O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou tras a reunión do Consello deste luns a intención da Xunta de modificar a Lei de Saúde para incluír nela medidas contra as agresións ao persoal sanitario. Fíxoo un mes despois de que un enfermeiro do CHUAC, na Coruña fose acoitelado por un paciente, o que provocou que traballadores e traballadoras do sistema sanitario protestasen e se manifestasen contra a desprotección que consideran que sofren ante diferentes incidentes.
Así, o Goberno galego prevé poder aplicar multas económicas de carácter administrativo aínda que non haxa unha infracción penal ante as agresións verbais o físicas que se produzan. Ademais, segundo dixo Rueda, as modificacións na Lei de Saúde permitirán ás xerencias das áreas sanitarias comunicar de oficio á Fiscalía os casos, aínda que as vítimas non as denuncien.
As xerencias deberán comunicar de oficio á Fiscalía todas as agresións, haxa ou non denuncia; se non hai delito, a Xunta iniciará un proceso sancionador en base aos feitos probados nos tribunais
Entre outras medidas, a Xunta prevé que a súa asesoría xurídica compareza naqueles casos que cheguen aos xulgados e crear un rexistro de agresores e un plan de prevención. "As xerencias das áreas sanitarias deberán
comunicar de oficio todos os casos de agresión dos que teñen coñecemento á Fiscalía Superior de Galicia para o inicio de accións penais, con independencia de que exista ou non denuncia por parte da persoa agredida", explica o Executivo.
Nos supostos en que as infraccións puidesen ser constitutivas de delito, o Sergas comunicarao ao Ministerio Fiscal e, "nos casos en que non se considere a existencia de infracción penal, a Administración iniciará ou continuará, de ser o caso, o procedemento sancionador, tomando como base os feitos declarados probados polos tribunais".
Prevese, ademais, a ampliación da instalación de botóns de alarma que poidan ser usados polo persoal sanitario para pedir axuda. Actualmente a plataforma Acude, ferramenta destinada á alerta ante incidentes, dispón dun dispositivo que está instalado en 15.700 computadoras e prevé estenderse a móbiles do persoal de urxencias.
A Xunta prevé aumentar os botóns de alarma, impulsar un servizo de axuda psicolóxica e legal e a formación e crear un grupo de traballo para cambiar protocolos
Tamén se impulsará un servizo de axuda psicolóxica e legal no caso de que sufran algún incidente e valoraranse novas medidas nos espazos físicos de atención aos pacientes ou aqueles máis tensionados, como videovixilancia nos corredores e salas de espera dos servizos de urxencias ou de admisión.
O Executivo autonómico, como lembrou Rueda, xa levou a cabo algunhas medidas abordadas dentro do grupo de traballo para combater as agresións no ámbito sanitario, pero prevé agora ir máis aló para poder deter ou diminuír os casos que acontecen no Sergas e que levan tempo denunciando os traballadores e traballadoras.
A referencia do Consello da Xunta indica que a reforma da Lei de Saúde incluirá un capítulo específico para protexer os profesionais da sanidade pública que inclúe o deber de ofertar formación na materia. Así, entre os meses de abril e setembro desenvolveranse 24 cursos formativos aos que poderán asistir máis de 4.100 traballadores e traballadoras do Sergas.
Ademais, a Consellería de Sanidade impulsa a creación dun grupo de traballo cos diferentes axentes implicados para a revisión dos protocolos actuais. Este equipo estará conformado por colexios profesionais, xestores sanitarios, persoal do 061 e emerxencias, así como por membros das forzas e corpos de seguridade de Estado.