O 21 de abril de 1916 nacía en Celanova Xosé Velo Mosquera. Activista político, mestre, editor e mesmo poeta, Velo pasou á historia polo secuestro en 1961 do Santa María, un buque portugués que cruzaba o Atlántico, unha acción coa que portugueses e galegos do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) denunciaban as ditaduras de Salazar e Franco. Pero Velo foi moito máis ca iso.
Estes días botou a andar a web Centenario Xosé Velo, na que se fai unha reivindicación da importancia de Pepe Velo na historia galega do século XX e na que se poñen a disposición de investigadores/as e do público en xeral información biográfica e documentos "para mellor coñecemento de Xosé Velo e o seu tempo".
Este xoves colgarase na web a antoloxía de poemas de Rosalía de Castro que Velo publicou na súa editora (a NÓS, en São Paulo), incluíndo o prólogo que as presións da ditadura franquista lle impediron incluír. "Facémolo con poesía porque iso era o que Velo sempre quixo ser, amais de mestre, un poeta, un escritor", destacan os promotores da iniciativa. De feito, na páxina xa se poden consultar algúns dos poemas de Velo, como "Alciprés", "Confirmación de fe", "Canción da Carceleiriña" ou "Espranza", escrito pouco antes de morrer de cancro en 1972, que remata dicindo: "Pois que perguntas, xa sabes de donde me ven o folgo para cantar miña espranza: Da vison do futuro anque sempre se chega, endexamais se alcanza".
Na páxina, que irá incorporando contidos ao longo de todo o ano, pódese consultar a bibliografía existente sobre Velo, vídeos, obras relacionadas co tempo que viviu, así coma os distintos actos que se organizarán neste 2016 con motivo do Centenario.
A súa vida, un relato do século XX
Xosé Velo formou parte do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, das que foi secretario xeral en abril de 1935. Trala sublevación do 18 de xullo, a Garda Civil detívoo o 21 de xullo, aínda que saíu libre ao pouco tempo, e o 14 de marzo de 1937 tivo que se incorporar ao exército sublevado na División Acoirazada Brunete ata 1938, ano no que volveu a Celanova. En novembro de 1939 abriu unha academia de ensino na súa vila. En 1943 trasladouse a Vigo, onde abriu outra academia, e por manter contactos con organizacións da oposición galeguista no exilio a policía detívoo en 1944. Beneficiado por unha amnistía, saiu en 1945 e permaneceu durante un ano agochado preto de Celanova.
En 1948 fuxiu a Portugal, onde o detivo a PIDE, a policía política portuguesa, e tras a súa posta en liberdade conseguiu saír cara Venezuela. Foi presidente do Lar Gallego (1956) e participou no primeiro Congreso da Emigración Galega que se celebrou nese ano en Bos Aires.
En 1959 organizou con membros da oposición portuguesa exiliados en Sudamérica, como Humberto Delgado e Henrique Galvão, e con outros galegos como José Fernando Fernández Vázquez (Comandante Sotomayor), o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), do que foi cosecretario xeral xunto Delgado. O 22 de xaneiro de 1961 o DRIL secuestrou o navío portugués Santa María en ruta entre Curaçao e San Xoán de Porto Rico, na coñecida como Operación Dulcinea, co obxectivo de dirixirse a África e iniciar unha revolta antisalazarista, ao tempo que pretendía chamar a atención internacional sobre os réximes ditatoriais da Península Ibérica. Acordouse co goberno brasileiro recoñecer a Velo e ao resto dos secuestradores como refuxiados políticos.
Velo instalouse en São Paulo onde creou a librería Nós e a Editora Nós, que unicamente publicou a devandita tradución de Rosalía de Castro ao portugués, realizada por Eclea Bosi. Tamén fundou a revista mensual Paraíso 7 días. Nesta derradeira etapa vital de Velo retomará a escrita, e xungue as súas inquietudes políticas escribindo ensaios como ¡Morra España! ¡Viva Hespaña! no que teimará no iberismo. De igual xeito, a súa faceta de mestre aparecerá na escrita dun libro dirixido aos nenos, A rebelión dos sinais. Morreu en 1972 dun cancro de pulmón.