"Evidencias" dende A Coruña na investigación pola violencia contra mulleres e menores na IA de Musk

Aplicacións de intelixencia artificial nun dispositivo móbil CC-BY-SA Salvador Ríos / Unsplash

A AESIA, con sede na cidade herculina, disponse a achegar datos á investigación da Comisión Europea sobre a intelixencia artificial Grok por "permitir crear e difundir imaxes sexualizadas ou sexualmente explícitas creadas sen consentimento"

Dende finais do pasado xaneiro a Comisión Europea ampliou a investigación que xa tiña en marcha sobre X, a rede social de Elon Musk -o antigo Twitter- e abriu unha nova centrada especificamente na despregadura de Grok, a súa ferramenta de intelixencia artificial. Concretamente, para aclarar se "avaliou e mitigou adecuadamente" os "riscos relacionados coa difusión de contidos ilícitos" na UE como "imaxes sexualmente explícitas manipuladas, incluídos os contidos que poidan constituír material abuso de menores".

Esa pescuda está en marcha e contará, entre outras moitas fontes de información, con "evidencias técnicas e documentais" recompiladas pola Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña. Así o confirmou este xoves nun acto conxunto organizado polo organismo co Instituto das Mulleres, dependente do Ministerio de Igualdade, en vésperas do 8M.

O ministro para a Transformación Dixital, Óscar López; e a ministra de Igualdade, Ana Redondo, na sinatura do convenio entre a AESIA e o Instituto das Mulleres, este 5 de marzo © Ministerio para a Transformación Dixital

AESIA e Igualdade dispóñense a estabilizar, a través do convenio asinado este xoves, a súa "colaboración para combater a violencia dixital e corrixir os nesgos de xénero nos sistemas de intelixencia artificial". E coa mesma vontade, ratifican, a entidade con sede en Galicia vai achegar á Comisión Europea os datos dos que dispón para "contribuír de forma eficiente ás súas investigacións sobre o uso de sistemas de intelixencia artificial nas redes sociais que permiten crear e difundir imaxes sexualizadas ou sexualmente explícitas creadas sen consentimento".

A axencia de supervisión da IA estabiliza a súa colaboración co Instituto das Mulleres para "combater a violencia dixital e corrixir os nesgos de xénero" nestes sistemas

"A produción dun alto contido misóxino, sexista e de discursos de odio nas redes sociais", subliñan, "supera a esfera dixital" e chega a "afectar á saúde mental, silenciando as mulleres e nenas e provocando situacións de axexo, violencia física ou mesmo a morte", declaran. "Colaboramos con Bruxelas para os procedementos que está seguindo contra X e Grok" porque "todos sabemos o que está pasando", resume o ministro para a Transformación Dixital, Óscar López: "collen vídeos de nenas, súbenos e piden que as ispa" dando lugar a "imaxes horribles que non podemos consentir.

Alén da colaboración nesta pescuda europea a X, a colaboración entre a AESIA e Igualdade centrarase, avanzan, na "detección, prevención e corrección dos nesgos de xénero" na IA. Trátase, sinalan, de que "as decisións automatizadas non xeren discriminación" de xénero. Á Axencia instalada na cidade herculina corresponderanlle, entre outras funcións, "alertar sobre sistemas de alto risco, compartir documentación, organizar probas técnicas e formar o seu persoal en materia de igualdade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.