Desde hai máis dunha década, a Xunta mantén un acordo de colaboración coas dioceses de Galicia para facilitar a persoas emigrantes galegas —e fundamentalmente á súa descendencia— a obtención da documentación sobre a súa orixe familiar.
Son miles as consultas que chegan cada ano co obxectivo de consultar e obter os certificados acreditativos da súa ascendencia, claves para tramitar a nacionalidade española ao abeiro da lei estatal de Memoria Democrática pero tamén para outros trámites legais e administrativos, para recuperar a memoria familiar ou comprobar os antepasados que quedan no país.
Segundo os últimos datos difundidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, neste pasado ano 2025 foron 10.000 as persoas galegas do exterior que puideron obter esta documentación a través das dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Tui-Vigo e Astorga, ademais da Arquidiocese de Santiago de Compostela, onde se atenden a maioría de solicitudes, máis de 6.000 tramitadas no Arquivo Histórico da capital galega.
A Xunta cifra en 10.000 as persoas descendentes de galegos que conseguiron documentación nas dioceses sobre as súas orixes en 2025
Estas 10.000 persoas que obtiveron a documentación sobre a súa orixe familiar nas dioceses supoñen "case o dobre que no exercicio exterior", segundo indica a Xunta, aínda que o pasado mes de maio o Goberno galego cifrara en 12.600 os e as beneficiadas fronte ás 7.000 de 2023.
Máis de 30.000 persoas obtiveron nas dioceses galegas os certificados necesarios para tramitar a nacionalidade española
Hai só unhas semanas, en Buenos Aires, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, detallou tamén cifras sobre este proceso, revelando que son xa máis de 30.000 as persoas que puideron conseguir a documentación dos seus antepasados para tramitar a nacionalidade española a través da Lei de Memoria Democrática, nun proceso extraordinario que rematou no pasado outono.
Os arquivos diocesanos custodian fondos documentais esenciais —partidas de nacemento, bautismo, matrimonio ou defunción— que resultan clave para acreditar a ascendencia galega. Estes papeis son claves para moitas persoas que se atopan con atrancos para conseguir as certificacións requiridas, sobre todo nas que son anteriores a 1880. Antes dese ano non existían os rexistros civís e só se pode obter esa documentación a través dos rexistros parroquiais.
A Xunta destaca que, "ante o incremento sostido das solicitudes", reforza ano tras ano esta colaboración coas dioceses co obxectivo de "garantir unha atención rigorosa e áxil ás persoas residentes no exterior". A cooperación inclúe a atención prioritaria ás solicitudes procedentes da emigración, así como o apoio á dixitalización, ordenación e sistematización da documentación histórica conservada nos arquivos parroquiais e diocesanos.