Paliar a escaseza de persoal médico é un obxectivo necesariamente de medio prazo con tres fitos clave: as prazas MIR ofertadas, as que chegan a cubrirse e o persoal que fica no sistema público cando remata a formación
Paliar a escaseza de persoal médico é un obxectivo político expresado por todos os gobernos competentes na materia. Dende o Ministerio de Sanidade, como encargado de ofrecer as prazas de formación (o MIR) que habilitan estudantes de Medicina coa carreira rematada para traballar na sanidade pública; ata as comunidades autónomas, responsables últimas desas prazas e titulares das competencias sanitarias.
Conseguilo é un horizonte necesariamente de medio prazo. Non en van, dende que alguén que estuda Medicina lograr entrar no MIR ata que o finaliza transcorren catro anos que, sumados aos da propia carreira, estenden a máis dunha década o período preciso para crear unha nova médica ou médico. Nese periplo hai tres fitos clave: o número de prazas MIR ofertadas, as que chegan a ser cubertas e o persoal que fica no sistema unha vez rematada a residencia.
Sobre o último chanzo, o persoal médico que o Sergas dá retido cando finaliza o MIR, o conselleiro de Sanidade ofreceu este mércores unha foto fixa no Parlamento. Esta semana finalizaron a residencia de Medicina Familiar e Comunitaria un 120 profesionais, que comezaran o período de formación en plena pandemia da COVID. "Un total de 101 continuarán vinculados ao Servizo Galego de Saúde, o que representa un 84,2%", subliña Sanidade.
O conselleiro de Sanidade resalta que 101 de 120 profesionais que veñen de rematar a residencia en Primaria "continuarán vinculados ao Sergas", non necesariamente todos nos centros de saúde
Algo menos dun 20%, daquela, marcharán. Pero isto non quere dicir, en calquera caso, que ese centenar de médicas e médicos fiquen nos centros de saúde, xa que esa vinculación co Sergas non implica necesariamente á Atención Primaria. En anos pasados, máis da metade do persoal que finalizaba o MIR de Familia en Galicia rexeitaba continuar na Atención Primaria e remataba, por exemplo, como persoal médico de Urxencias.
O conselleiro Antonio Gómez Caamaño, en calquera caso, coida que o relevante é poñer o foco en que o Sergas "logrou reter 22 médicos de medicina familiar e comunitaria máis que en 2023". Cómpre ter en conta, non obstante que o total de prazas era tamén inferior. O titula de Sanidade agrega tamén que "en canto aos médicos residentes na especialidade de pediatría que finalizan a formación, 18 permanecerán na sanidade pública galega". Neste aso, supón que algo máis dun 30% marchan do Sergas tras acabar de formarse.
Unha cuestión tamén territorial
Os datos avanzados por Gómez Caamaño teñen a eiva de non detallar cantos deses 101 médicos e médicas van continuar traballando nos centros de saúde. Para completar o cadro sería preciso tamén coñecer a súa distribución territorial. Xa que outro dos problemas de escaseza de persoal é exactamente ese.
Na última elección de prazas MIR Galicia non deu cuberto o 20%, 42 postos concentrados, sobre todo, nas áreas de Lugo e Ourense
Boa proba disto é o que vén acontecendo reiteradamente no devandito segundo chanzo da incorporación de novo persoal médico ao Sergas, a cobertura de prazas MIR. Así, por exemplo, o pasado abril ese proceso de elección de prazas de residentes rematou quedando baleiras un 20% das 207 ofertadas en Galicia para Medicina Familiar e Comunitaria.
Eran, en total, 42 vacantes. A maioría delas (un total de 28), concentrábanse nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense. Na banda contraria, a área de Santiago-Barbanza lograra cubrir tres de cadra catro prazas MIR en Medicina de Familia, e as da Coruña e Vigo, o 100%.