Este luns un enfermeiro do CHUAC recibiu varias puñaladas dun paciente, nun ataque no que tamén resultou ferido un garda de seguridade
Na tarde deste luns, no servizo de Urxencias do CHUAC, un enfermeiro do hospital coruñés recibiu varias puñaladas, unha delas no abdome, efectuadas por un paciente que sofre unha enfermidade mental, que chegara trasladado nunha ambulancia do 061. O traballador tivo que ser intervido cirúrxicamente, pero xa se atopa fóra de perigo. Na agresión resultou tamén ferido un garda de seguridade, que sufriu un corte de importancia na cara, que necesitou de varios puntos de sutura.
O ataque espertou de inmediato a preocupación entre os traballadoras e traballadores do centro hospitalario, que este martes levaron a cabo unha concentración de protesta ante as portas do servizo de Urxencias. Nas horas seguintes, sindicatos e partidos políticos manifestáronse publicamente para demandar máis medidas de seguridade para evitar este tipo de situacións que poñen en perigo vida do persoal sanitario. Cada ano un gran número de traballadores e traballadoras de hospitais e centros de saúde sofren agresións de todo tipo, en ocasións de gravidade, coma neste caso.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, di que se fará unha "análise estricta do que pasou" para saber "se se cumpriron os protocolos", aínda que recoñeceu que "non é lóxico que un paciente entre nun hospital cunha arma branca"
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, lamentou a agresión e afirmou que "antes de adoptar alguna medida", dende a Consellaría se fará unha "análise estricta do que pasou" para saber "se se cumpriron os protocolos", aínda que recoñeceu que "non é lóxico que un paciente entre nun hospital cunha arma branca". Pola súa banda, a líder do BNG, Ana Pontón, expresou a través de X a súa "solidariedade e apoio ao enfermeiro apuñalado no CHUAC" e sinalou que "é necesario tomar medidas para evitar a violencia contra o persoal sanitario e protexer a quen nos coida".
O Sindicato de Enfermaría SATSE amosou a súa "repulsa e condena" a estas agresións, lembrando que precisamente enfermeiras e enfermeiros son moitas veces o principal obxectivo "pola súa proximidade cos pacientes e familiares". E reclama medidas para "sensibilizar e concienciar á sociedade" sobre a importancia de respectar aos profesionais sanitarios. "Non podemos permitir que a violencia siga sendo parte do día a día das nosas compañeiras e compañeiros", di.
SATSE di que esta situación se está a se converter "nun problema estrutural que ameaza a calidade da atención sanitaria e o benestar de quen se dedican a coidar dos demais"
O sindicato esixe á Xerencia da área sanitaria e á Consellería de Sanidade que "tomen medidas contundentes para pór fin a esta lacra". "Necesitamos uns protocolos claros, ferramentas e formación para o persoal sanitario e non sanitario e que as medidas se manteñan no tempo", sinala SATSE, que lembra que xa en varias ocasións se dirixiu ás administracións reclamando ocasións máis seguridade para as traballadoras expostas a este tipo de agresións e xa en 2018 trasladou ao Goberno central e á Consellería unha proposta de norma estatal "con numerosas medidas".
Os datos recollidos por SATSE nos últimos anos amosan "un incremento significativo de incidentes violentos onde enfermeiras e enfermeiros foron vítimas de ataques físicos e verbais mentres desempeñaban o seu labor asistencial". SATSE di que esta situación se está a se converter "nun problema estrutural que ameaza a calidade da atención sanitaria e o benestar de quen se dedican a coidar dos demais, así como dos propios pacientes que acoden aos hospitais e os centros de saúde e que, en moitas ocasións, tamén sofren e son testemuñas destas agresións".
CC.OO esixe que se reforcen as medidas de seguridade nos hospitais galegos, especialmente nas áreas de urxencias, "pois é onde se concentran a maior parte das agresións"
Tamén a secretaría de Saúde Laboral de CCOO-Galicia rexeitou publicamente as agresións e lembrou que o sindicato "leva anos alertando da crecente exposición a riscos que padecen as persoas traballadoras do sector sanitario e do ámbito da seguridade privada nos hospitais, sen que se adopten medidas eficaces para garantir a súa integridade".
CC.OO esixe que se reforcen as medidas de seguridade nos hospitais galegos, especialmente nas áreas de urxencias, "pois é onde se concentran a maior parte das agresións". Tamén pide a dotación de máis persoal de seguridade con formación específica en xestión de conflitos no ámbito sanitario. Comisións reclama "protocolos efectivos" para actuar fronte a episodios violentos, sen esquecer a dotación de material de protección adecuado como chalecos anticorte para o persoal de seguridade. O sindicato pide que as persoas "que cada día coidan da nosa saúde» poidan contar coas «garantías para a axeitada protección da súa integridade física e a súa propia saúde".
A CIG reclama "que se antepoña a seguridade ao beneficio empresarial e unha mellora das condicións laborais e salariais acorde ao risco e responsabilidade que asumen"
Finalmente, a sección sindical da CIG en Prosegur A Coruña reclama tamén un reforzo do persoal de vixilancia e dos medios "especialmente nos servizos máis conflitivos" para garantir a integridade dos e das traballadoras e das persoas usuarias. O sindicato reclama "que se antepoña a seguridade ao beneficio empresarial e unha mellora das condicións laborais e salariais acorde ao risco e responsabilidade que asumen".