O 22 de xaneiro de 1961, hai hoxe 60 anos, un grupo de 24 integrantes do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) secuestrou no medio do Océano Atlántico o Santa María
O 22 de xaneiro de 1961, hai hoxe 60 anos, un grupo de 24 integrantes do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) secuestrou no medio do Océano Atlántico o Santa María, un buque portugués de transporte de pasaxeiros, que facía a ruta Caracas-Lisboa-Vigo. O secuestro estaba coordenados polos portugueses Henrique Galvão e Humberto Delgado e os galegos Xosé Velo (Carlos Xunqueira de Ambía) e José Fernández Vázquez (comandante J. Soutomaior) e buscaba en primeiro lugar chamar a atención internacional sobre as ditaduras de Franco e Salazar en España e Portugal. A acción fora denominada 'Operación Dulcinea', aínda que Xosé Velo propuxera chamarlle 'Operación Compostela'
No buque, rebautizado polos activistas como "Santa Liberdade", viaxaban 586 persoas. O secuestro durou case dúas semanas, ata o 4 de febreiro, momento en que, despois de manter negociacións co goberno brasileiro, o buque foi atracado en Recife, a cambio de que os integrantes do DRIL recibisen o estatus de refuxiados políticos.
O secuestro estaba coordenados polos portugueses Henrique Galvão e Humberto Delgado e os galegos Xosé Velo (Carlos Xunqueira de Ambía) e José Fernández Vázquez (comandante J. Soutomaior)
Durante a acción, na que xurdiron importantes fendas entre algúns dos participantes (nomeadamente entre Henrique Galvão e os galegos Velo e Fernández), estivo sobre a mesa o desvío do barco a algunha das colonias portuguesas ou española en África, para acender alí unha revolta. Aínda que finalmente isto non foi levado a cabo, o secuestro espertou un importante interese mediático internacional, malia que a prensa franquista quixo reducir o sucedido a unha acción de "pirataría" levada a cabo por portugueses. Porén, o dereito internacional deixou claro que non se trataba cun acto deste tipo (os integrantes do DRIL non tocaron a caixa forte do buque) e mesmo así foi recoñecido polo Goberno estadounidense, cuxos barcos militares limitáronse a escoltar o 'Santa Liberdade', asumindo o carácter político das reivindicacións.
O DRIL realizara algunha acción de escasa importancia en España nos dous anos anteriores, consistentes na colocación dalgún artefacto explosivo. Porén, o secuestro dun buque trasatlántico no que viaxaban centos de pasaxeiros de varias nacionalidades supuxo o feito máis relevante da súa actividade, inspirado en parte polo éxito propagandístico de movementos como o asalto ao Cuartel Moncada en Cuba no ano 1953, xerme da revolución posterior. As diverxencias entre os seus integrantes levaron á súa disolución pouco despois.
Xosé Velo realizou unha arenga a través da megafonía do barco: "Que foi do Alexandre Bóveda, do Ánxel Casal, do Víctor Casas? Que foi do Castelao? Será que lles tocou a morte podre? Os soños de xustiza que moveron a vontade daqueles mártires están a punto de se realizar"
Tres días despois do secuestro, o 25 de xaneiro, Xosé Velo realizou unha arenga a través da megafonía do barco: “Irmáns: os tempos son chegados. Mais nós non andamos ao paso do tempo. Nós ímos sempre a destempo para ficarmos saudosos, dimitidos, no contratempo. Que ben di o Dieste cando trasuda a súa galeguidade humana nos Mandamentos para axudar á Renacenza de Galiza!: Ser sempre oportunos, endexamais oportunistas”. E engade: “mais, que foi do Alexandre Bóveda, do Ánxel Casal, do Víctor Casas? Que foi do Castelao? Será que lles tocou a morte podre?".
"Os soños de xustiza que moveron a vontade daqueles mártires están a punto de se realizar. Aínda os galegos emigran, aínda é asoballada a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa capacidade de autodeterminazón", di. E conclúe: "A Hespaña aínda non naceu (...) Fagamos a Hespaña dende cada recanto das nosas nazóns ceibes, crebemos as búsolas e o compás. Destituamos todos os puntos cardinais que nos separan: non hai máis norte, nin sul, nin leste, nin oeste. Hai soio un punto cardinal: o home. En Galiza Ceive, a 25 de xaneiro de 1961".
