Galicia suma 10.000 transplantes desde que a sanidade pública fixo o primeiro de ril en 1981

Intervención cirúrxica nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

O sistema sanitario público de Galicia suma 10.000 transplantes de órganos realizados desde que iniciara o seu programa, no ano 1981. É o "novo fito" que anunciou este martes a Xunta sobre un país que, di, "é un referente" neste ámbito grazas á "xenerosidade de preto de 4.000 persoas doantes e das súas familias". 

Foi no ano 1981 cando no Hospital Público da Coruña se realizaba a primeira intervención do programa galego de transplante renal. Na actualidade, Galicia xa contabiliza 5.168 transplantes deste órgano. Dez anos máis tarde, iniciábase no país o programa de transplante de corazón, "un ámbito no que xa se está a achegar ao milleiro de intervencións, cun total de 959 transplantes". 

Intervención cirúrxica nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

O transplante de ril é o máis habitual, con 5.168 intervencións realizadas, seguido do de fígado, con 2.803; corazón, con 959; pulmón, con 942; e páncreas, con 128

Segundo explica a Xunta, tres anos despois, en 1994, "asentábanse no sistema sanitario público galego os programas de transplante hepático nas áreas sanitarias de Santiago e Barbanza e na da Coruña e Cee". A tal hora, os dous hospitais de referencia acumulan un total de 2.803 transplantes de fígado realizados. 

Máis adiante, en 1999, Galicia incorporaba dous novos programas de transplantes de órganos: o pulmonar, con 942 intervencións realizadas desde aquela, e o de páncreas, que nos seus primeiros 25 anos acumula 128 operacións. 

Galicia rematou 2024 coa mellor cifra histórica de transplantes: 424

Desde o Goberno galego lémbrase que "acadar estas cifras non sería posible sen a xenerosidade das 3.487 persoas doantes falecidas e das súas familias, así como das 468 persoas que doaron o seu ril en vida"

"A solidariedade da poboación galega, engadida á colaboración establecida entre o Servizo Galego de Saúde e Oficina de Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), posibilita que a comunidade estea a conseguir cifras récord en transplantes e doazón de órganos", explica a Xunta, que destaca que o pasado ano 2024 rematou coa mellor cifra histórica ao rexistrarse un total de 424 intervencións neste ámbito, un incremento do 28% con respecto a 2023. 

Así, Galicia pechou o ano 2024 coa maior taxa de doantes de órganos por millón de habitantes cun 50,7, desde a creación da Organización Nacional de Transplantes en 1989, unha cifra un chisco inferior á media estatal, que se sitúa no 52,6. No conxunto do Estado, as mellores taxas son as de Cantabria (94,9), Navarra (76,1), Murcia (69,4) e Extremadura (63,8). Ademais, a comunidade autónoma tamén finalizou o exercicio coa menor cifra de pacientes á espera de transplante da súa historia, cun total de 193 persoas. 

Na actualidade, remata a Xunta, oito de cada dez familias din si á doazón en Galicia. Segundo destacara a Xunta hai unhas semanas, a idade media das persoas doantes en Galicia é de 60 anos. En 2024, a maior tiña 87 anos e houbo catro menores de idade na lista. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.