A intelixencia artificial é unha oportunidade ou unha ameaza para a cultura, para a cultura galega e, máis especificamente, para o sector cultural do país? A súa introdución é unha vantaxe ou unha avantaxe? En que medida se está a empregar xa neste momento? Vaise usar máis no futuro inmediato? En que sectores? O Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega vén de presentar o informe A intelixencia artificial na cultura galega: coñecemento, usos e opinións, un traballo realizado a partir de máis dun milleiro de enquisas a profesionais do sector cultural galego, aos que preguntou sobre o uso que xa estaban facendo na súa actividade das ferramentas de intelixencia artificial, a previsión do seu uso futuro e a súa opinión sobre o efecto que esta nova tecnoloxía vai ter para o sector.
O informe destaca que o seu uso, sobre todo no ámbito profesional, é aínda minoritario, pois só un 28,6% das persoas enquisadas afirmaron ter empregado a tecnoloxía da IA no seu traballo
Os resultados foron presentados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, durante a inauguración da xornada "A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria" que se celebrou este martes pola tarde na institución.
O informe destaca que o seu uso, sobre todo no ámbito profesional, é aínda minoritario, pois só un 28,6% das persoas enquisadas afirmaron ter empregado a tecnoloxía da IA no seu traballo, e dentro desta porcentaxe, só un 10% afirma facelo de xeito frecuente. Nos sectores do audiovisual e das artes visuais é onde máis profesionais empregan estas tecnoloxías, con porcentaxes do 44,3% e do 43,1%
O 48,9% cre que a IA será unha ferramenta "útil para o labor creativo e que o sector poderá tirar proveito da súa incorporación". Porén, o 44,9% pensa o contrario e valora máis as ameazas sobre os posibles efectos positivos
Porén, unha porcentaxe das persoas entrevistadas a comezo deste ano 2024 si cren que IA vai ter un uso importante no futuro dentro do seu sector. Un 42,9% das entidades esperan incorporar a tecnoloxía a algúns dos seus procesos e un 20,6% anticipa un futuro cun uso moi extendido. Porén, a previsión da implantación de proxectos con IA na actualidade ou a curto prazo é moi baixa. Só un 14,9% das entidades están desenvolvendo proxectos con IA ou están xa preparándoos para a súa implementación
A opinión máis optimista dáse nos ámbitos do audiovisual, museos e artes visuais, mentres que se perciben máis reticencias na educación cultural, a edición, a música ou o teatro
A opinión sobre os beneficios ou os efecto negativos da IA no sector cultural está moi dividida. O 48,9% cre que a IA será unha ferramenta "útil para o labor creativo e que o sector poderá tirar proveito da súa incorporación", malia os prexuízos e ameazas que tamén inclúe. Porén, o 44,9% pensa o contrario e valora máis estas ameazas sobre os posibles efectos positivos que tamén pode ter.
A opinión máis optimista dáse nos ámbitos do audiovisual, museos e artes visuais, onde a intelixencia artificial está a ser máis usada, mentres que se perciben máis reticencias nos ámbitos nos que se usa menos, como a educación cultural, a edición, a música ou o teatro.
En xeral, as visións son máis negativas cando se pregunta, punto por punto, sobe os posibles efectos que a IA por ter no sector cultural. En cambio, cando se pregunta de forma xenérica sobe a Intelixencia Artificial, as opinións dos e das profesionais son máis benévolas
O Observatorio preguntou tamén sobre distintos efectos concretos, positivos ou negativos, que a IA pode ter no sector cultural. Así, un 43,2% dos profesionais pensan que a IA pode axudar a configurar ofertas culturais personalizadas para os usuarios e un 62% considera que estas tecnoloxías axudarán a preservar, analizar e poñer en valor obras de arte.
Pola contra, un 47,5% dos xestores consideran que a IA pode dar lugar a "unha produción cultural que reproduza nesgos e prexuízos, como a discriminación por xénero ou racial" e un 56,2% pensan que unha maior introdución da IA vai supoñer a perda de postos de traballo. Ademais, un 58,2% afirman que estas ferramentas non facilitarán un "acceso máis inclusivo e democrático aos contidos culturais" e un 55,2% pensan que non van axudar a xerar contidos culturais orixinais.
Un 56,2% pensan que unha maior introdución da IA vai supoñer a perda de postos de traballo
En canto ao impacto que pode ter para a lingua galega, un 36% dos entrevistados si cre que a IA pode ter vantaxes para a difusión e acceso a contidos en lingua galega, pero o 55% pensa o contrario.
Un dos temores máis compartidos é que vai ser unha ameaza ao facer posible a suplantación de identidades e as hipertrucaxes (deepfakes), unha opinión que comparte o 84,3% das persoas responsables das entidades da cultura. Unha porcentaxe similar (83,7%) cre que suporá un risco para a privacidade e a protección de datos.
Un 36% dos entrevistados cre que a IA pode ter vantaxes para a difusión e acceso a contidos en lingua galega, pero o 55% pensa o contrario
Ademais, un 75,2% pensa que a introdución da IA no sector cultural será un problema para a propiedade intelectual e os dereitos de autor e un 68,8% opina que incrementará a homoxeneidade na produción e a redución da orixinalidade e variedade de contidos. Tamén hai un acordo claro (80,7% de persoas entrevistadas) en que esta suporá un cambio nas competencias dos profesionais do sector que esixirá formación específica.
En xeral, as visións son máis negativas cando se pregunta, punto por punto, sobe os posibles efectos que a IA por ter no sector cultural. En cambio, cando se pregunta de forma xenérica sobe a Intelixencia Artificial, as opinións dos e das profesionais son máis benévolas.