Contratar a residentes de Medicina de Familia e Pediatría nos seus últimos meses de formación para que consulten "con supervisión" volve ser o plan da Xunta para a época estival
A Consellería de Sanidade informou este xoves, a través dun correo electrónico, aos sindicatos da Mesa Sectorial e aos medios de comunicación, que este verán reeditará o seu plan para que médicos e médicas no seu último ano de formación asuman funcións de profesionais coa especialidade rematada e pasen consulta “con supervisión”. “Con esta medida, aprobada esta semana no Consello de Dirección do Servizo Galego de Saúde, a Xunta adiántase na planificación da asistencia na época estival”, destacan no comunicado.
Sanidade sinala que os residentes de cuarto ano, que finalizan o seu período formativo “na segunda quincena do mes de xullo” pactarán coa xerencias das sete áreas sanitarias o ámbito no que reforzarán a actividade. De novo, a oferta está dirixida a futuros especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria e en Pediatría e poderán escoller entre as urxencias nos PAC ou a cobertura de axendas nos centros de saúde, “aínda que tamén poderá estenderse ás urxencias hospitalarias”, engaden desde a consellería.

Sanidade incide en que os MIR (médico interno residente) van “reforzar a atención sanitaria” no verán de maneira “voluntaria e supervisada”. Unha supervisión que non se detalla na información transmitida aos medios, pero a propia consellería aclarou o verán pasado a Praza.gal que desde a central de coordinación do 061 podíase exercer esa supervisión dos residentes. “Polo tanto, pode ser con profesionais do mesmo centro de saúde, doutro centro de saúde ou desde a Central do 061”, afirmaron desde Sanidade, deixando ver que incluso durante unha urxencia un residente podería contar con supervisión telefónica.
Para Sanidade os contratos a residentes resultaron un "éxito", para profesionais sanitarios consultados por Praza "foron parches"
Para o departamento liderado por Antonio Gómez Caamaño a medida aplicouse “con éxito o ano pasado”, cando un 86,5% dos residentes de Familia aceptaron algunha das propostas do Sergas, fronte a un 23% dos que están a rematar a especialidade de Pediatría. Non se detallou cantos aceptaron ir pasar consulta aos centros de saúde ou cantos aceptaron traballar en urxencias. Profesionais sanitarios aseguraron a Praza.gal o pasado verán que estes contratos a residentes “foron parches”.
“Coa desculpa de que neste ano 2025 o período formativo das persoas residentes finalizará na segunda quincena do mes de xullo, en pleno período estival e vacacional, e ademais, como as previsións de xubilacións de persoal médico de atención primaria fan deste 2025 un ano especialmente problemático para a reposición de efectivos e a cobertura de presenzas, a Consellería de Sanidade decide que a mellor medida para resolver este problema é sobrecargar de traballo e acurtar a formación do persoal residente de Medicina de Familia. Un ano máis, a Consellaría de Sanidade renuncia a actuar sobre as causas que xeran esta falta de profesionais e a negociar coas organizacións sindicais posibles solucións”, critica a CIG-Saúde, sindicato maioritario no sector.
"A Consellería de Sanidade decide que a mellor medida para resolver este problema é sobrecargar de traballo e acurtar a formación do persoal residente de Medicina de Familia", di a CIG-Saúde
A CIG-Saúde denuncia a “parálise” do equipo de Gómez Caamaño e o “atraso” na negociación do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria, “que permitiría actuar sobre as causas dos problemas e aportar solucións estruturais”. Salientan que “por culpa das políticas de recortes aplicadas desde o ano 2009” o Sergas parte de “cadros de persoal minguados pola existencia de prazas baleiras, pola incidencia de baixas laborais relacionadas coas condicións de sobrecarga asistencial e pola falta de vontade dos estudantes de medicina de incorporarse ás especialidades relacionadas coa atención primaria”.
“Todas e todos sabemos xa que sen mellorar as condicións de traballo, sen facer atractivo o traballo na atención primaria, non teremos solución á falta de profesionais. Todas menos a Consellería de Sanidade, que leva un ano valorando a situación”, aseveran desde a central sindical.