Ás portas da vacinación, mais tamén ás portas das sensibles datas do Nadal e os seus encontros e desprazamentos, a evolución da pandemia da COVID-19 volve transitar en Galicia por unha fase de estancamento. Como sucedera a mediados de outubro, o país leva transitando dende mediados de decembro por unha senda na que vén detectando unha media diaria algo superior aos 300 novos positivos, sen dispararse -cando menos de momento-, pero tamén sen experimentar unha melloría significativa tras o freo de finais de novembro.
O Sergas suma 286 novos positivos, a cifra máis baixa en seis xornadas, e suma outro tres falecementos para un total de 1.341
Entre reflexos da ponte da Constitución, a pasada semana Galicia chegou a rexistrar unha media semanal de casos diarios algo superior aos 340. Este luns, o Sergas suma 286 novos positivos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, dos que 268 son diagnósticos mediante PCR. É a cifra máis baixa en seis xornadas e contribúe a moderar o incremento de días previos, tendendo ao devandito estancamento.
O número de probas PCR segue impulsado polos cribados e a taxa de positividade media a sete días continúa un chisco por riba do 4%
Estas cifras rexístranse nunha xornada na que o rexistro oficial agrega outros tres falecementos de persoas que contraeran a doenza e que elevan o total de mortes ligadas á pandemia ata as 1.341. Prodúcense tamén nun día no que o número de probas PCR descende un chisco (foron 6.857 nas devanditas vinte e catro horas), pero segue en cifras elevadas; todos os días da semana pasada, agás un, foron procesadas máis de 7.000 por xornada.
Este elevado número de test está tamén vinculado á realización de cribados masivos a determinados grupos de poboación por rangos de idade ou actividade laboral e non só entre persoas sospeitosas de ter o virus. Esta práctica, que adoita ter como obxectivo a busca de positivos asintomáticos, contribúe tamén a manter baixas as taxas de positividade -porcentaxe de PCR que dan positivo-. A media diaria a sete días mantense estable para toda Galicia un chisco por riba do 4%.
Santiago, a cidade con peor evolución
A incidencia a 14 días para o conxunto de Galicia deixou de baixar e agora rolda os 180 casos novos por cada 100.000 habitantes
Neste contexto, a incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) a catorce días para o conxunto de Galicia sobre o mesmo estancamento, polo momento con lixeira tendencia á alza e rolda os 180 casos cos datos do último día completo para o que hai información pechada (o sábado, día 20). Este indicador descendeu constantemente dende o 5 de novembro, cando roldaba os 340, ata arredor do 10 de decembro (169).
Así e todo, como amosa o mapa baixo estas liñas, a situación segue sendo dispar entre áreas sanitarias, comarcas e concellos. Mentres 94 municipios levan 14 ou máis días sen casos novos da COVID-19, outras zonas mantéñense en incidencias acumuladas notablemente superiores á media galega ou mesmo tenden a empeorar.
Entre as sete principais cidades, que o Sergas adoita sinalar como termómetro para a marcha xeral da pandemia, a que segue trazando unha peor evolución é, con diferenza, Santiago. A incidencia acumulada a 14 días na capital galega sitúase xa na contorna dos 196 casos por cada cen mil habitantes tras algo máis de dúas semanas á alza. O empeoramento comezou xusto tras o levantamento das restricións previo á ponte da Constitución, cando tiña a incidencia acumulada máis baixa da Galicia urbana.
Entre o resto de cidades, como amos ao gráfico, a única que continúa tendo unha tendencia sostida cara a abaixo é Lugo, que se achega ao limiar dos 100 casos por cada 100.000 habitantes. Mentres, o resto de principais cidades manteñen tendencias estables ou mesmo lixeirisimamente á baixa agás no caso de Ourense, que nos últimos días volve ascender e xa che achega a unha incidencia acumulada a 14 días duns 150 casos novos.
Situación nos hospitais
O estancamento segue marcando tamén a evolución da COVID-19 no que atinxe ao seu impacto nos hospitais galegos. Como a pasada semana, os días previos ao Nadal seguen marcados por unha alternancia de lixeiras subas e baixadas de pacientes ingresados con test positivo. Os datos coñecidos este luns reflicten 354 persoas ingresadas (8 máis), das que 301 (+8) están en unidades de hospitalización ordinaria e 53 (as mesmas que o día previo), na UCI. Son once menos que unha semana antes.
A carga do sistema sanitario por mor da pandemia non só se reflicte nestas cifras de hospitalización -das que, en aplicación dos protocolos, desaparecen os pacientes que dan negativo, aínda que teñan que continuar ingresados-, senón tamén nas de "positivos activos", toda vez que cantas máis persoas se atopen nesta situación, maior é o labor de control do sistema de rastrexo e da Atención Primaria. Este indicador comeza a semana en 5.596, trece menos que un día antes e 36 máis que o luns da semana previa.
Como amosa o gráfico baixo estas liñas, este indicador tamén transita por un certo estancamento tras descender con forza durante o mes de novembro. En termos absolutos, as áreas con máis positivos activos son agora Vigo e Santiago-Barbanza, coa área sanitaria compostelá coa peor evolución das últimas semanas.