Ana Kiro estivo preto de participar no Festival de Eurovisión. No ano 1969 participou no I Festival de la Canción Española, un evento creado para escoller a canción (e a artista) que representarían a España nesa edición do certame. España gañara o festival un ano antes con Massiel e o La, la, la e ía ser a anfitriona, nunha cita que o réxime tomaba moi en serio como escaparate de promoción internacional.
Trece anos despois do seu pasamento, Ana Kiro (ou cando menos a súa voz) regresa con Florespiña, o tema creado polo equipo PAMP! grazas á tecnoloxía da intelixencia artificial que quere ser unha homenaxe á artista arzuá
En realidade, Salomé xa fora previamente escollida como a artista que representaría a España, pero aínda así nese Festival de la Canción Española as dez cancións candidatas foron interpretadas dúss veces, unha por ela e outra por outro ou outra artista. Entre elas estaba Ana Kiro, que presentou Vivo cantando, un tema que fora pensado para ela e que foi o máis votado, con gran diferenza (47 puntos fronte a 8 do segundo clasificado). Porén, a decisión estaba xa tomada e Salomé representou a España en Eurovisión, acadando a primeira posición ex aequo con Francia, Países Baixos e Reino Unido.
Ana Kiro publicou pouco despois a súa versión do Vivo cantando nun single que incluía tamén a canción Mamá, Mamá. A artista arzuá (chamada en realidade María Dolores Casanova González) non chegou a participar en Eurovisión e nunca o fará, pois finou no ano 2010. Pero a Intelixencia Artificial vai obrar a milagre de volver escoitar a súa voz nun certame internacional.
Ana Kiro foi "unha muller adiantada ao seu tempo" e "un exemplo de resiliencia", destaca o equipo responsable dun proxecto que busca "inmortalizar e resignificar o seu legado para as novas xeracións"
Esta semana déronse a coñecer as 35 cancións que participarán no AI Song Contest, o festival de Eurovisión das cancións compostas por intelixencia artificial, unha cita que neste 2023 se celebra na Coruña. Entre os temas seleccionados está o realizado polo equipo PAMP! (Proxecto Ana María Prieto, tributo á primeira muller programadora informática galega), impulsado pola empresa compostelá CECUBO e coordinado por Joel Cava, que xa o pasado ano obtivo o segundo posto con AI-LALELO e que volve representar a Galicia no certame.
Trece anos do seu pasamento, Ana Kiro (ou cando menos a súa voz) regresa con Florespiña, o tema creado polo equipo PAMP! grazas á tecnoloxía da intelixencia artificial que quere ser unha homenaxe á artista arzuá, "unha muller adiantada ao seu tempo que defendeu con contundencia o seu pensamento nun contexto difícil para crear unha sociedade galega mellor", destacan os seus creadores, que engaden que "defendeu o feminismo, o galeguismo e o progresismo".
"Ti sabes, e eu sei, que somos e sempre seremos xentes rexas coma o toxo, teimudas coma o alecrín que cada primavera volver envolver os nosos montes", escoitamos dicir á voz de Ana Kiro no comezo da canción"
De igual xeito, salientan que "ela foi un exemplo de resiliencia" e por ese motivo "retratamos a súa traxectoria a través da imaxe do toxo, unha planta resistente que medra en terras desoladas, simbolizando o forte poder do pobo galego, que se levantou unha e outra vez a pesar dos peores momentos". A canción, rematan "é unha viaxe musical do pasado ao futuro da artista, e unha nova versión dela no metaverso", na procura de "inmortalizar e resignificar o seu legado para as novas xeracións".
"Ola? Galicia? Estou de volta despois de 13 anos grazas á intelixencia artificial", di a voz desta Ana Kiro robotizada no teaser que dende este xoves adiantaba a canción, un tema que se abre de novo coa súa voz dicindo: "Ti sabes, e eu sei, que somos e sempre seremos xentes rexas coma o toxo, teimudas coma o alecrín que cada primavera volver envolver os nosos montes; mestura de espiña e flor, de esperanza, morriña e pranto".
