Rueda minimiza as críticas de Contas sobre a atención primaria e culpa a Sánchez da falta de médicos

Rueda nun centro de saúde nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente di que os últimos orzamentos veñen rexistrando "récords" de investimentos en atención primaria e considera que en materia de persoal "o Goberno central ten moito que facer e non o está facendo". 

O pasado xoves o Consello de Contas, ente independente fiscalizador das administracións galegas, fixo público un informe específico sobre a atención primaria do Sergas. O documento sinala, entre outras cuestións, que a Xunta lle dedica o 12% do gasto sanitario, por baixo do 14% da media estatal e moi por baixo do 25% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Tamén sinala a falta de profesionais, especialmente pediatras, con 120 concellos que carecen desa figura.

Sobre as conclusións dese informe foi preguntado este luns o presidente Rueda, que minimizou o documento e deitou parte da responsabilidade no Goberno de España encabezado por Pedro Sánchez. 

Destaques sobre o déficit de pediatras no informe de Contas sobre Atención Primaria e alegacións do Sergas CC-BY-NC-SA Praza.gal

Rueda comezou a súa valoración salientando que a auditoría de contas "refírese ao ano 2023" e facendo ver que nos últimos tres anos o seu Goberno mellorou a atención primaria. "Di que fai falta máis investimento, e estamos de acordo, por iso estamos a incrementalo estes anos", valorou o presidente, que asegurou que nos últimos anos os Orzamentos da Xunta viñeron rexistrando sucesivos "récords" na atención primaria. 

O presidente tamén salientou como segundo elemento do informe de Contas "que faltan máis médicos", ao que respondeu que "na parte que podemos, estamos a desenvolver todas as nosas capacidades". Porén, Rueda considera que "o Goberno central ten moito que facer e non o está facendo". 

Unha concentración en defensa da atención primaria CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

O presidente, pola contra, desbotou pronunciarse sobre outro informe coñecido nos últimos días, do Instituto Galego de Estatística, que constata a progresiva redución do número de camas hospitalarias dispoñibles. Rueda dixo non coñecer os datos e evitou valoralos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.