O hospital da Coruña bate outra marca e supera o seu maior número de transplantes nun ano

Complexo Hospitalario Universitario A Coruña Dominio Público Nemigo

En 1981, no principal hospital da Coruña realizouse o primeiro transplante de ril. Desde aquela, o agora Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) levou a cabo máis de 6.000 transplantes de órganos do total dos case 8.000 realizados en Galicia

O centro coruñés leva desde aquel ano superando marcas e situándose entre os hospitais con maior actividade transplantadora do Estado. Suma, en total, 807 transplantes de corazón, 643 de pulmón, 1.190 de fígado, 3.256 de ril e 104 de páncreas desde principios dos 80.

O CHUAC supera o seu récord de transplantes nun ano, con 261, e volve situarse entre os hositais do Estado con maior actividade transplantadora

De feito, o pasado 2018 supuxo tamén un aumento nesta actividade, situándose a cifra total de transplantes na máis alto de toda a serie histórica cun total de 261, cinco máis que en 2017 e 26 máis que en 2016. Os números volven colocar o CHUAC entre os centros con máis cirurxías deste tipo no Estado malia competir con áreas sanitarias moito máis grandes en poboación. 

“Reflicte a grande implicación que presentan os distintos servizos médicos e cirúrxicos do hospital, participando activamente no proceso asistencial dos pacientes transplantados”, destaca a Consellería de Sanidade, cuxo titular, Jesús Vázquez Almuíña, que participou este mércores no acto conmemorativo do transplante 6.000 no CHUAC. 

O conselleiro Almuíña, xunto a profesionais médicos, no acto no CHUAC © Consellería de Sanidade

As cifras bateron marcas en diferentes especialidades. Por exemplo, os programas de transplante renal e hepático levaron a cabo en 2018 a maior actividade da historia do hospital, con 131 e 70 actuacións respectivamente. Ademais, no que ten que ver co transplante de ril de doante vivo, as porcentaxes mantéñense no dobre que a media estatal. 

Mellores son aínda os números nos transplantes cardíacos, con 25 inxertos, polo que o CHUAC sitúase no terceiro número en canto a esta actividade transplantadora. No que ten que ver co transplante pulmonar, 2018 chegou a 33 inxertos, máximo histórico nesta especialidade en todo o Estado. 

O CHUAC foi en 2018 o terceiro centro do Estado con máis transplantes cardíacos e o primeiro en pulmonar

Se importantes son os tranplantes, nada sería posible sen os doantes. Así, a taxa de doazón segue a incrementarse no CHUAC e en 2018 bateuse de novo o récord cun total de 68 doantes de órganos. O éxito neste aspecto, segundo destaca o Sergas, débese a varios factores, un deles, e básico, o importante descenso das negativas familiares. 

Na actualidade, tan só o 6,67% das familias se negan á doazón, unha porcentaxe case dez puntos inferior á media estatal, que se sitúa no 14,8%, e tamén á que se dá no conxunto de Galicia. “Conséguese polas campañas de divulgación e información que se veñen realizando desde hai anos por parte da oficina de coordinación e pola Organización Nacional de Transplantes”, destaca Sanidade. 

Menos do 7% das familias se negan á doazón, unha porcentaxe case dez puntos á media estatal

Un segundo factor débese, segundo explica o CHUAC, ao aumento do número de doazóns en asistolia controlada, que representan o 25% das totais; e o terceiro ao aumento da detección de doantes fóra das unidades de críticos, principalmente en Urxencias e Neuroloxía. 

No acto celebrado este mércores, Almuíña agradeceu aos doadores e ás súas familias, así como a todos os profesionais sanitarios do Sergas “que gozan da máis elevada cualificación e experiencia no eido da doazón e os transplantes de órganos”. “Poucas actuacións dentro do campo sanitario requiren un compromiso tan concreto da sociedade, dos profesionais e, por suposto, dos gobernos e das administracións sanitarias”, rematou quen cre que “hai que conseguir que o xesto de doar teña un maior recoñecemento social”. “Hai que apoiar e reforzar o compromiso de cohesión social que significa a doazón”, insistiu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.