As axudas para a incorporación dos mozos e mozas ao agro (financiadas nun 75% por fondos europeos, nun 17,5% pola Xunta e nun 7,5% polo Estado central) supoñen unha ferramenta imprescindible para fomentar o rexuvenecemento do sector e, en xeral, do rural galego. Na última convocatoria contaban dun total de 57 millóns de euros, tanto para investimentos concretos como para gastos xeral dunha primeira instalación, e están dirixidos a persoas entre os 18 e os 41 anos, coa obriga de manter a actividade durante -cando menos- cinco exercicios.
Porén, como denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG), estas axudas están sometidas a unha fiscalidade "excesiva e contraditoria", que limita moito os efectos positivos que podería producir e que, ademais, está prexudicando gravemente a moitos novos e novas agricultoras e gandeiras. Esta fiscalidade obrígaos a tributar ata un terzo da cantidade total recibida no primeiro ano (aínda que a axuda se refire a un período de cinco) e, en ocasións, mesmo se impón o pagamento a persoas que aínda non recibiron a subvención.
"A algunha xente fixéronlle crer que ía contar con 20 mil euros de axuda para poder instalarse, e agora atopan que Facenda lles reclama 6 mil"
"A algunha xente fixéronlle crer que ía contar con 20 mil euros de axuda para poder instalarse, e agora atopan que Facenda lles reclama 6 mil euros. Parécenos tremendo. Hai que ter en conta que en Galicia menos dun 5% das explotacións están en mans de xente nova e máis do 40% é propiedade de persoas de máis de 60 anos", subliña Isabel Vilalba (SLG).
"O problema é que o criterio que está utilizando a Axencia Tributaria é inxusto e, ademais, contraditorio. Nalgunhas delegacións atopamos con que lles fan declaralo coma se fose un incremento do patrimonio e noutros coma se fose unha axuda de capital", explica. "Nin sequera se está tendo en conta se a axuda se cobrou ou non: Facenda colle o DOG e se a axuda está publicada, fanlle a reclamación correspondente, independentemente de que a cobrara ou non. Despois de que se publique no DOG ten que haber un proceso de certificación. O habitual é que o cobro sexa, por mor deste proceso, cando menos no ano seguinte. Mesmo houbo casos de persoas beneficiarias que renunciaron á axuda ou que, finalmente, cobraron unha contía menor, ás que se lles obrigou a pagar igual", engade. "Socialmente estaría xustificado que estas axudas quedasen exentas de tributación, tendo en conta o brutal envellecemento do agro galego. Ou, cando menos, debería poder prorratearse a fiscalidade destas axudas nos 5 anos de actividade esixidos pola convocatoria de Medio Rural", demanda.
"Facenda colle o DOG e se a axuda está publicada, fanlle a reclamación correspondente, independentemente de que a cobrara ou non"
No pasado as axudas á incorporación vinculábanse só a investimentos. No momento de declaralas a Facenda, permitíase que os e as beneficiarias imputaran ese ingreso ao longo de varios anos, conforme facían as amortizacións. Porén, dende o 2014, comezou a permitirse que estas axudas puidesen servir para axudar nos gastos correntes das explotacións, de cara a fomentar máis eficazmente as incorporacións de mozos e mozas, nun cambio que o SLG considera positivo. “Moita xente non necesita facer unha grande obra ou mercar unha máquina excesivamente cara, senón que necesita alugar parcelas, ou realizar outro tipo de gasto para poder instalarse”, explica Vilalba. O problema é que nestes casos de gastos xerais, non se permite distribuír a tributación en varios exercicios.
O SLG pide que estas axudas queden exentas de tributación e que, como medida transitoria, se permita estender o pagamento a cinco anos
Dende hai meses o SLG mantén contactos tanto con Medio Rural coma coa Axencia Tributaria, para pedirlles unha modificación neste proceso. Nestes encontros, o sindicato instou os responsables das distintas administracións a realizar diante dos ministerios de Agricultura e Facenda as xestións necesarias para que estas axudas fiquen exentas de tributar impostos "xa que fiscalizalas atenta contra o seu espírito de apoiar a incorporación de xente moza e créalles dificultades engadidas ás persoas beneficiarias nun período moi delicado da súa actividade profesional no que se deben enfrontar a numerosas amortizacións e precisan dispoñer de liquidez". Como medida transitoria, mentres non se regule esa exención, o SLG esixe "que se unifique o criterio de prorratear o imposto sobre esta subvención durante os cinco anos obrigatorios do período de instalación, tal e como xa fan algunhas administracións".
"Trasladámosllo a Medio Rural, que nos di que é razoable o que demandamos. Pero hai toda unha dinámica na que a Axencia Tributaria vai por un lado e Medio Rural polo outro, é coma se non houbera un proxecto político: hai unha aplicación literal das normas, pero non hai proxecto para o país", denuncia Isabel Vilalba. "Ten que haber un convencemento de que, cos niveis de desemprego que hai hoxe e co envellecemento que temos no sector, todas as administracións deben traballar ao unísono para favorecer a incorporación de mozos e mozas", di.
"A Axencia Tributaria é cega á situación social: hai grandes fortunas en Panamá, en SICAVS ou onde sexa, mentres que a un mozo ou moza que vai instalarse no rural lle levan un terzo dunha axuda que ao igual xa comprometeu para poder levar adiante o seu negocio"
"Acabo sempre cun gran sentimento de frustración, porque a identificación do problema non se traduce en que haxa medidas contundentes. Hai meses que denunciamos isto, e non vimos que tomasen ningún tipo de decisión, para estes casos ou para o vindeiro ano. Xente nova, que recibiu unha axuda que non é un premio, senón que está vinculada a toda unha serie de obrigas durante cinco anos, vese moi prexudicada", sinala Isabel Vilalba. "A Axencia Tributaria é totalmente cega á situación social: hai grandes fortunas en Panamá, en SICAVS ou onde sexa, mentres que a un mozo ou moza que vai instalarse no rural lle levan un terzo dunha axuda que ao igual xa comprometeu para poder levar adiante o seu negocio", conclúe.