O arquivo de Xosé Velo
Este venres, coincidindo co 60 aniversario do inicio do secuestro, a Deputación de Pontevedra vén de anunciar a adquisición de parte do arquivo persoal de Xosé Velo
Este venres, coincidindo co 60 aniversario do inicio do secuestro, a Deputación de Pontevedra vén de anunciar a adquisición de parte do arquivo persoal de Xosé Velo. Trátase de poemas, ensaios, artigos, cartas, documentos, fondos gráficos e audiovisuais relacionado coa súa actividade política e cultural. As negociacións co fillo de Velo (Vítor Velo, afincado en Brasil) para dispoñer do arquivo pecháronse a finais de 2019 grazas ao cineasta Aser Álvarez. O material non chegou a Pontevedra ata case entrado o confinamento e dende entón estase a realizar un labor de inventario, catalogación e dixitalización para que os fondos poidan ser consultados a través do portal documental ‘Atopo’.
A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, destacou que o ente provincial quere "difundir e poñer en valor" a figura, obras e ideas dunha persoa “que loitou pola liberdade”, e anunciou a próxima publicación dun libro cunha escolma do material inédito adquirido, ademais da colaboración no documental ‘Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra’, dirixido por Aser Álvarez. “Cremos que xa é hora de socializar a figura e Pepe Velo”, engadiu a deputada.
“Cremos que xa é hora de socializar a figura e Pepe Velo”, engadiu a deputada de Memoria Histórica, María Ortega
Varias obras amosan a destacada participación dos galegos no asalto ao Santa María, destacando o libro escrito polo comandante Soutomaior "Eu roubei o Santa María", publicado en galego por Galaxia en 1999. De igual xeito, no ano 2004 Margarita Ledo dirixiu o documental "Santa Liberdade", coa participación de de Camilo Mortágua (man dereita de Galvâo), Federico Fernández Ackermann (fillo do comandante Soutomaior) e Vítor Velo (fillo de Xosé Velo).
Xosé Velo e o comandante Soutomaior
Xosé Velo, nacido en Celanova en 1916, fora un dos fundadores das Mocidades Galeguistas nesta localidade, sendo elixido en 1935 secretario xeral da Federación de Mocedades Galeguistas. Despois do Golpe de Estado de 1936 é primeiro detido e despois obrigado a integrarse no exército nacional, exiliándose en Guinea. Ao remate da guerra regresou a Galicia, abrindo unha academia de ensino e mantendo a súa actividade de oposición á ditadura, ata que foi de novo detido, saíndo do cárcere en 1945 e fuxindo a Portugal, onde tamén foi detido pola policía salazarista.
Finalmente, conseguiu escapar a Venezuela, onde seguiu traballando como mestre e chegou a ser presidente do Hogar Gallego. A finais dos 50 entra en contacto con outros opositores ás ditaduras española e portuguesa, integrándose no DRIL. Despois da devolución do barco ás autoridades brasileiras, Velo ficou no país, instalándose en São Paulo, onde puxo en marcha a libraría Nós e a Editora Nós, morrendo nos anos 70.
Pola súa banda, José Fernández Vázquez, coñecido como Comandante Soutomaior, nacera na Pobra do Caramiñal en 1904. Dende moi novo desenvolveu unha carreira militar, aínda que foi purgado polas súas simpatías republicanas. En 1930 acabou abandonando o exército e fundou a agrupación socialista na Pobra, aínda que a partir de 1933 comeza a militar no Partido Comunista. Despois do Golpe de Estado, tivo que se refuxiar na serra do Barbanza cun grupo de homes armados ata agosto de 1937, cando fuxiu a Portugal onde colaborou no afundimento dun buque alemán cargado con armas para o bando franquista.
Posteriormente, participou na resistencia francesa contra os nazis e estivo no campo de concentración de Auschwitz, de onde saíu pesando unicamente 37 quilos. A partir de 1948 instalouse en Venezuela, onde pon en marcha o DRIL.