Persoal do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo mobilizouse este luns ás portas do hospital para denunciar o aumento de agresións aos profesionais sanitarios, logo de que un novo caso tivese lugar no centro o pasado xoves, cando un grupo de enfermeiras foi increpado por unha familiar dun paciente e mesmo unha delas agredida fisicamente.
O persoal concentrouse no acceso do hospital con pancartas para rexeitar as agresións, coreando consignas como "non ás agresións, queremos prevención", "seguridade nos postos de traballo", "xerencia dimisión" ou "stop agresións".
A mobilización no Cunqueiro chega tras outra agresión o pasado xoves e días despois de que persoal do CHUAC presentase 2.000 sinaturas no Sergas pedindo protocolos actualizados
O caso chega logo de que varias mobilizacións de persoal tamén contra as agresións e pedindo solucións á Xunta se celebrasen nas últimas semanas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), e de que profesionais desta área sanitaria presentasen máis de 2.000 sinaturas na Consellería de Sanidade reclamando protocolos actualizados contra esta problemática.
A principios do pasado mes de marzo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciara a modificación da Lei de Saúde, que permitiría que a Xunta puidese sancionar e denunciar de oficio as agresións a sanitarios. Ademais, o Goberno galego anunciaba que as xerencias tería que comunicar de oficio á Fiscalía os incidentes, haxa ou non denuncia, e que se aumentarían os botóns de alarma, se impulsaría un servizo de axuda psicolóxica e legal e a formación e se crearía un grupo de traballo para cambiar protocolos.
Este luns, en Vigo, a presidenta da xunta de persoal da área sanitaria, Pilar Rodríguez, explicou que o acto de protesta, no que participou o deputado do BNG, Brais Ruanova, pretende mostrar o rexeitamento dos traballadores a unha nova “situación violenta”, neste caso a sufrida por persoal de enfermaría na área de Dixestivo do hospital vigués.
Rodríguez pide “tolerancia cero” cara a este tipo de comportamentos e advirte que a violencia física e verbal é moitas veces “banalizada” polos propios profesionais sanitarios. Ademais, urxiu á xerencia da área sanitaria que tome medidas preventivas de “forma urxente”, e non puntuais, á vez que lembrou que para a prevención deste tipo de situación, é clave que haxa cocientes suficientes de persoal e “protocolos claros”.
Pilar Rodríguez denunciou o “alarmante” incremento das agresións a traballadores da área sanitaria e lembrou que en 2024 rexistráronse 85 denuncias por agresións físicas, sen contar outras situacións que non foron notificadas.
Respecto da última agresión, a do pasado xoves, explicou que aconteceu cando persoal enfermeiro tivo que chamar a atención a unha familiar dun paciente por entrar a unha zona de acceso restrinxido. A muller encarouse coas traballadoras, ás que increpou e insultou, chegando a empurrar unha delas.
Precisamente, esta enfermeira explicou que a hostilidade desa persoa foi en aumento, ata que derivou na agresión. As profesionais tiveron que chamar a seguridade e, tras calmarse a situación, esta traballadora tivo que acudir a Urxencias (agora está de baixa), antes de ir presentar denuncia polo sucedido.