A Xunta convoca dúas persoas falecidas e nove xubiladas a elixir destino funcionarial

Persoal participante nunhas oposicións da Xunta durante a pandemia da COVID, sobre unha imaxe da resolución que exclúe da elección de destino diversas persoas CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

A demora en convocar o persoal que superou procesos selectivos entre 2019 e 2024 para elixir destino definitivo aboca agora a Xunta a corrixir a súa propia resolución para eliminar do chamamento profesionais que neste tempo morreron ou se xubilaron

Entre principios de 2019 e comezos de 2024 a Xunta convocou case unha trintena de procesos selectivos no seu cadro de persoal en diferentes modalidades, dende o acceso libre á promoción interna e a funcionarización, en especialidades moi diversas. Atinxiron a persoal de moi diversas categorías e especialidades, caso de enfermaría, fisioterapia, educación social, psicoloxía, terapia ocupacional, ou xestión, entre outras.

Mentres isto sucedía, a finais de 2022 o Tribunal Constitucional estableceu que o persoal que adquire a condición de funcionariado debe obter un destino definitivo e non provisional, como sucedía ata ese momento. A aplicación desa doutrina colleu a Xunta cos deberes sen facer. Tiña centos de persoas que obtiveran praza nos devanditos procesos selectivos sen asignar destino definitivo por por dunha demora que viña reprochando o persoal afectado, sindicatos da función pública e mesmo o Consello de Contas.

Destaques da resolución na que a Xunta exclúe da elección de destino persoal funcionario xa xubilado ou falecido CC-BY-NC-SA Praza.gal

Esa tardanza vén de levala a convocar a ese proceso de elección a case unha ducia de persoas que teñen imposible participar nel. Nove porque no tempo transcorrido xa lles chegou a idade de xubilación e dúas porque faleceron neste período.

A orde agora corrixida tamén cancela a participación na elección a persoas que xa teñen destino definitivo ou que gañaron nos xulgados á Xunta, que espera novas derrotas pola súa tardanza en adaptarse ao criterio do Constitucional segundo o cal o funcionariado ten que incorporarse con destino definitivo e non cun previo provisional

O pasado 7 de xullo a Consellería de Facenda e Administración Pública publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que emprazaba todo este persoal á elección de destino definitivo mentres, ao tempo, desenvolvía tamén outras tarefas pendentes como concursos de traslados adiados durante lustros. En múltiples centros de traballo comezaron a advertir inexactitudes ou eivas que apenas unha semana máis tarde o propio Goberno galego se viu obrigado a admitir no propio DOG para emendalas. Entre elas, a convocatoria de persoal xubilado e falecido.

Nunha nova resolución emitida este pasado luns 13 e publicada este martes, Emprego Público introduce varias mudanzas na orde de principios de mes. Entre elas, "eliminar" as dúas persoas falecidas (ambas auxiliares de clínica que aprobaran as oposicións de 2019). Tamén as nove persoas xubiladas: dúas auxiliares de clínica que superaran o proceso de funcionarización, cinco médicos e médicas que entraran na quenda de acceso libre en 2019 e dúas educadoras sociais que realizaron as oposicións do mesmo ano.

Oposicións da Xunta en Silleda durante a pandemia da COVID CC-BY-SA Xunta

A mesma resolución resolve eliminar da elección de destino definitivo varias persoas máis por causas diversas. Dende media decena de funcionarias que xa están ocupando postos definitivos ata cumprir unha sentenza xudicial ou evitar ter que cumprir outras inminentes, xa que son múltiplas as funcionarias e funcionarios que pediron formalmente ante o Tribunal Superior de Xustiza acollérense ao criterio ditado polo Tribunal Constitucional. En moitos destes procesos o TSXG paralizou a súa decisión ata que o Tribunal Supremo ditase sentenza ao respecto en casos de persoal da Xunta que chegaran a esa instancia. En datas recentes o TS está emitindo sentenzas favorables a converter, como pedía o funcionariado, os postos provisionais en definitivos.

O sindicato de enfermaría SATSE advirte dun "malestar enorme" no persoal polo "enorme atraso", causa destas "irregularidades" e tamén pola "insultante" marxe que Función Pública outorga para escolleren destino, apenas "dous ou tres días"

Á luz deste  cruzamento de resolucións e correcións, o Sindicato de Enfermaría SATSE apuntaba este martes a "demora de máis de cinco anos por parte da Xunta en resolver os concursos oposición" como causa de que mesmo persoas falecidas chegasen a ser convocadas. "O atraso na adxudicación é enorme" e ademais "as prazas ofertadas dende o 2019 e ata 2024 non son as reais que temos en 2026, o que coloca os profesionais nunha situación de indefensión", toda vez que non poden optar a prazas que se crearon de 2024 en diante.

"O malestar é enorme e todo debido" a que a Xunta "alongou os prazos de maneira imprudente e non tivo en conta a situación real", lamentan nun contexto no que ademais, advirten, a indignación do persoal medra polos "prazos para a adxudicación de prazas. SATSE ve "insultante" que o teñan que facer "en dous ou tres días", impedindo "que poidan valorar con tempo que destino é máis favorable aos seus intereses" polas características do posto de traballo, a localidade no que se desempeña, os horarios ou outros condicionantes persoais e profesionais.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.