribunal fixo públicas cando menos tres sentenzas distintas. Condenan actuacións similares do Goberno galego ao conceder axudas cun prazo de execución que "xa expirara" e polo tanto cun requisito de execución "imposible desde un punto de vista material e físico".

Acto da Xunta sobre emprendemento nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

As axudas en cuestión agora analizadas polo TSXG en tres sentenzas con datas do 5 e 30 de maio e 4 de xullo correspóndense co programa denominado Emprendemento PLUS, convocado no verán de 2023. As tres empresas afectadas viron denegadas as súas solicitudes en outubro e recorreron. A daquela Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aceptou as súas alegacións e concedeu as subvencións, pero fíxoo notificando as súas decisións en xaneiro de 2024 e mantendo o prazo para a súa execución establecido inicialmente na convocatoria das axudas, o 31 de decembro do ano anterior. 

A xustiza lembra á Xunta que "os actos de contido imposible son nulos de pleno dereito"

Ante esta situación as empresas recorreron á xustiza, recursos que a Xunta tentou invalidar sen éxito. E o que concluíu o TSXG nos tres casos é similar, que o Goberno galego debe dar ás empresas un prazo de dous meses para que poidan cumprir e xustificar as condicións das subvencións a que tiñan dereito. 

Nunha das sentenzas o tribunal constata que o prazo consignado pola Xunta nas resolucións coas que outorgou as axudas facía "imposible desde un punto de vista material e físico dar cumprimento ao seu contido, por razóns obvias, por canto que se notificou unha vez que aquel prazo xa expirara, polo que de pouco valería á recorrente que se lle conceda unha subvención se despois non pode xustificar o investimento concedido porque xa transcorreu o prazo para iso, o que lle impediría ser beneficiario".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Outra das sentenzas constata que ao aceptar as alegacións da empresa contra a denegación inicial da axuda "houbo de ampliarse o prazo de execución, toda vez que se a subvención non se concedía, non realizaría o investimento, ao tratarse dunha axuda finalista, establecéndose un prazo de execución a unha data en que a subvención non fora aínda concedida, senón que estaba denegada"

En todos os casos o tribunal lembra que "os actos de contido imposible son nulos de pleno dereito".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.