A suma de atrasos en oposicións da Xunta desemboca en "caos" nas escolas infantís

A conselleira de Política Social, Fabiola García; o director xeral de Infancia, Jacobo Rey, e outros cargos, visitando unha escola infantil na Coruña, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

O adiamento do inicio do curso do 4 ao 7 de setembro, que Política Social aprobou en agosto non foi dabondo para paliar os efectos do "movemento de persoal" derivado da asignación de prazas de oposicións dos últimos anos e de concursos de traslados atrasados durante lustros

A principios do pasado xullo a Consellería de Facenda, que ostenta as competencias de Emprego Público, convocou dúas persoas falecidas e nove xubiladas a elixir destino definitivo como funcionariado da Xunta. Dúas semanas despois o mesmo departamento emendaba a rechamante situación, derivada da enorme lentitude da Administración en culminar unha trintena de procesos selectivos de persoal entre 2019 e 2024.

Esta demora -que a Xunta segue atribuíndo á COVID-, que alén do persoal afectado tamén reprochou o Consello de Contas, combinouse con outros problemas. En 2022 o Tribunal Constitucional estableceu que o persoal que adquire a condición de funcionariado debe obter un destino definitivo e non provisional, condicionando estes procesos e propiciando diversas derrotas xudiciais -que aínda continúan- a Emprego Público, que ademais activou concursos de traslados en diversas áreas onde levaba lustros a adialos.

Rueda e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitando unha escola infantil en Coristanco, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Todos estes elementos están a impactar de cheo no funcionamento de diversos servizos públicos. Un dos máis sensibles, as escolas infantís dependentes da Consellería de Política Social, que atenden crianzas de 0 a 3 anos. En moitos destes centros, advirte a federación de Administración da CIG, o inicio do curso escolar está ser un "caos" por esta causa.

A CIG advirte de que "non se pode garantir a atención adecuada en todos os centros" cando parte do persoal aínda non se incorporou e mesmo "quedan por adxudicar máis de 30 prazas de educadoras" nun acto de elección "que aínda non ten data"

Ao longo do pasado agosto o departamento que dirixe Fabiola García xa se viu obrigado a tomar a inédita decisión de adiar o inicio do curso nestas escolas -tanto os dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais como na rede Galiña Azul, as antigas Galescolas do Consorcio de Igualdade e Benestar- do 4 ao 7 de setembro. Fíxoo, sinalaba Política Social, para "garantir o correcto funcionamento dos centros, derivado do movemento de persoal previsto para o mes de setembro (...) con motivo da resolución do concurso de traslados e tomas de posesión do persoal funcionario dos centros, en cumprimento da lexislación vixente en materia de emprego público". Pero non foi dabondo.

Parte do persoal das escolas infantís que pasou polo concurso de traslados ou pola primeira toma de posesión "incorporouse o 1 de setembro". O día "comezaron a incorporarse novas funcionarias" con posto asignado no "segundo acto de elección, que dispoñen de quince días para facelo". E "aínda quedan por adxudicar máis de 30 prazas de educadoras infantís para un terceiro acto de elección que aínda non ten data marcada". Por todo isto, alertan, "non se pode garantir a adecuada atención do alumnado en todos os centros" con independencia de que o inicio do curso pasase do venres 4 ao luns 7.

Aula dunha escola infantil da Xunta en Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

As consecuencias, especifican, son múltiplas. Dende que existen escolas nas que "falta máis do 50% do cadro de persoal" ata que existe funcionariado acabado de chegar a postos de dirección das escolas que "descoñecen como se xestionan" estes centros "dende o punto de vista administrativo e relación coas familias" e "tampouco dispoñen de instrucións para organizar os cadros de persoal", o que as obriga a "contactar con outras compañeiras que, por solidariedade, as axudan a dar os pasos mínimos"

A central sindical critica que "se pretenda" que as traballadoras "actúen con normalidade incumprindo o decreto de ratios, baixo a consigna de non alarmar"

Neste contexto, a CIG-Administración pregúntase "quen vai atender o alumnado en centros nos que o cadro de persoal previsto é de 14 traballadoras e só hai sete", exemplifica. Critica, ao tempo, que "se pretenda que actúen con normalidade incumprindo o decreto de ratios, baixo a consigna de non alarmar".

"Aceptouse que o persoal tivese que tomar posesión durante o período vacacional para minimizar o impacto" deste "movemento de persoal extraordinario" e "advertiuse á Dirección Xeral de Emprego Público da complexidade do proceso para que puidese prever o seu impacto". Pero, lamenta a CIG, as medidas tomadas pola Xunta non foron dabondo para a "incorporación ordenada das crianzas" nin tampouco para os dereitos das propias traballadoras que, exemplifica, estanse a atopar sen respostas a peticións como adaptacións de xornada por razóns de conciliación familiar.

Ademais, agregan, no caso de persoal do Consorcio o "caos" chega tamén a que "persoal substituto e interino que non estabilizou" e que tivo que deixar as súas prazas "continúa sen ser cesado" formalmente. Desta maneira, nin poden "solicitar a prestación por desemprego, porque non constan como cesadas na Seguridade Social" nin tampouco "ser chamado para cubrir vacantes de prazas que quedaron desertas ou facer substitucións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.