O 22 de xaneiro de 1961, hai hoxe 65 anos, un grupo de 24 integrantes do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) secuestrou no medio do Océano Atlántico o Santa María
O 22 de xaneiro de 1961, hai 65 anos, un grupo de 24 integrantes do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) secuestrou no medio do Océano Atlántico o Santa María, un buque portugués de transporte de pasaxeiros, que facía a ruta Caracas-Lisboa-Vigo. O secuestro estaba coordenados polos portugueses Henrique Galvão e Humberto Delgado e os galegos Xosé Velo e José Fernández Vázquez e buscaba en primeiro lugar chamar a atención internacional sobre as ditaduras de Franco e Salazar en España e Portugal. A acción fora denominada Operación Dulcinea, aínda que Xosé Velo propuxera chamarlle Operación Compostela.
No buque, rebautizado polos activistas como Santa Liberdade, viaxaban 586 persoas. O secuestro durou case dúas semanas, ata o 4 de febreiro, momento en que, despois de manter negociacións co goberno brasileiro, o buque foi atracado en Recife, a cambio de que os integrantes do DRIL recibisen o estatus de refuxiados políticos.
O secuestro estaba coordenados polos portugueses Henrique Galvão e Humberto Delgado e os galegos Xosé Velo e José Fernández Vázquez e buscaba en primeiro lugar chamar a atención internacional sobre as ditaduras de Franco e Salazar en España e Portugal
Durante a acción, na que xurdiron importantes fendas entre algúns dos participantes (nomeadamente entre Henrique Galvão e os galegos Velo e Fernández), estivo sobre a mesa o desvío do barco a algunha das colonias portuguesas ou española en África, para acender alí unha revolta. Aínda que finalmente isto non foi levado a cabo, o secuestro espertou un importante interese mediático internacional, malia que a prensa franquista quixo reducir o sucedido a unha acción de "pirataría" levada a cabo por portugueses. Porén, o dereito internacional deixou claro que non se trataba cun acto deste tipo (os integrantes do DRIL non tocaron a caixa forte do buque) e mesmo así foi recoñecido polo Goberno estadounidense, cuxos barcos militares limitáronse a escoltar o 'Santa Liberdade', asumindo o carácter político das reivindicacións.
O DRIL realizara algunha acción de escasa importancia en España nos dous anos anteriores, consistentes na colocación dalgún artefacto explosivo. Porén, o secuestro dun buque trasatlántico no que viaxaban centos de pasaxeiros de varias nacionalidades supuxo o feito máis relevante da súa actividade, inspirado en parte polo éxito propagandístico de movementos como o asalto ao Cuartel Moncada en Cuba no ano 1953, xerme da revolución posterior. As diverxencias entre os seus integrantes levaron á súa disolución pouco despois.
O secuestro do buque, rebautizado polos activistas como Santa Liberdade, durou case dúas semanas, ata o 4 de febreiro, momento en que, despois de manter negociacións co goberno brasileiro, o barco foi atracado en Recife, a cambio de que os integrantes do DRIL recibisen o estatus de refuxiados políticos
Este xoves conmemorouse o 65 aniversario dunha das accións máis espectaculares realizadas en contra das ditaduras española e portuguesa, unha acción reivindicativa que ademais afirmou na súa orixe un sincero iberismo e que malia o seu impacto -foi seguida en directo por medios de comunicación de todo o mundo- foi progresivamente esquecida nas décadas seguintes.
O mesmo sucedeu cun dos seus protagonistas, Xosé Velo Mosquera, coñecido tamén polo sobrenome de Carlos Xunqueira de Ambía, unha figura singular na Galicia daquelas décadas. Naceu en Celanova o 21 de abril de 1916 e foi un activista cultural e político cunha actividade intensísima ao longo de boa parte do século XX e que malia a significación das súas accións continúa a ser un gran descoñecido en Galicia.
