Máis dun terzo do alumnado galego usa IA cada semana para os traballos de clase

Mozas mirando o móbil e gráfico sobre o uso da IA no estudantado © Foto: Santi Alvite / USC. Montaxe: Praza.gal

Máis de un de cada tres alumnos e alumnas en Galicia asegura usar ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) cada semana para realizar traballos do instituto. Os datos debullados do uso da IA a partir das respostas do estudantado de 15 anos á enquisa do informe PISA revelan unha realidade que veu para quedar e que obriga a mocidade, familias e profesorado a afrontar o reto que supón que o emprego desta IA se faga "de xeito crítico, ético e pedagoxicamente eficaz", como advirte a propia Unesco. 

A análise dos microdatos por autonomías do informe PISA permiten debullar o uso da IA no alumnado galego, algo menor ao do conxunto de España pero maior ao da media de UE ou OCDE

Malia que, tal e como aclara o informe PISA, os sistemas de IA xerativa (Gemini, ChatGPT e outros semellantes) son unha tecnoloxía de implantación moi recente —difundida desde finais de 2022—, en só uns anos o seu uso estendeuse "de forma extraordinariamente rápida entre estudantes e docentes de numerosos países", mudando o xeito de aprender, estudar ou ensinar e obrigando, practicamente de golpe, a que os centros de ensino teñan que integrar estas ferramentas "antes de que existan evidencias consolidadas sobre os seus efectos a medio e longo prazo". 

Alén das cifras xerais do informe, os microdatos por comunidades autónomas —aos que tivo acceso Praza.gal— permiten debullar o uso que da IA se fai nas aulas galegas. Así, revelan que, por exemplo, para a realización de traballos escritos, un terzo do alumnado asegura non empregar a IA "nunca ou case nunca", pero outro terzo (33,5%) emprégaa todas as semanas: case un 15% a diario ou case e arredor do 19% unha ou dúas veces á semana. 

Outro 21% di usala unha ou dúas veces mensualmente e un 12,5%, unha ou dúas ao ano. En resumo, máis da metade do estudantado di tirar da IA para estes traballos como mínimo unha vez por mes. Non é nada que sorprenda aos que máis saben do tema. 

Máis da metade do alumnado de 15 anos en Galicia di usar a IA para realizar traballos do instituto polo menos unha vez ao mes; case un 15% a diario

"A situación é a que é e hai que asumila; o uso da IA non se pode prohibir, pero a clave está en como se usa e na formación, primeiro do profesorado e tamén do alumnado, para garantir ese uso ético, beneficioso e eficaz desde o punto de vista pedagóxico", resume Francisco Bellas, profesor e investigador do CITIC (Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións) da UDC e experto no desenvolvemento da IA no ámbito docente, tamén en colaboración coa Unesco. 

Bellas asume esa "fenda xeracional" entre familias e profesorado con respecto á xente nova, que na maioría dos casos está máis afeita ao uso da IA e adoita ter máis coñecemento sobre ela, quer para empregala de forma positiva, quer de maneira menos beneficiosa. "O máis urxente é a formación, sobre todo dos e das docentes", insiste ante un reto maiúsculo. 

De feito, o alumnado de España é do que máis usa a IA para estudar. A OCDE, responsable do informe PISA, incluíu nas preguntas ao estudantado de 15 anos do pasado ano varias sobre o emprego destes sistemas de IA xerativos para diferentes tarefas. Coas respostas elaborou un índice estandarizado onde a media dos diferentes países é 0 e onde as desviacións cara a valores positivos indican un uso superior a esta media. Segundo os datos, a rapazada do Estado é da que máis emprega a IA (0,22), só por tras de Malta, Turquía e Colombia, e moi por riba de Xapón (-0,69), Irlanda, Reino Unido, Finlandia, Canadá ou os Estados Unidos, destacados entre os territorios onde mozos e mozas menos usan estas ferramentas. 

Galicia, por baixo da media do Estado

Os datos por comunidades permiten comprobar que Galicia sitúase por baixo da media no uso de IA para tarefas escolares (0,17), lonxe do índice estatal pero aínda máis do que se dá nas Illas Canarias (0,31), Madrid (0,29) ou a Comunitat Valenciana (0,26). Ademais, nas aulas galegas é onde máis estudantado asegura non ter usado nunca ou case nunca chatbots de IA para ningunha das tarefas escolares que examina o PISA, só superado polo de Navarra (12,6%). 

Para Francisco Bellas, malia que PISA cruza datos dos resultados en diversas competencias e o emprego da IA, o uso de ferramentas como ChatGPT ou Gemini "non debería ter impacto" nos datos do alumnado neste último informe, xa que o seu uso non é aínda tan xeneralizado nin hai tantas diferenzas entre países. Outra cousa será no seguinte, advirte. 

Chat GPT nun teléfono móbil Dominio Público Sanket Mishra

Case un 40% do estudantado di tirar semanalmente de ChatGPT, Gemini ou ferramentas semellantes para resumir textos

Pero o emprego da IA é xa habitual na maioría do alumnado galego, en maior ou menor medida, con cifras superiores á media que se dá na UE ou entre os países da OCDE. Á hora de resumir un texto que ten que ler, por exemplo, máis do 15% do estudantado galego di que tira do ChatGPT ou sistemas semellantes a diario ou case a diario e máis do 22% unha ou dúas veces por semana. Xa que logo, bastante máis dun terzo (37,8%) usa a IA para estes resumos semanalmente. 

Para investigar sobre un novo tema, os resultados amosan aínda un maior uso. O 40% do alumnado di que emprega a IA cando menos unha vez á semana: o 16% diariamente ou case diariamente e o 24% 1-2 veces semanalmente. Neste caso, practicamente dous terzos fano algunha vez ao mes. 

Ademais, á hora de usar a IA como axuda na aprendizaxe, as porcentaxes elévanse máis: case a metade do estudantado que participou en PISA di que a emprega para este labor semanalmente e o 21% a diario. Practicamente o 70% recoñece tela usado algunha vez ao mes e só o 21% di que non o fixo nunca ou case nunca. 

Pros e contras

No propio informe PISA recoñécese que a literatura científica recente sinala que a IA xerativa "pode contribuír a mellorar a aprendizaxe cando se utiliza como instrumento de apoio para a comprensión, a retroalimentación inmediata ou o desenvolvemento de habilidades de autorregulación". No entanto, tamén advirte de "riscos potenciais asociados a un uso excesivo pouco guiado, como a dependencia de resposta xeradas automaticamente, a diminución de esforzo cognitivo, a aceptación acrítica de información inexacta, derivada das denominadas alucinacións dos modelos, ou o incremento das oportunidades para o plaxio e outras formas de deshonestidade académica". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.