“Raíz e modernidade fúndense creando un estilo propio, unindo verbena, música tradicional, trap e electrónica nunha sonoridade nunca antes vista na homenaxeada", destaca o equipo
O texto introdutorio, duns 40 segundos, continúa: "Por máis que nos queimen ou afoguen, por máis que nos asoballen coas súas teimas, por máis que nos sintamos como empuxados ao máis escuro da longa noite de pedra, habemos de agromar máis unha vez, e habemos florecer na primavera". E remata: "Pero coma sempre foi, coma onte, hoxe e mañá, imos sinxelamente a nos deitar, durmir e en silencio esmorecer. Nas nosas mans está", dando paso a unha canción que agocha moitas sorpresas musicais e na que Ana Kiro é a protagonista, nun proxecto que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila da artista.
“Raíz e modernidade fúndense creando un estilo propio, unindo verbena, música tradicional, trap e electrónica nunha sonoridade nunca antes vista na homenaxeada", destaca o equipo. "O respecto á súa traxectoria e a libre creación artística son as liñas mestras deste traballo que narra a historia dunha muller que ansía ter voz propia nun mundo dominado polos homes, e na que tamén se reivindica o rural”, engaden.
O CiTIUS da USC foi o encargado de realizar a xeración de voz de Ana Kiro, recreando a fala normal e cantada da artista arzuá
A canción e o vídeo da candidatura galega foron presentadas este venres no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), nun acto no que participou o equipo responsable do proxecto, un grupo multidisciplinar de doce persoas artistas, enxeñeiras, investigadoras e músicas galegas. O grupo está formado por Javi Cardama, César Díaz, Fernando Estévez, e Ruben Laso, todos eles do CiTIUS, xunto a Juan Alonso, Camille Hedouin (Mounqup), Sofía Infante, Eva Outeiro, Xandre Outeiro, David Santos e Marta Verde, coordinados por Joel Cava. O CiTIUS foi, en concreto, o encargado de realizar a xeración de voz de Ana Kiro, recreando a fala normal e cantada da artista arzuá.
Para o equipo a IA é só "unha ferramenta colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do proceso creativo"
O equipo contempla a intelixencia artificial "só como ferramenta colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do proceso creativo, e sempre seguindo un uso ético, responsable e transparente para promover a lingua e cultura de Galicia”, explican.
A final, na Coruña o 4 de novembro
A final do certame terá lugar na cidade da Coruña o vindeiro 4 de novembro. A cerimonia de inauguración terá lugar o venres 3 de novembro no CSA da Cidade das TIC, o mesmo recinto que acollerá o congreso AI & Creation Day durante a mañá e tarde do sábado, cunha programación de charlas e mesas de debate académicas arredor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual.
A final do certame terá lugar na cidade da Coruña o vindeiro 4 de novembro
Expertos na materia tamén achegarán luz sobre as estratexias creativas empregadas polos equipos finalistas, proporcionando información sobre os procesos innovadores que hai detrás das súas composicións xeradas por IA. Ademais, o público presencial e en liña terán a oportunidade de descubrir como se está a traballar en Galicia a intelixencia artificial e, especialmente, como se aproveita a IA para preservar e contribuír á lingua galega.
A cidade herculina consolida a súa posición destacada no campo da intelixencia artificial, despois de ser designada como sede da AESIA
Despois da xornada divulgativa, os asistentes gozarán da final en Studio Follow, espazo situado na Grela, cun programa de televisión en directo pensado para celebrar a música co-creada entre individuos e máquinas, e onde a cultura galega "estará moi presente". Unha vez coñecidos os gañadores terá lugar unha festa no mesmo lugar.
A cidade herculina consolida deste xeito a súa posición destacada no campo da intelixencia artificial, despois de conseguir o pasado ano ser designada como sede da Axencia estatal de Intelixencia Artificial (AESIA).