A Xunta asina con Feijóo condicionar a nova selectividade ás directrices da dirección do PP

O conselleiro Román Rodríguez, asinando ante Feijóo o documento do PP sobre a selectiviade, este 1 de xullo en Salamanca CC-BY-SA PPdeG

Tras aprobar o Ministerio de Educación a nova PAU, con "estrutura e criterios de corrección mínimos comúns", o PP asegura que as súas autonomías pactaron exames con "sistema común de corrección" e "contido mínimo e común" que se celebrarán o mesmo día

O pasado xuño o Goberno de España aprobou as normas que rexerán a selectividade dende o vindeiro curso 24-25. Os exames, que recuperan a denominación de Proba de Acceso á Universidade (PAU), adáptanse á lei de educación de 2020 e, salientou a ministra Pilar Alegría, contarán con "estrutura, características básicas e criterios de corrección mínimos comúns para todo o territorio" tras debater "amplamente" coas comunidades autónomas, que ostentan as competencias en materia educativa.

Este pasado luns Alberto Núñez Feijóo convocou en Salamanca as conselleiras e conselleiros de Educación da ducia de autonomías onde goberna o PP. Entre eles, o galego Román Rodríguez. Alí, cada un dos responsables educativos asinou ante o ex-presidente galego o denominado Acuerdo por una EBAU común -en referencia á anterior denominación da proba, en galego ABAU- asegurando que se dispuñan a poñer fin á "ruptura do principio de igualdade de oportunidades" ao "homoxeneizar" estas probas.

Exames da selectividade en Vigo, o 4 de xuño de 2024 © Universidade de Vigo

En realidade, a PAU idéntica que o PP reclamou e prometeu non será tal. Así o recoñece o propio texto cuxa sinatura escenificaron o conselleiro Rodríguez e os seus compañeiros de partido ante Feijóo. Alén de celebrar os exames "os mesmos días" -actualmente xa viña sendo habitual que varias autonomías organizasen simultaneamente a selectividade- aseguran que aplicarán un "sistema común de corrección" e un "contido mínimo e común da normativa". En esencia, o aplicado pola nova norma estatal.

O conselleiro afirma que o seu partido vén de "acabar coas desigualdades que prexudican os mozos e mozas galegos"

Así e todo, o conselleiro galego e os demais participantes no evento esforzáronse por facer ver que a selectividade estará condicionada, de agora en diante, polas directrices auspiciadas dende a cúpula estatal do PP. Segundo Román Rodríguez, o seu partido vén de "acabar coas desigualdades que prexudican os mozos e mozas galegos". E faino ademais, agrega, "combinando o rigor e o respecto á lexislación" con "garantir as características específicas de Galicia, como é a nosa lingua propia".

Acto do PP en Salamanca para prometer unha selectividade "común", este 1 de xullo de 2024, coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez CC-BY-SA PP

Un exercicio de "ignorancia e submisión" para a "falsa selectividade común"

O asinado por Román Rodríguez en Salamanca foi recibido con indignación pola CIG Ensino, sindicato maioritario entre o profesorado do ensino público galego. A central sindical coida preciso aclarar que "non vai existir unha proba única, nin uns únicos uns criterios de avaliación nin uns temarios idénticos" porque "para que iso acontecese tería que derrogarse" a lei educativa, a lingua galega e mesmo a "potestade legal de fixar un 50% do currículo en todas as materias".

"A única cuestión na que vai quedar é en fixar o mesmo calendario para realizar as probas e publicar os resultados", advirte a CIG-Ensino, que lamenta que o PP "xogue co alumnado e o profesorado nunha cuestión tan seria"

Para a CIG-Ensino, o "esperpento" do acto do PP marcou "un novo chanzo no nivel de submisión do conselleiro de Educación e do presidente Rueda aos ditados das necesidades partidarias de Feijóo", un acto de "vasalaxe impropio de gobernantes cun mínimo de autoestima". E ademais, cren, unha "falta de respecto ao profesorado e ás universidades", toda vez que a Comisión Interuniversitaria de Galicia, responsable da selectividade no noso país, "xa fixo os deberes" e puxo en marcha o proceso para preparar a nova PAU.

"Vai anular a Consellería o traballo feito pola CIUG e meter man unilateralmente nos grupos e traballo para aplucar uns criterios de corrección, o número de preguntas ou a estruturas das probas?", pregúntase a CIG-Ensino. En calquera caso, conclúe o sindicato, "a única cuestión na que vai quedar o acto do PP é en fixar o mesmo calendario para a realización das probas e na publicación dos resultados nas comunidades autónomas nas que goberna". "Daría para rir -ironizan- se non fose un insulto xogar co alumnado e o profesorado nunha cuestión tan seria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.