A secretaria de Estado de IA asegura a Senén Barro, director do CiTIUS da Universidade de Santiago, a continuidade do proxecto ALIA, que xa recibiu 3,4 millóns do Goberno de España e pide á Xunta que tamén "contribúa economicamente" nesa extensión
ALIA é o proxecto do Goberno de España que procura dotar o Estado "dunha infraestrutura pública de recursos de intelixencia artificial, con especial atención ao desenvolvemento de recursos tecnolóxicos para as linguas do Estado". Nese "desenvolvemento dunha familia pública e soberana de modelos de IA" participa o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, que tamén é un dos piares do Proxecto Nós.
Este pasado martes a secretaria de Estado de Dixitalización de Intelixencia Artificial, María González Veracruz, reuniuse co director do CiTIUS, Senén Barro, para "valorar os resultados dos traballos" realizados ata agora, nos que participa asemade o Instituto da Lingua Galega e que contaron con 3,4 millóns de financiamento estatal. Nese encontro González Veracruz avanzou a intención de achegar novos fondos estatais para resaltar que a USC pode dar por "garantida a continuidade do proxecto".
O "apoio económico", anticipa a secretaria de Estado para "seguir fortalecendo o uso da lingua e desenvolver unha IA en galego" vaise manter polo "éxito da colaboración" ata agora. Xa o comunicou á Xunta, especifica para explicar que tamén reclamou ao Goberno galego que "contribúa economicamente, do mesmo modo que fixeron todas as comunidades autónomas con lingua propia".
A Secretaría de Estado ve un "éxito" os resultados acadados ata agora, entre os que salienta "os corpus masivos en galego e a creación de modelos de linguaxe abertos cun deseño responsable"
Tras tres anos de traballo, salienta a Secretaría de Estado "entre os resultados obtidos destacan os corpus masivos en galego e a creación de modelos de linguaxe abertos cun deseño responsable". "Estamos demostrando que é posible desenvolver modelos exitosos de intelixencia artificial nas linguas oficiais coma o galego, revalorizándoas social e economicamente, conservando a nosa riqueza lingüística e cultural e impulsando unha industria en torno ás tecnoloxías da linguaxe", eloxia.
O pano de fondo da importancia dos traballos do CiTIUS para desenvolver modelos de IA en galego e do propio proxecto ALIA, advirte, é que "o 95% da intelixencia artificial do mundo está adestrada en inglés". Isto, alerta, "prexudica gravemente outras culturas e linguas como a galega" e "achega unha visión parcial e nesgada do mundo baixo o prisma anglosaxón". "Este programa -conclúe- non só fai posible a presenza do galego no adestramento da intelixencia artificial, senón que evita a súa extinción dixital".