Coincidindo co 65 aniversario da acción do Santa Liberdade, vén de inaugurarse na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago a exposición Love Velo, no marco da actividade Xosé Velo: 65 anos da "Operación Compostela", comisariada por Aser Álvarez
Hai tres anos comezou un proceso de reivindicación da súa memoria, grazas a unha iniciativa da Deputación de Pontevedra, coincidindo co 106 aniversario do seu nacemento. Nese momento estreouse o documental Xosé Velo. O libertador ibérico, dirixido por Aser Álvarez, e presentouse o libro Xosé Velo. Textos escollidos no que se inclúen poemas, textos, artigos e outros materiais do autor recuperados e adquiridos pola institución provincial.
Agora, coincidindo co 65 aniversario da acción do Santa Liberdade, vén de inaugurarse na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago a exposición Love Velo, no marco da actividade Xosé Velo: 65 anos da "Operación Compostela", comisariada por Aser Álvarez, director de Arraianos Producións.
Ademais, o vindeiro mércores 28 de xaneiro o Salón de Actos da Facultade de Filosofía acollerá a preestrea do documental Expediente Velo (2026), de Aser Álvarez no marco desta actividade e do Ciclo Cinema Filosófico da Facultade de Filosofía da USC.
A vida de Pepe Velo
Hai tres anos comezou un proceso de reivindicación da súa memoria, grazas a unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e de Aser Álvarez, director de Arraianos Producións
Foi un dos fundadores das Mocidades Galeguistas en Celanova, onde foi elixido en 1935 secretario xeral da Federación de Mocedades Galeguistas. Despois do Golpe de Estado de 1936 foi primeiro detido e despois obrigado a integrarse no exército nacional, exiliándose en Guinea. Ao remate da guerra regresou a Galicia, abrindo unha academia de ensino e mantendo a súa actividade de oposición á ditadura, ata que foi de novo detido, saíndo do cárcere en 1945 e fuxindo a Portugal, onde tamén foi detido pola policía salazarista.
Finalmente, conseguiu escapar a Venezuela, onde seguiu traballando como mestre e chegou a ser presidente do Lar Gallego, participando no primeiro Congreso da Emigración Galega que se celebrou en xullo de 1956 en Bos Aires. A finais dos 50 entrou en contacto con outros opositores ás ditaduras española e portuguesa, integrándose no DRIL. Despois da devolución do barco ás autoridades brasileiras, Velo ficou no país, instalándose en São Paulo, onde puxo en marcha a libraría Nós e a Editora Nós, morrendo nos anos 70.
A arenga de Xosé Velo
Tres días despois do secuestro, o 25 de xaneiro, Xosé Velo realizou a súa coñecida arenga a través da megafonía do barco: “Irmáns: os tempos son chegados..."
Tres días despois do secuestro, o 25 de xaneiro, Xosé Velo realizou a súa coñecida arenga a través da megafonía do barco: “Irmáns: os tempos son chegados. Mais nós non andamos ao paso do tempo. Nós ímos sempre a destempo para ficarmos saudosos, dimitidos, no contratempo. Que ben di o Dieste cando trasuda a súa galeguidade humana nos Mandamentos para axudar á Renacenza de Galiza!: Ser sempre oportunos, endexamais oportunistas”. E engade: “mais, que foi do Alexandre Bóveda, do Ánxel Casal, do Víctor Casas? Que foi do Castelao? Será que lles tocou a morte podre?".
"Os soños de xustiza que moveron a vontade daqueles mártires están a punto de se realizar. Aínda os galegos emigran, aínda é asoballada a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa capacidade de autodeterminazón", di. E conclúe: "A Hespaña aínda non naceu (...) Fagamos a Hespaña dende cada recanto das nosas nazóns ceibes, crebemos as búsolas e o compás. Destituamos todos os puntos cardinais que nos separan: non hai máis norte, nin sul, nin leste, nin oeste. Hai soio un punto cardinal: o home. En Galiza Ceive, a 25 de xaneiro de 1961".
Varias obras amosan a destacada participación dos galegos no asalto ao Santa María, destacando o libro escrito polo comandante Soutomaior "Eu roubei o Santa María", publicado en galego por Galaxia en 1999. De igual xeito, no ano 2004 Margarita Ledo dirixiu o documental "Santa Liberdade", coa participación de de Camilo Mortágua (man dereita de Galvâo), Federico Fernández Ackermann (fillo do comandante Soutomaior) e Vítor Velo (fillo de Xosé Velo).