En Galicia hai uns 3.000 núcleos de poboación sen habitantes, a metade das aldeas deshabitadas de todo o Estado. É a realidade da que parte Os camiños da brétema, un proxecto "fotopoético" apoiado no traballo de 18 escritoras e escritores e mais nas imaxes do fotógrafo cántabro residente na Pontenova Vicente Ansola. A aposta por "chamar a atención sobre o despoboamento do rural galego" dende a fotografía, a música e a palabra poética chega o vindeiro sábado ao Museo de Lugo.
Os versos que acompañarán as imaxes de Ansola son do "total de 18 poetas que formamos parte do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar", explicou este luns en Lugo María José Fernández no nome de todo o grupo. Co recital, que terá o refectorio do Museo lucense como escenario, "quixemos trazar camiños entre a néboa para denunciar esta situación". Os versos e as imaxes, todas elas tomadas na Pontenova e pertencentes aos traballos O pobo das néboas e A última polavila, terán o apoio musical do cantautor ferrolán Miguel Alonso e do grupo asturgalaico Green Label.
"A idea -explica Fernández- xorde a partir de dúas realidades: todos os galegos e galegas temos algunha vinculación co rural e este morre, esvae ante os nosos ollos de xeito silencioso". Casas pechadas, vilas sen infancia ou leiras abandonadas son a mostra de que o rural "vai morrendo pouco a pouco, co que se desploma o esquelete que sostén a nosa identidade colectiva". Por este motivo, di, cobra máis importancia amosar o "valioso patrimonio cultural que as nosas aldeas atesouran", así como á súa poboación, homes e mulleres que "tornan en gardiáns da memoria deste pobo".
"O rural vai morrendo pouco a pouco, co que se desploma o esquelete que sostén a nosa identidade colectiva"
Neste contexto, "o esvaecemento do noso rural non só supón a desaparición dun xeito particular e único de relacionarse coa terra, senón tamén a perda dun importante patrimonio arquitectónico e cultural", o que se amosa nestas imaxes. Con ese patrimonio -esvaece un rico cosmos de valores, usos e costumes que constitúen a cerna da nosa identidade colectiva, o que implica que os individuos que a compoñemos fiquemos, dalgún xeito, privados da memoria, orfos de raíces".
Tras a montaxe do vindeiro sábado, ás seis da tarde no Museo de Lugo as fotografías de Vicente Ansola continuarán no recinto ata finais de marzo. Na mostra, indiacn dende o Museo, represéntanse "momentos da vida cotiá dalgunhas aldeas" da Pontenova como Vilarxubín, Bogo, San Paio, Herbelle, Vilargondurfe ou Vilaeimil. Este traballo obtivo en 2011 o premio Hasselblad, un "dos galardóns de fotografía máis prestixiosos a nivel mundial", destacan.