O Centro de Saúde de Arzúa leva varias semanas sen pediatra, debido a que a súa baixa non foi cuberta. Non é a primeira vez: a facultativa estivo tamén de baixa en febreiro, tamén sen substituta, de igual xeito que as súas vacacións non son habitualmente cubertas por ningún profesional. As familias da localidade (e doutras próximas, como Boimorto) iniciaron nos últimos días unha mobilización para esixir do Sergas "uns servizos de pediatría dignos" para a comarca e que as enche de "indignación" e de "incerteza", pois non poden saber en que momento rematará a baixa da médica e a situación retornará á normalidade.
"Non podemos aceptar que os nosos nenos e nenas se vexan privados dunha atención médica axeitada debido a falta de persoal", din as familias
O pasado luns 8 de abril nais e pais concentráronse ás portas do Centro de Saúde para reclamar "un compromiso serio coa saúde das nosas fillas e fillos", e agardamos unha resposta inmediata por parte das autoridades competentes". "Non podemos aceptar que os nosos nenos e nenas se vexan privados dunha atención médica axeitada debido a falta de persoal", sinalaron na concentración, nunha mobilización que prometen manter ata que se restableza o servizo.
Nos últimos meses nais e pais vense obrigadas a levar os seus fillos e fillas ao Centro de Saúde de Melide (que deste xeito duplica o seu número de usuarios), a Santiago, directamente ao servizo de Urxencias, ou a outras comarcas limítrofes.
Ledicia Orois salienta que a falta de pediatras en Arzúa está obrigando moitas veces a acudir directamente a Urxencias con problemas que non requirirían este servizo en condicións normais
Ledicia Orois ten un fillo de tres anos e está embarazada de tres meses. En conversa con Praza.gal comenta as dificultades engadidas que supón desprazarse a outro concello "aínda que o traxecto sexa curto nunca é doado viaxar nun neno enfermo", di. Tamén salienta que a falta de pediatras en Arzúa está obrigando moitas veces a acudir directamente a Urxencias con problemas que non requirirían este servizo en condicións normais.
"Pero que vas facer, se o teu fillo leva tempo con febre alta e non sabes cando vas ter cita coa pediatra, cando non sabes cando vai volver?", di, destacando que normalmente a propia pediatra de Arzúa reserva un tempo sen citas cada mañá para atender este tipo de pequenas urxencias.
Ademais das citas por enfermidade, a ausencia da pediatra está obrigando tamén a adiar vacinacións e as habituais revisión por idade que forman parte do Programa Neno San do Sergas, que buscan a prevención de doenzas e a vixilancia e seguimento do crecemento das crianzas. A enfermeira do centro de saúde estase encargando dalgunhas vacinacións, pero ela non pode facer as revisións, por exemplo
Orois comenta, así mesmo, que os problemas tamén se estenderon nos últimos anos a Melide, neste caso pola ausencia da matrona. "Non podes ter unha comarca sen pediatra ou sen matrona", conclúe.
En toda a comarca de Arzúa viven 1.425 nenos e nenas entre os 0 e os 14 anos
En toda a comarca de Arzúa viven 1.425 nenos e nenas entre os 0 e os 14 anos, período de atenciónm pediátrica, 247 entre os 0 e 3 anos, o tempo no que se adoita acudir con máis frecuencia a Pediatría. O Concello de Arzúa (556 nenos e nenas ata os 14 anos e 102 entre 0 e 3) e o de Boimoirto (103 e 12) son os máis afectados.
O problema que se se está a rexistrar en Arzúa non é exclusivo desta comarca. Nos últimos anos as mobilizacións ante a carencia de pediatras están a reproducirse en localidades como Xinzo de Limia, e en comarcas como A Costa da Morte, Ferrolterra, Ortegal ou A Mariña. O problema tamén afecta ás cidades e barrios da Coruña ou Vigo sufriron tamén nos últimos anos a falta de profesionais.
Máis de 11.000 pequenos e pequenas non teñen pediatra asignado e unha cuarta parte dos profesionais ten asignados máis de mil pacientes
Máis de 11.000 pequenos e pequenas sen pediatra asignado en Galicia porque o 18% das prazas do Sergas están vacantes ou son cubertas por médicos de familia puericultores. A falta de profesionais provoca unha situación de saturación e, por exemplo, unha cuarta parte do persoal médico pediátrico nos centros de saúde do Sergas ten asignados máis dos 1.000 pacientes
"Sempre defenderemos o dereito das traballadoras e traballadores á súa baixa laboral e solidarizámonos con elas e eles pola situación de sobrecarga que atravesa o sistema sanitario galego. Tan só reclamamos uns servizos sanitarios dignos para os nosos fillos e fillas"
"Por suposto, vaia por diante que sempre defenderemos o dereito das traballadoras e traballadores á súa baixa laboral e solidarizámonos con elas e eles pola situación de sobrecarga que atravesa o sistema sanitario galego. Tan só reclamamos uns servizos sanitarios dignos para os nosos fillos e fillas, e isto inclúe o dereito básico a ter un pediatra dispoñible", sinalan as familias mobilizadas.
"Instamos á Xunta de Galicia e ao SERGAS a tomar acción inmediata para solucionar esta situación. Merecemos unha atención sanitaria de calidade, e non imos descansar ata que se atendan as nosas demandas. É hora de poñer os intereses da saúde dos nosos fillos e fillas en primeiro lugar", concluía o manifesto que se leu na concentración do pasado 8 de abril.