O Supremo avala A Coruña como sede da Axencia de Intelixencia Artificial fronte a Granada e as dúbidas de Feijóo

Edificio da Terraza na Coruña elixido como sede da Axencia de Intelixencia Artificial © Concello da Coruña

A cidade andaluza recorrera a decisión do Goberno de España e o ex-presidente galego pedira coñecer "os criterios", mentres que o actual titular da Xunta salientara que estes publicáranse xa no BOE

O Tribunal Supremo fixo pública este luns unha sentenza coa que desestima un recurso interposto polo Concello de Granada contra a decisión de hai un ano do Consello de Ministros de establecer na Coruña a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Fronte ás alegacións da cidade andaluza de que a decisión non estivera suficiente e correctamente motivada -ás que o ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dera pábulo pedindo coñecer "os criterios"- o alto tribunal considera que a decisión era unha cuestión "discrecional" do Goberno de España e que contou coa motivación necesaria.

Presentación da candidatura da Coruña para acoller a AESIA © Concello da Coruña

A Coruña fíxose hai un ano coa sede da axencia en disputa con Granada e Alacante. O despoboamento galego, as comunicacións da cidade ou o inmoble ofrecido foron algunhas das características da candidatura coruñesa valoradas primeiro por un comité técnico e despois polo Consello de Ministros. Porén, Granada recorreu á xustiza argumentando que a decisión non estivera motivada. 

Ante a decisión e a polémica xerada, Feijóo asegurou estar "encantado" coa elección da Coruña e mesmo atribuíuna "modestamente" ao seu traballo desde a Xunta, pero dixo entender as críticas doutros lugares non seleccionados xa que “se os criterios se publicasen e se puidesen medir obxectivamente, pois estariamos todos moito máis tranquilos”. Pola contra, o seu sucesor á fronte do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientaba que os criterios foran publicados no BOE e "acreditan que a elección da Coruña foi unha elección correcta".

Sentenza do Supremo que desestima o recurso de Granada contra a elección da Coruña como sede da AESIA CC-BY-SA Praza Pública

O Supremo constata que a decisión do Goberno de España era discrecional pero que estivo motivada

O que di agora a sentenza do Supremo é que a decisión do Goberno de España estivo correctamente tomada. "Estamos ante un acto discrecional motivado do Consello de Ministros que pode seguir ou non a recomendación efectuada" pola comisión técnica, di a sentenza. Canto a esa recomendación, o Supremo di que "o feito de que no informe de valoración das candidaturas da Comisión figure unha determinada orde con Granada en primeiro lugar non supón efecto algún para a recomendación da cidade da Coruña que realiza a Comisión ao Consello de Ministros". 

"Unha determinada orde nun listado suxeito aos condicionantes anteditos non crea expectativa algunha", incide o tribunal, que insiste en que o Consello de Ministros "non debe atender á candidatura con maior puntuación senón a unha das candidaturas 'de excelencia', iso si explicitando as razóns da decisión mediante a correspondente motivación aquí existente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.