“O silencio sobre Xosé Velo en Galicia é escandaloso; está todo por facer”

Velo, no Congreso da Emigración, en Bos Aires, en 1956 Dominio Público Praza Pública

“Non se pode falar do Santa María sen falar de Xosé Velo, pero si se pode falar de Velo sen o Santa María”. Estas palabras pertencen, tal e como lembra o editor Paco Macías, a Victor Velo, fillo dun intelectual cuxo centenario celebrarase ao longo deste 2016. A súa figura resulta tan poliédrica como descoñecida nun país, Galicia, afeito aos claroscuros e a darlle as costas, segundo as circunstancias e as motivacións, a algúns persoeiros que non encaixan, xa sexa polo seu perfil libertario ou polo unha identidade disidente. Esa é a idea que expoñen dende a Comisión Procentenario Xosé Velo algúns dos seus membros. “Hai dende fai décadas un muro de silencio ao redor de Xosé Velo, simplemente polo feito de que era un home incómodo e radicalmente libre. Resultaba difícil de enmarcar”, sinala Aser Alvarez, quen xunto a Paco Macías, Hixinio Arauxo, Margarita Ledo, Víctor Velo, Manuel Mera ou Lois Codias conforman unha promotora con trazos internacionais. Ese carácter global vén dado pola implicación de autores portuguesas como son Miguel Urbano, as brasileiros Elisabeth Lorenzotti e Ana Mascia Lagoa ou os cataláns Lúa Velo ou Xavier Montayá.

Todos eles, en maior ou menos medida, implicáronse nun Centenario que este venres 22 de xaneiro, día no que se cumpren 55 anos do secuestro do Santa María, presentou no Museo do Pobo Galego as actividades previstas para efeméride. A celebración é simplemente a escusa e os actos, os medios para acadar un obxectivo claro: deitar luz ao redor da súa figura. “Con Xosé Velo está todo por facer”, resume Paco Macías, responsable de Edicións Positivas, antes de engadir que “o silencio en Galicia sobre Velo é un escándalo”.

Para corrixir a desmemoria, o grupo promotor do Centenario desenvolverá unha serie de liñas de actuación ao longo deste ano. En primeiro lugar, están a organizar un Congreso en Santiago para finais de setembro e comezos de outubro. Será un encontro de carácter internacional que reúna aos investigadores e autores que furaron na súa traxectoria. En segundo lugar, está previsto a elaboración dun documental encabezado por Aser Álvarez cuxo obxectivo é a divulgación da figura de Xosé Velo. Publicarase, ademais, a través da editora Positivas a obra completo dun autor pouco coñecido, pero que segundo Macías conta cunha “dimensión e un valor únicos”. Finalmente, manterase unha páxina que servirá de arquivo histórico con todo o material relacionado co autor e de libre acceso para o público. E todo co obxectivo de difundir e espallar a traxectoria, vida e obra dun Xosé Velo ao quen a promotora quere brindar “unha programación que lle faga xustiza”. “Xosé Velo é un gran descoñecido e ese descoñecemento é froito dun país pouco civilizado”, sentencia Álvarez.

Esencial do galeguismo

“Nacido en Celanova en 1916, Xosé Velo é un dos persoeiros galegos máis interesantes e descoñecidos do século pasado”. Con esta rotunda definición ábrese a páxina web sobre o centenario, un espazo chamado a ser o gran arquivo da súa obra, ademais de constituírse como un lugar virtual para resarcir a súa figura, que estivo eclipsada sempre polo asalto ao Santa María.

"Sempre manifestou un compromiso inquebrantable con Galicia, pero nunca foi reivindicado por ninguén por ser un acráta e un home libertario"

“Pero Velo era moito máis ca iso. É un home de gran importancia no galeguismo, creou xunto a Celso Emilio Ferreiro as Mocidades Galeguistas de Celanova. A nivel político, sempre manifestou un compromiso inquebrantable con Galicia, pero nunca foi reivindicado por ninguén por ser un acráta e un home libertario”, sinala Aser Álvarez, quen sinala “a importante e necesaria labor de emprender un exercicio de memoria neste país sen memoria e neurótico”.

O silencio e o Santa María

Cómpre, polo tanto, redescubrir as caras ocultas pola acción do Santa María. Nese senso, débese recuperar ao Velo poeta, o Velo ensaísta, o Velo exiliado, o Velo orador ou o Velo docente.

