O permiso de paternidade pasa de dúas a 19 semanas en apenas unha década. O de maternidade aumenta por primeira vez dende 1989
Hai apenas unha década, cando unha muller tiña unha filla ou fillo tiña ao seu dispor un permiso remunerado de 16 semanas. A popularmente coñecida como baixa de maternidade levaba tres décadas inmóbil nese punto. Daquela, o outro proxenitor da crianza acabada de nacer podía acollerse a unha baixa de paternidade de 15 días, limiar no que se fixara en 2007 tras case vinte anos estipulada en catro xornadas.
Este é o contexto no que en 2019 o permiso de paternidade ascendeu ás oito semanas, aumentou ás 12 en 2020 e ficou equiparado ao de maternidade en 16 semanas en 2021. E con ese novo punto de partida o Goberno de España vén de aprobar vía Real Decreto-Lei un novo réxime de permisos equiparados que ascende ata as 19 semanas remuneradas pola Seguridade Social, o que vén supoñer o primeiro aumento para as nais dende 1989.
Coas sancións da Unión Europea apremando por incumprir a Directiva que obriga a pagar cando menos 22 semanas entre nacemento e coidados, o Consello de Ministros dá luz verde a unha semana máis do permiso por nacemento -a baixa de maternidade e paternidade-. Son así 17 que deben empregarse dentro do primeiro ano de vida da nena ou neno -as primeiras seis, ininterrompidamente xusto despois do nacemento, adopción ou acollemento-.
As familias con crianzas que nacesen ou fosen adoptadas dende o 2 de agosto de 2024 poderán gozar, tras as 17 semanas por nacemento, doutras dúas pagadas para coidados e 6 non remuneradas ata que a nena ou neno teña 8 anos
A esas 17 súmanse dúas máis para coidados ata que a crianza ten 8 anos, ata chegar ás 19. Esas dúas semanas, resume a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pódense gozar "seguidas" ás 17 "ou cando queiran" ata ese límite dos 8 anos de idade, explicou na véspera espera da concreción do texto no Boletín Oficial do Estado.
Para tentar liberarse de vez das sancións europeas -esta mesma semana está previsto que o Tribunal de Xustiza da UE as incrementase- o Goberno de España aplica os novos permisos remunerados retroactivamente como dereito de todas as nais e pais de nenas e nenos nados ou adoptados dende o 2 de agosto de 2024. E así se acadan as 19, que o Ministerio de Traballo inclúe nun cálculo coas 3 de lactación para chegar a unha suma de 22.
As familias con crianzas que nacesen ou fosen adoptadas dende agosto do 2024 poden, asemade, acollerse a seis semanas máis de permisos para coidar, pero sen remuneración, ata que a nena ou neno faga 8 anos. No caso das nais e pais con descendencia por baixo desa idade pero nacida antes de agosto de 2024, as 8 semanas seguen sen cambios, dispoñibles para empregalas pero sen remuneración ningunha, cando menos de momento.
Os permisos para familias monoparentais chegan a 32 semanas. O Real Decreto, que debe ser referendado polo Congreso para seguir en vigor, non chega ás 20 semanas por nacemento e 4 remuneradas para coidados que pactaran PSOE e Sumar
No Real Decreto-Lei incorpórase, asemade, a nova regulamentación de permisos para familias monoparentais. "Terán 32 semanas de permisos retribuídos", resume Díaz sobre unha norma que nun máximo dun mes debe ser referendada polo Congreso. En caso contrario, quedará derrogada e os permisos volverán ser de 16 semanas.
Estes avances quedan, así e todo, aínda por tras do fixado no pacto de Goberno do PSOE e Sumar e tamén nos acordos de investidura dos socialistas con forzas coma o BNG. O rubricado por Díaz e Pedro Sánchez tras as eleccións xerais de 2023 implicaba 20 semanas de permiso por nacemento e remunerar cando menos catro das oito semanas do permiso de coidados.