Perigo: pandeiretas en acción

Ferreña dunha pandeireta CC-BY-NC-SA Praza.gal

Era un día marcado no calendario con ilusión, esperábamos esa data con ganas para sentírmonos máis cerca da terra que deixamos atrás. As letras galegas tamén se celebraban en Barcelona. Foliadas, muiñeiras e pandeiretas eran as protagonistas daquela fin de semana.

Bailamos, cantamos, tocamos e sentímonos na casa estando lonxe dela. A morriña ía e viña pero aquel día só había ganas de troula e de celebrar a nosa cultura. Éramos un cento de galegos reunidos na Deskomunal de Sants que despois marchamos bailar ao son de Mercedes Peón que tamén estaba aquela tarde-noite na cidade condal. Non nos metíamos con ninguén, non facíamos nada malo, solo amosar e disfrutar da nosa tradición.

Todas as cousas bonitas vividas aquel 23 de maio, as emocións, as sensacións e a ledicia de ver como Galiza traspasaba fronteiras axiña se esfumaron.

Seguíamos tendo ganas de festa e marchamos a un lugar no que pensamos que non faríamos ningún mal. Un erro descomunal pola nosa parte. A música e as pandeiretas deben ser máis perigosas que as xeringas coas que se pinchan heroína, que os roubos e peleas que ocorren cada día nas rúas dunha cidade que críamos distinta.

Naquela praza entre as Ramblas e o Raval, ao pé do MACBA, concéntranse tódolos días docenas de skaters, grupos de persoas con altavoces dos que "petan" ben forte ata altas horas da madrugada. Aquela noite de sábado non era diferente, había a mesma xente de sempre. Na paisaxe habitual da praza, o único que mudaba era que nunha esquiniña estábamos nós, un grupo de cinco galegos e galegas con tres pandeiretas.

Fun a unha oficina do Ajuntament de Barcelona preguntar que tiña que facer para recuperar a miña pandeireta. Coa súa contestación quedei abraiada: teño que pagar 196 euros de taxa

Era todo fermoso ata que de súpeto a xente comezou a correr, nós non sabíamos que pasaba e quedamos onde estábamos. Ficamos cun pouco de incredulidade e asombro e as seguintes cousas que foron pasando aínda nos seguen a parecer difíciles de entender. Eran as dúas da mañá nunha praza na que non vive moita xente, nun lugar no que sempre hai moito máis ruído do que podíamos estar facendo nós e nunha zona na que pasan moitas máis cousas “fóra da lei”.

Aos poucos segundos había catro patrullas da Guàrdia Urbana de Barcelona cun claro obxectivo: nós. Vímonos rodeadas polas forzas de seguridade como si estivésemos cometendo o peor dos crimes; nós quedamos caladas mentras eles, cun ton máis ben prepotente, se dirixían a nós. A escena era, canto menos, surrealista: un grupo de cinco galegos e galegas, tres pandeiretas e doce guàrdias urbanas.

A cousa foi evolucionando, acabamos cunha multa e coas pandeiretas confiscadas. A multa é o de menos porque sabemos que nas rúas de Barcelona non se pode facer música a non ser que teñas un permiso especial, un risco que coñecíamos pero o que non imaxinábamos é que así, de primeiras, xa nos ían multar sen un previo aviso. Pero o que non se nos pasaría pola cabeza nin nos peores soños é que nos quitasen as pandeiretas, coma se de armas letais se tratasen. A nosa inocencia ou o non saber actuar fixeron que non nos defendésemos, agora vendo aquilo con outra perspectiva decátome de que quizais foi un abuso de autoridade.

Naquel momento anoxeime moito porque lle tiña cariño a miña pandeireta, despois pasei a tomarme a situación con humor porque sabía que non a ía recuperar pero cinco meses despois, volvo sentirme enfadada. A finais de xuño fun a unha oficina do Ajuntament de Barcelona preguntar que tiña que facer para recuperar o meu instrumento, coa súa contestación quedei abraiada, teño que pagar 196€ de taxa. Unha auténtica barbaridade por un obxecto que é meu, síntome roubada e estafada por un organismo que supostamente ten que velar pola nosa seguridade; paguei a miña multa pero négome a pagar esa taxa desorbitada por algo que non lles pertence. Pregúntome que farán coas nosas pandeiretas, se as perderían ou para que as queren.

Pregúntome que farán coas nosas pandeiretas, se as perderían ou para que as queren. Puxen unha reclamación pedindo por favor que ma devolvesen, pero desestimaron a petición

Puxen unha reclamación pedindo por favor que ma devolveran pero antonte chegoume a súa resposta, non me sorprendeu que me dixeran que desestimaban a miña petición.

Neste momento no que está habendo un auxe da música tradicional e as pandeiretas están cada vez máis de moda, non entendo como poden pasar estas cousas nin como as forzas de seguridade actúan dunha forma tan pouco axeitada.

Durante estes cinco meses conteille isto a moitas persoas e todas puxeron a mesma cara de asombro e pensaron que lles estaba contando unha trola. Pero non, isto pasou na noite do 23 ao 24 de maio en Barcelona, unha cidade que se define como un lugar libre e cosmopolita.

E xa para sumarlle puntos de surrealismo a esta historia de multas e pandeiretas, nun concerto fixeron un concurso sobre quen tiña a multa máis rara e inxusta e claro, gañei eu.

O tempo vai pasando e eu xa non sei que facer pero quero a miña pandeireta de volta. Bótoa de menos e non podo pagar outros 196€, o meu presuposto de universitaria non me permite eses luxos. A miña conciencia tampouco me deixa, non podo esquecerme da actuación prepotente daqueles guardias de turno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.