O sábado 23 terá lugar a estrea do documental ‘Xosé Velo. O libertador ibérico’, dirixido por Aser Álvarez, e a presentación do libro ‘Xosé Velo. Textos escollidos’
O 21 de abril de 1916 naceu en Celanova Xosé Velo Mosquera, activista cultural e político cunha actividade intensísima ao longo de boa parte do século XX e que malia a significación das súas accións (comezando pola seu papel no DRIL e o secuestro do buque 'Santa María') continúa a ser un gran descoñecido en Galicia.
A Deputación de Pontevedra vaille render homenaxe esta semana, coincidindo co 106 aniversario do seu nacemento. O vindeiro sábado 23 terá lugar a estrea do documental ‘Xosé Velo. O libertador ibérico’, dirixido por Aser Álvarez, e a presentación do libro ‘Xosé Velo. Textos escollidos’ no que se inclúen poemas, textos, artigos e outro material do autor recuperados e adquiridos pola institución provincial. Será nun acto conxunto, baixo o coidado de Arraianos Producións, no salón de Plenos da Deputación de Pontevedra, que comezará ás 11.30 horas.
A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, destaca que o obxectivo é “seguir loitando contra a desmemoria” e rescatar e divulgar a figura "do libertador que fixo que o mundo pousase os seus ollos sobre os pobos europeos que ficaban sometidos polo fascismo"
A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, destaca que o obxectivo é “seguir loitando contra a desmemoria”, rescatar do descoñecemento e divulgar a figura "do libertador que fixo que o mundo pousase os seus ollos sobre os pobos europeos que ficaban sometidos polo fascismo ideando o secuestro do buque Santa María", conseguindo "que o propio Kennedy abordase as ditaduras de Franco e Salazar na súa primeira comparecencia".
Ortega subliñou a necesidade de afondar no coñecemento de persoas como Xosé Velo “que traballaron e loitaron pola liberdade e que sufriron para que nós hoxe deamos pasos para acadar unha democracia madura e sen complexos". "Debemos ter estas persoas como referente de cara a onde queremos camiñar e obxectivos que queremos construír como país”, engade.
Coincidindo co 50 aniversario do falecemento de Velo en Brasil, vaise levar a cabo un programa de actividades para reivindicar o seu legado
Neste ano 2022 conmemórase o 50 aniversario do falecemento de Xosé Velo en Brasil. Coincidindo coa efeméride, vaise levar a cabo un completo programa de actividades para reivindicar o seu legado dende unha perspectiva contemporánea, contribuindo a divulgar a súa vida e obra, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e tamén do Concello de Celanova, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.
Os materiais adquiridos nos últimos anos pola Deputación de Pontevedra xa se atopan en consulta libre para a cidadanía a través do portal Atopo
O arquivo persoal de Xosé Velo está composto por ensaios, artigos, cartas, fondos gráficos e audiovisuais relacionado coa súa actividade política e cultural. Inclúen transcricións ou copias de manuscritos de preto de 50 poemas escritos entre a década dos 30 e dos 70 e inéditos case todos.
As negociacións co fillo de Velo (Vítor Velo, afincado en Brasil) para dispoñer do arquivo pecháronse a finais de 2019 grazas ao cineasta Aser Álvarez. O material chegou a Pontevedra coincidindo co inicio da pandemia de Covid e nos últimso dous anos levouse a cabo un traballo de inventario, catalogación e dixitalización. Os materiais adquiridos nos últimos anos pola Deputación de Pontevedra xa se atopan en consulta libre para a cidadanía a través do portal Atopo.
Unha figura clave do século XX
O arquivo persoal de Xosé Velo está composto por poemas inéditos, ensaios, artigos, cartas, fondos gráficos e audiovisuais relacionados coa súa actividade política e cultural
Xosé Velo, nacido en Celanova en 1916, fora un dos fundadores das Mocidades Galeguistas nesta localidade, sendo elixido en 1935 secretario xeral da Federación de Mocedades Galeguistas. Despois do Golpe de Estado de 1936 é primeiro detido e despois obrigado a integrarse no exército nacional, exiliándose en Guinea. Ao remate da guerra regresou a Galicia, abrindo unha academia de ensino e mantendo a súa actividade de oposición á ditadura, ata que foi de novo detido, saíndo do cárcere en 1945 e fuxindo a Portugal, onde tamén foi detido pola policía salazarista.
Finalmente, conseguiu escapar a Venezuela, onde seguiu traballando como mestre e chegou a ser presidente do Hogar Gallego. A finais dos 50 entra en contacto con outros opositores ás ditaduras española e portuguesa, integrándose no DRIL. Despois da devolución do barco ás autoridades brasileiras, Velo ficou no país, instalándose en São Paulo, onde puxo en marcha a libraría Nós e a Editora Nós, morrendo nos anos 70.
O secuestro do Santa María (Santa Liberdade)
O secuestro buscaba chamar a atención internacional sobre as ditaduras de Franco e Salazar en España e Portugal
O 22 de xaneiro de 1961 un grupo de 24 integrantes do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) secuestrou no medio do Océano Atlántico o Santa María, un buque portugués de transporte de pasaxeiros, que facía a ruta Caracas-Lisboa-Vigo. O secuestro foi coordenados polos portugueses Henrique Galvão e Humberto Delgado e os galegos Xosé Velo (Carlos Xunqueira de Ambía) e José Fernández Vázquez (comandante J. Soutomaior) e buscaba en primeiro lugar chamar a atención internacional sobre as ditaduras de Franco e Salazar en España e Portugal.
"Que foi do Alexandre Bóveda, do Ánxel Casal, do Víctor Casas? Que foi do Castelao? Será que lles tocou a morte podre? Os soños de xustiza que moveron a vontade daqueles mártires están a punto de se realizar", dixo Velo na súa arenga
No buque, rebautizado polos activistas como "Santa Liberdade", viaxaban 586 persoas. O secuestro durou case dúas semanas, ata o 4 de febreiro, momento en que, despois de manter negociacións co goberno brasileiro, o buque foi atracado en Recife, a cambio de que os integrantes do DRIL recibisen o estatus de refuxiados políticos.
Tres días despois do secuestro, o 25 de xaneiro, Xosé Velo realizou unha arenga a través da megafonía do barco: "Que foi do Alexandre Bóveda, do Ánxel Casal, do Víctor Casas? Que foi do Castelao? Será que lles tocou a morte podre? Os soños de xustiza que moveron a vontade daqueles mártires están a punto de se realizar"