O 21 de novembro o primeiro ministro británico, David Cameron, recoñecía nas páxinas do Telegraph que o seu plan para reducir a débeda estaba "fallando". A suba de taxas e os recortes postos en marcha non eran suficientes para atallar o nivel de endebedamento, moi elevado. Os últimos datos dispoñibles, do primeiro semestre de 2011, evidencian que Reino Unido aínda non iniciou o proceso de desapalancamento. Hai escasos quince días o premier británico asumiu, de novo, que a débeda superaba por primeira vez o trillón de libras e que se situaba por riba dos niveis da etapa laborista.
Con todo, as medidas que está a poñer en marcha o Executivo de Mariano Rajoy seméllanse moito ás británicas. Ademais da consolidación fiscal -nome co que se fai referencia ao déficit cero ou próximo a cero-, que é un mandato para todos os Estados membros, Moncloa dá pasos para reducir o peso do sector público a través de despedimentos. A reforma laboral, aprobada o pasado venres, posibilita a execución de Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) e importa unha das ideas máis defendidas por Cameron: a da Big Society.
Prescindir de empregados públicos
Até o de agora, o Estatuto dos Traballadores incluía dezanove disposicións adicionais. O decreto lei, xa aprobado polo Consello de Ministros, engadiu a número vinte. "O despedimento por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción do persoal laboral ao servizo dos entes, organismos e entidades que forman parte do sector público de acordo co artigo 3.1 do texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público" será factible mediante dous artigos do Estatuto: o 51 e o 52c. O primeiro deles regula exclusivamente o despedimentos colectivos.
Como indicou xa Praza o pasado venres, a reforma laboral abre a porta a unha das pretensións máis demandadas por unha parte dos conservadores: a de reducir de maneira drástica o número de empregados públicos. Mesma estratexia que Cameron iniciou en Reino Unido desde que chegou ao poder. Entre outubro de 2010 e o mesmo mes de 2011 hai 276.000 empregados públicos menos, tal e como reseña o boletín oficial do Goberno londinense.
Trimestre | Goberno Central | Gobernos locais | Corporacións públicas | TOTAL |
---|---|---|---|---|
2010 Q3 | 2,809 | 2,915 | 539 | 6,263 |
2010 Q4 | 2,801 | 2,887 | 526 | 6,214 |
2011 Q1 | 2,804 | 2,851 | 525 | 6,180 |
2011 Q2 | 2,762 | 2,779 | 513 | 6,054 |
2011 Q3 | 2,760 | 2,720 | 507 | 5,987 |
% Cambio | -1.7 | -6.7 | -5.9 | -4.4 |
A nova lei que regula o mercado laboral en España apunta, asemade, que as propias administracións poden argumentar que teñen causas económicas ou organizativas para presentar un expediente regulatorio, ao igual que sucede coas empresas. "Entenderase que concorren causas económicas cando se produza nas mesmas unha situación de insuficiencia orzamentaria persistente para o financiamento dos servizos públicos correspondentes", cita a nova norma. A meirande parte das administracións apuntan á falta de financiamento para suspender ou cancelar a prestación de distintos servizos públicos.
As administracións públicas poderán, ademais, utilizar a nova velocidade que o Executivo imprime a todo o proceso. "Creouse unha nova modalidade procesal para o despedimento colectivo, cuxa regulación persegue evitar unha demora innecesaria na procura dunha resposta xudicial á decisión empresarial extintiva", engade o decreto. A empresa -administración, neste caso- debe aportar documentación que xustifique a medida traumática en materia laboral para prescindir de empregados. Haberá periodo de negociación pero non se requerirá da aprobación da autoridade laboral competente. Os traballadores teñen que botar man dos xulgados do Social.