Os permisos por nacemento ampliaranse a 20 semanas e o de coidado dos fillos será retribuído

Un pai, coa súa filla pequena CC-BY-SA Xunta

O permiso parental de coidados das crianzas será remunerado e o de paternidade e maternidade por nacemento dun fillo ampliarase das 16 semanas actuais ás 20. Estas foron algunhas das medidas que anunciou este mércores o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy durante a toma de posesión dos altos cargos do Ministerio. 

"Imos avanzar nos vindeiros meses para que sexa unha realidade a remuneración do permiso de coidados para o benestar de oito semanas por cada fillo a cargo", asegurou Bustinduy, que enmarcou a decisión no cumprimento do acordo de Goberno e da directiva que nesta materia se aplica desde a UE. 

Un home pasea unha crianza, nun parque en Galicia CC-BY-SA Xunta

A idea é que se remuneren as primeiras catro semanas das oito do permiso para o coidado de fillos menores de oito anos

A idea é que, nun inicio, se remuneren as primeiras catro das oito semanas deste permiso para a crianza dos fillos, que supoñen dous meses libres para atender os pequenos antes de que fagan oito anos. Un permiso que se pode coller a tempo completo, por días ou por semanas, tanto un proxenitor coma o outro. 

Este permiso fora aprobado por decreto o pasado mes de xuño e estaban incluídos na lei de familias do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 que decaera por mor do adianto da convocatoria electoral tras ser aprobada o pasado 28 de marzo. 

Daquela, non se contemplaba que fose retribuído, senón unha especie de excedencia curta que podería partirse ou gozar dunha soa vez. Tamén se aprobaran entón outros dous permisos para a conciliación: o de coidado de cinco días ao ano retribuídos para familiares de ata segundo grao e conviventes, así como o de "causa de forza maior", que se distribúe por horas e pode alcanzar un total de catro días ao ano por motivos familiares urxentes. 

"Suporá un salto cualitativo na protección social en España, un paso adiante decisivo na conciliación e nas políticas de benestar", insistiu Busdinduy, que apostou por lanzar "con celeridade" a aprobación da Lei de Familias. Esta nova lexislación, dixo, recoñecerá xuridicamente "todos os tipos de familias, como as monomarentais, as adoptivas, as familias LGTBI ou as que contan entre os seus membros a persoas con discapacidade". 

Pablo Bustinduy, na toma de posesión dos altos cargos do Ministerio de Dereitos Sociais © Ministerio de Dereitos Sociais

A Lei de Familias incluirá tamén a extensión de 16 a 20 semanas pagadas a todos os proxenitores que teñan un fillo, así como as que o adopten ou o acollan. Queda por saber se estes beneficios será totais e inmediatos ou se a súa posta en marcha será progresiva. Tampouco se as medidas entrarán en vigor así que se aprobe a lei no Parlamento ou se poderán ter efectos retroactivos nunha data determinada. 

A intención do Ministerio é aprobar a Lei de Familias o máis axiña posible, ben sexa enviándoa ao Consello de Ministros coa redacción que tiña antes da convocatoria das eleccións, incorporando algún cambio mediante emendas parlamentarias; impulsala desde os grupos parlamentarios; ou reabrila de novo e completar a negociación das medidas con outros ministerios. 

Na súa anterior redacción, a norma practicamente universalizaba o cobro da renda crianza de 100 eruos ao mes da que gozan as proxenitoras con fillos ata tres anos, ampliaba o concepto de familia numerosa e permitía anticipar o permiso de paternidade aos 10 días previos ao nacemento. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.