186 concellos galegos carecen de servizo de Pediatría, unha situación que se agrava debido a determinadas situacións, como baixas e vaciacións sen cubrir, o que eleva aínda máis a cifra, superando os 200 concellos sen pediatra
Preto de 200 concellos galegos carecen de servizo de Pediatría (186 nas cifras oficiais do Sergas correspondentes ao 2023), unha situación que se agrava debido a determinadas situacións, como baixas e vaciacións sen cubrir, o que eleva aínda máis a cifra, superando os 200 concellos sen pediatra, segundo estimacións de SOS Sanidade Pública.
Este sábado a deputada ourensá do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta achegouse a un deses centros de saúde nos que non se están a cubrir as vacantes ou directamente non contan con pediatra, o do Pereiro de Aguiar. Dende alí, a socialista denunciou que "a situación dos servizos de pediatría segue a empeorar en toda Galicia ás portas do verán" e reiterou a súa reclamación de que se cubran as prazas existentes nos centros de saúde e que se reduzan as listas de espera para pasar consulta.
A deputada ourensá do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta achegouse a un deses centros de saúde nos que non se están a cubrir as vacantes ou directamente non contan con pediatra, o do Pereiro de Aguiar
Carmen Rodríguez Dacosta alerta de que no Pereiro de Aguiar, un concello en crecemento nos arredores da capital provincial, as familias levan agardando dende hai catro anos a que se cubra a especialidade para que os máis de 800 cativos e cativas do municipio non teñan que desprazarse fóra del para que os vexa o médico. "Trátase dunha promesa que data do 2020, cando Feijoo presidía a Xunta, pero dende entón non houbo ningún tipo de avance para dotar de pediatra o centro de saúde", lembrou a deputada.
As familias levan agardando dende hai catro anos a que se cubra a especialidade para que os máis de 800 cativos e cativas do municipio non teñan que desprazarse fóra, unha promesa realizada por Feijóo en 2020
Rodríguez Dacosta, que se reuniu coa voceira socialista no Concello, Luisa Dosantos, para analizar o problema, sinalou que “foron múltiples as reivindicacións do Partido Socialista para a posta en marcha do servizo de pediatría nun municipio no que a poboación segue a medrar”. A parlamentaria cualificou de “crítica” a situación, dado que as famlias deben desprazarse ata un centro de saúde, o da rúa ourensá de Valle Inclán, que está “completamente saturado”.
Por ese motivo, avanzou, o Grupo Socialista no Parlamento galego presentará unha serie de iniciativas co obxectivo de que a Xunta “cumpra a promesa de Feijoo e O Pereiro de Aguiar teña dunha vez por todas ese pediatra que tanto precisa”.
Nos últimos meses houbo protestas pola falta de pediatras en lugares coma Verín, O Carballiño, Soutomaior, Xinzo de Limia, Arzúa, Fornelos de Montes, Coles ou Oleiros, entre outros
Nos últimos meses houbo protestas pola falta de pediatras en lugares coma Verín, O Carballiño, Soutomaior, Xinzo de Limia, Arzúa, Fornelos de Montes, Coles ou Oleiros, entre outros. Noutros lugares si hai pediatra, pero este debe atender un número moi elevado de crianzas, debido á falta de profesionais. Por exemplo, no Barco de Valdeorras, un só pediatra atende a máis de 2.000 nenos e nenas, cando o cupo non debería exceder os 1.100, o que motivou tamén mobilizacións.
En total, en Galicia máis de 11.000 pequenos non teñen pediatra asignado
En total, en Galicia máis de 11.000 pequenos non teñen pediatra asignado. Hai casos nos que nenos e nenas reciben a atención de médicos de familia por falta de persoal ou son derivados a centros de saúde e hospitais máis afastados cando se producen baixas ou non se cubren as vacacións dos titulares.