“Velo rexeitaba por completo a conduta que levaba a pactar coas faccións supostamente máis moderadas do réxime franquista. Por iso resultaba incómodo"

Talvez todas as súas dimensións quedaron ocultas non só polo secuestro do Santa María -a mítica operación que a comezos dos anos sesenta emprendeu un grupo de tan só dúas ducias de persoas e que buscaban poñer o foco internacional sobre as ditaduras de Franco e Salazar-, senón tamén pola súa actitude fronte á certa deriva da oposición exterior e interior ao franquismo. “Velo rexeitaba por completo a conduta que levaba a pactar coas faccións supostamente máis moderadas do réxime franquista. Por iso resultaba incómodo e por iso foi silenciado. Ademais, hai que unirlle que ao ser un idealista e un home tan libre, xamais contou co paraugas nin do nacionalismo nin dos comunistas”, explica Paco Macías.

Mesmo sobre o propio secuestro do Santa María hai lagoas e silencios, xa que sempre se apuntou a que a organización do plan pertencía a Henrique Galvao, un dos líderes do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), formado por exiliados lusos e españois que loitaba contra as ditaduras de Salazar e Franco. “Iso é falso, o cerebro da operación non foi Galvao. O ideólogo foi Pepe Velo, hai evidencias e probas moi claras”, segundo afirma Macías.

Obras completas

Entre as intencións deste Centenario está a publicación, da man de Positivas, das obras completas de Xosé Velo, conformado principalmente por textos ensaísticos, artigos de prensa e poesía.

Está prevista neste 2016 a publicación de dous volumes, un dedicado á obra poética e outro centrado na reedición de Morra España, Viva Hespaña (1966).

Deste xeito, está prevista neste 2016 a publicación de dous volumes, un dedicado á obra poética e outro centrado na reedición de Morra España, Viva Hespaña (1966). Ademais, realizarase a tradución dunha obra de investigación de Xavier Montanyá, Piratas de lla Libertat. Por último, elaborarase unha biografía revisada, produto de todo o traballo neste ano, que emende o esquecemento. Estará coordinado por Luis Codias.

Con estas publicacións, preténdese constituír un corpus bibliográfico de rigor sobre o autor. “Un autor cuxa obra é radicalmente contemporánea, que trata temas vixentes na actualidade e dende unha perspectiva moi clarificadora”, asegura Aser Álvarez, que tamén quere destacar a singularidade dunha obra, por desgraza, inconclusa e desaparecida. “ ¡Velo realizou unha obra chamada A rebelión dos sinais, un percorrido pola historia universal para a infancia pola que se interesou a Fundación Ford para a súa publicación e distribución”, engade Álvarez.

Documental e rigor

Aser Álvarez será precisamente quen coordine a elaboración dun documental divulgativo. Non será nin moito menos a primeira incursión neste xénero audiovisual do realizador, xa que no Centenario de Celso Emilio lanzou o documental 100x100 CEF. Nesa peza está, quizais, o xermolo do gran interese de Álvarez pola figura de Velo. “Cheguei a Pepe Velo a través de Celso Emilio, porque os dous compartiron momentos importantes das súas respectivas traxectoria, como a creación das Mocidades Galeguistas. Moitos dos fíos levaban, dun xeito ou doutro, a Pepe Velo”, admite Álvarez, quen confesa a súa admiración polo intectual. “En todo o traballo de documentación e entrevistas realizadas até o momento non atopamos aínda ninguén que falase mal del. Todos recoñecen a súa xenerosidade e tamén a súa capacidade de conciliación. Pensemos que era unha persoa que ao chegar a Venezuela foi quen de unificar os tres centros de galegos de Caracas, o cal parecía imposible”, remarca.

Os organizadores do Centenario buscan derrubar o "muro de silencio" que arrodeou a Velo con accións concretas e divulgativas

Sobre esta peza documental, Álvarez ten claro os seus obxectivos. “Que sirva, en primeiro lugar, para a difusión da súa figura. Despois, como elemento fundamental para a elaboración da biografía escrita, como parte da documentación. E todo feito co máximo rigor”, conclúe.

Ademais, está previsto que a raíz de todo este traballo se elabore unha unidade didáctica para o ensino primario e secundario, unha ferramenta que sexa útil para dar a coñecer nos primeiros chanzos do mundo académico a historia e a obra dun Velo que, antes que autor e intelectual, foi  docente. Así o demostra o seu periplo vital. En todos os lugares que aos chegou por mor da vida e mais do exilio abriu escolas e academias. Na súa natal Celanova, en Vigo e Venezuela fundou centros de ensino.

Este é un resumo urxente, o retrato apurado sobre un persoeiro arrodeado dun “muro de silencio” que, neste 2016, os organizadores do Centenario busca derrubar cunha serie de accións concretas e divulgativas. A mecha prendeu este venres no Museo do Pobo Galego, a partir de agora chegará todo o demais.

Velo, no Congreso da Emigración, en Bos Aires, en 1956 Dominio Público Praza Pública
Logotipo do centenario © Xosé Vizoso

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.