Logo de máis dun ano de fonda crise na hostalería, derivada da COVID e das restricións implantadas, o sector confirma a súa recomposición tras as diferenzas internas que levaban anos agromando. O impacto do coronavirus, as demandas de axudas e a lóxica negociación coas administracións acabaron por fragmentar o asociacionismo nun espazo moi diverso, do que unha parte di non sentirse representado.
Trece asociacións formalizaron o nacemento de Hostalaría Federada Galega, que representa uns 4.000 negocios
Así, o pasado xoves, trece asociacións de distintos ámbitos do sector hostaleiro formalizaron legalmente a constitución de Hostalaría Federada Galega (Hosfega), un novo colectivo que, din, busca "cubrir o oco e o baleiro" que din que existe nas relacións entre a Xunta e o sector. "Non se está representando a todos nin a pluralidade que existe", explica Elena Vitoria, presidenta fundadora do colectivo, que advirte da mala comunicación da Xunta e da sensación de "abandono" que senten os promotores desta iniciativa, aos que Feijóo nega representividade.
Hosfega conta co apoio e "complementa" a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega (PDHG), creada pola necesidade reivindicativa durante a pandemia e onde participan todos os membros da nova federación. Aquela plataforma, impulsada por Shostalería da Coruña, Hoempo de Pontevedra e Hostalaría Compostela, serviu de impulso a esta nova asociación que vén rachar co monopolio que existía na representación do sector.
Hosfega nace impulsada por milleiros de negocios que din non sentirse representados nas vellas federacións provinciais ou na súa equivalente galega
"Non coñezo, nin sei o que fai, nin onde radica", di Elena Vitoria respecto da principal asociación hostaleira a nivel galego, á que acusa de "non existir" por non exercer o seu labor. Refírese á Confederación Empresarios de Hostelería de Galicia (Cehosga), que agrupa as principais e veteranas asociacións provinciais e que está presidida por Héctor Cañete, máximo dirixente tamén da Asociación de Hostelería da Coruña.
"A representación que se fai é penosa, sendo en moitas ocasións unicamente un filtro empregado pola Xunta de cara ao sector, ante o que se xustifican as medidas do Goberno galego ou se intenta minimizar o seu impacto", explican fontes do sector impulsoras dos novos colectivos que cren que é "moi necesario que nas mesas de negociación non senten sempre os de sempre", en referencia ás asociacións provinciais ou ao Clúster de Turismo. Outras fontes insisten en que moitas das vellas federacións acaban sendo "aliados" das administracións máis que dos negocios que din representar.
"É moi necesario que nas mesas de negociación non senten sempre os de sempre"
Hosfega está conformada por trece colectivos que representan uns 4.000 negocios e conta co apoio doutras plataformas aínda non constituídas como asociacións pero que meditan tamén a súa incorporación. Aínda que "só é o principio", a nova federación supón arredor do 20% do sector hostaleiro de Galicia, con asociados no Barbanza, Ferrolterra, Betanzos, O Morrazo, Pontevedra, Compostela...
Desde a PDHG xa se advertira de que as actuais federacións eran demasiado "presidencialistas" e contaban con "escasa ou nula participación" das empresas asociadas, ademais de ter un carácter excesivamente urbano que deixa sen estruturas organizativas moitas vilas. "En realidade, funcionan máis como empresas, como asesoras con servizo de xestoría máis que como colectivo reivindicativo, o que provoca que moitos negocios formen parte agora de dúas asociacións á vez, aínda que con propósitos diferentes", engaden fontes do sector.
"A crise da COVID deixou en evidencia a fragmentación e debilidade organizativa do sector", din os impulsores de Hosfega
"A crise da COVID deixou en evidencia a fragmentación e debilidade organizativa do sector", insiste a nova federación. A "vontade" de Hosfega, segundo Sergio Fernández, vicepresidente fundador é a de "ser o referente tanto nas empresas de hostalería como naquelas de servizos e distribución á mesma, e ao mesmo tempo, de converterse na interlocución ampla e plural do conxunto do sector coas institucións”
Malia a elevada representitividade de Hosfega --"que irá a máis", advirte a súa presidenta--, Núñez Feijóo teimou na actitude que antes denunciaran outras asociacións ou a propia PDHG. Preguntado o pasado xoves pola nova federación, reduciu o seu nacemento ás "diverxencias internas" no sector.
Feijóo rexeita reunirse cunha federación que representa xa o 20% do sector e cuxo nacemento atribúe a "diverxencias internas"
Ante a primeira acción levada a cabo por Hosfega, a petición formal dunha xuntanza con Feijóo, o xefe do Executivo galego responde cunha negativa. "Se mañá A Mariña ou a Costa da Morte fan outra federación de hostalería, estamos dinamitando o sector para que non teña representación e iso non é bo", dixo, tras asegurar que el só senta "con representantes de federacións provinciais".
"Feijóo é o presidente de todos os galegos, o noso tamén, e non só o de tres federacións provinciais", responde en Praza.gal Elena Vitoria, que lembra que así como os hostaleiros "teñen obrigas e deberes e cada vez se lles impoñen máis a través do DOG, o presidente da Xunta tamén ten unha responsabilidade, que é a de escoitalos". "Non creo que sexa cuestión de menosprezar a quen representa 4.000 negocios porque vimos para quedar e isto só acaba de comezar", engadiu.
A presidenta de Hosfega reiterou a súa "man tendida" e insistiu na necesidade de recoñecer e respectar "a pluralidade do sector". "Non se nos pode obviar e hai que mudar a actitude igual que nós reformulamos a nosa; sabemos que a desesperación inicial provocou moita tensión, pero fomos quen de entender que non era a mellor vía", asume Vitoria, que advirte da "necesidade de novos conceptos na hostalería galega" e de que os pequenos autónomos "deixen de ser os olvidados". "Movémonos nun ámbito onde un Estrella Michelín e o Bar Manolo son exactamente o mesmo sector", lembra.
A directiva de Hosfega pretende, nesa reunión polo momento frustrada con Feijóo, "poder intercambiar impresións sobre o actual estado do sector , presentar o documento de traballo de Plan de Rescate que ten elaborado a PGDG e reiterarlle a idea de que o goberno galego promova a creación unha mesa de traballo con economistas e o sector, e que adquira o compromiso de liderar o Plan de Rescate que saia desta mesa e que garanta a supervivencia do sector".