Este domingo está convocada unha manifestación, na que se pide á cidadanía que acuda vestida de branco
A cidadanía de Moaña está convocada este domingo a manifestarse en defensa da sanidade pública, nunha marcha á que se pide acudir vestidos de branco. A marcha, que comezará ás 11 horas no Portal do Almacén e que baixará pola rúa Ramón Cabanillas ata a Casa do Mar, demanda o regreso do servizo de Urxencias -pechado durante a pandemia-, o reforzo das ambulancias na comarca do Morrazo e a cobertura de todas as vacantes de persoal médico que neste momento non están cubertas.
Ademais, critícase o peche da Casa do Mar en quenda de tarde durante este mes e, así mesmo, faise fincapé no efecto dos "recortes" aplicados pola Consellaría de Sanidade.
Reclámase o regreso do servizo de urxencias (en Cangas dende a pandemia), o reforzo das ambulancias no Morrazo e a cobertura das vacantes
Moaña suma 139 semanas consecutivas de protestas pola situación da sanidade. Nesta ocasión pídese á cidadanía que acuda vestida de branco para formar "unha gran marea branca pola sanidade pública e por unha Atención Primaria digna na nosa vila". "É un pulso a ver se o gañan pero non imos renunciar á Atención Primaria pola tarde”, afirmou o pasado domingo a alcaldesa Leticia Santos, na intervención que realizou na última concentración.
Nas últimas semanas, o Sergas xustificou publicamente que a unificación dos PAC de Moaña e Cangas repercute "positivamente" no paciente, pois fai que o servizo sexa de “maior eficiencia e calidade” para os usuarios
Nas últimas semanas, o Sergas xustificou publicamente que a unificación dos PAC de Moaña e Cangas repercute "positivamente" no paciente, pois fai que o servizo sexa de “maior eficiencia e calidade” para os usuarios. A Xunta destaca que o servizo unificado permite ter "tres médicos e tres enfermeiros" para unha poboación de 46.000 persoas e que, de separarse, con servizo de urxencias en Cangas e tamén en Moaña, esta localidade ficaría unicamente cun só médico e cun único enfermeiro. Nestas circunstancias, di o Goberno galego, a veciñanza ficaría sen asistencia no caso de que os profesionais tivesen que saír a algún domicilio a atender algunha urxencia.
A alcaldesa de Moaña sinala, pola contra, que hai outros PAC que funcionan así, cun único equipo e que ata o ano 2018 había ademais un reforzo de 12 horas os domingos e festivos, que foi eliminado nese momento polo Sergas.