O pasado 28 de xuño finou aos 81 anos José Luís Fontenla Rodrigues. "Galego, republicano e lusófono", sintetizou a súa familia na despedida dun persoeiro afastado dos grandes focos, pero de vida prolífica en activismo político e social.
O seu inxente labor foi lembrado este pasado luns nun acto civil previo ao seu enterro no cemiterio pontevedrés do Santo Amaro. Alí emerxeron lembranzas emocionadas para dos seus múltiplos contributos como avogado, escritor, pintor ou xornalista.
Como lembran os seus familiares, o activismo de Fontenla Rodrigues remóntase xa aos anos da ditadura, cando "destacou pola súa implicación a favor da abolición da pena de morte, pola amnistía e os dereitos humanos", defendendo en múltiplas ocasións a persoas detidas por motivos políticos. Naqueles anos estivo en contacto co Consello de Galiza no exilio e tamén foi clave na constitución do Consello de Forzas Políticas Galegas, que en 1976 foi fundado no seu propio despacho pontevedrés.
Fontenla Rodrigues foi avogado, escritor, pintor ou xornalista. En todas esas facetas destacou polo seu compromiso político e social, dende a defensa da democracia en plena ditadura ao traballo a prol das ligazóns galego-portuguesas
Fundador do Partido Galego Socialdemócrata, José Luis Fontenla Rodrigues chegou a ser candidato ao Senado polo Partido Socialista Galego -forza na altura liderada por Xosé Manuel Beiras- en 1982. Antes, aínda na clandestinidade, foi representante galego en movementos políticos antrifranquistas e despois, xa tras a morte de Franco, traballou xuridicamente con intensidade pola legalización en 1978 da Asemblea Nacional-Popular Galega, a AN-PG, que andando o tempo acabaría sendo xermolo do BNG. Ao tempo, comprometeuse coa defensa do medio ambiente a través de Adega.
O seu compromiso político foi parello ao cultural, sobre todo no relativo ao impulso das relacións galego-portuguesas. Residente durante décadas en Viana do Castelo e Braga, participou como representante galego nas negociacións para o Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa en 1986 e 1990 e el propio se consideraba como membro da Geração da Lusofonia "que defende a Lingua Portuguesa em toda a parte e como língua nacional e oficial de Galiza, Portugal, Brasil, PALOP, Timor, etc." e defensor dunha "política forte e decidida em prol da segunda língua românica do mundo, umas das mais formosas línguas do planeta, extensa e útil (Castelao) e opulenta e subtil (Pessoa) que falam 240 milhões de pessoas nos cinco continentes, segundo a UNESCO", escribiu en 2005.
Todas estas achegas, así como unha ampla obra literaria e tamén xornalística a través d'A Nosa Terra, son parte do legado dunha vida durante a que tamén pulou polo uso normal da lingua na liturxia católica a través da editorial SEPT.