Arena Nós busca avaliar o nivel de representación da cultura galega nos grandes modelos de linguaxe, así como comparar a súa capacidade de producir texto e voz na nosa lingua. A pioneira ferramenta foi presentada nun acto organizado por Google no Parlamento europeo con motivo do Día Europeo das Linguas
O Proxecto Nós participou esta semana no Parlamento europeo na xornada The role of artificial intelligence in supporting linguistic diversity in Europe, un encontro impulsado por Google con motivo do Día Europeo das Linguas. Neste escenario presentouse Arena Nós, unha ferramenta pioneira na avaliación do nivel de representación cultural e lingüística nos grandes modelos de IA.
O Proxecto Nós estivo representado por Manuel Loureiro, investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC. Loureiro centrouse no traballo desenvolvido polos investigadores do Proxecto Nós como exemplo de ciencia aplicada no desenvolvemento dos recursos necesarios para atinxir unha representación plena da lingua e da cultura galegas nas ferramentas e aplicacións baseadas na intelixencia artificial. O investigador salientou a importancia destes recursos "para que empresas como Google poidan, a través dos procesos de adestramento e avaliación, representar dun xeito profundo a nosa diversidade lingüística e cultural nos seus modelos"
"Isto permitiralle á sociedade galega saber que intelixencia artificial entende mellor se se lle fala en galego; cal ten máis capacidade para escribir un artigo, corrixir ou traducir un texto, facer un traballo profesional na nosa lingua ou responder a unha dúbida sobre lexislación; ou cal serve para planear unha viaxe, aprender a coidar da horta ou programar en galego"
Alén do desenvolvemento de corpus lingüísticos básicos de texto e voz, entre as liñas de traballo do proxecto atópanse tamén o deseño de aplicacións de síntese de voz, tradución e corrección de textos. O obxectivo é fornecer a sociedade de todas as ferramentas esenciais precisas para que o galego sexa unha lingua útil e viva nos sistemas de intelixencia artificial.
Loureiro presentou durante a súa intervención os resultados preliminares de Arena NÓS, unha ferramenta "pioneira" que pretende "avaliar o nivel de representación da nosa cultura nos grandes modelos de linguaxe, así como comparar a súa capacidade de producir texto e voz na nosa lingua". A iniciativa, que concluirá o seu desenvolvemento nos vindeiros meses, ten como fin facer accesibles datos públicos baseados en metodoloxías científicas de referencia. "Isto permitiralle á sociedade galega obter respostas a preguntas básicas: que intelixencia artificial entende mellor se se lle fala en galego; cal ten máis capacidade para escribir un artigo, corrixir ou traducir un texto, facer un traballo profesional na nosa lingua ou responder a unha dúbida sobre lexislación; ou cal serve para planear unha viaxe, aprender a coidar da horta ou programar en galego", destaca Proxecto Nós.
Así mesmo, a delegación galega trasladou ao eido europeo a importancia de garantir que todas as linguas continúen a ser linguas vivas no tempo da intelixencia artificial
Deste xeito "os usuarios, as institucións e as empresas poderán saber cal é a mellor opción para dar resposta ás súas necesidades a través da intelixencia artificial en galego", sinalou o investigador galego na súa intervención no acto do Parlamento Europeo. Esta avaliación pública da representación cultural, pensada para o noso idioma, tampouco está accesible para a gran maioría de linguas e culturas, coa excepción do inglés. Por este motivo, o proxecto Nós publicará os materiais e o código en aberto para facilitar que outras comunidades poidan replicar a metodoloxía nas súas respectivas linguas.
Así mesmo, a delegación galega trasladou ao eido europeo a importancia de garantir que todas as linguas continúen a ser linguas vivas no tempo da intelixencia artificial. "A integración plena do galego nestes sistemas, obxectivo central do Proxecto Nós, é hoxe en día unha condición imprescindible. Trátase dun paso fundamental para protexer de forma efectiva os dereitos lingüísticos dos falantes, potenciar a capacidade produtiva e asegurar o desenvolvemento futuro da sociedade", destaca a delegación.
A xornada reuniu eurodeputados e representantes dos gobernos do Estado, entre eles Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, xunto con expertos, investigadores e membros do ecosistema lingüístico e dixital, co obxectivo de analizar o papel da intelixencia artificial no desenvolvemento da diversidade lingüística e cultural de Europa.