Queres aprender a tocar a pandeireta? Dende esta semana tes a oportunidade de dar os primeiros pasos grazas ao curso online que vén de poñer en marcha o músico e docente Xabier Díaz. Esta "escola virtual" que nace este mércores está pensada para aprender a tocar este instrumento "dende cero" e de balde, a través de videoleccións que se publicarán cada dúas semanas, sempre os mércores ás 9:30 horas.
O músico explica que o curso ten a súa orixe nas moitas peticións expresadas por galegos e galegas residentes do exterior
Os vídeos emitiranse na canle de Youtube de Xabier Díaz e incluirán subtítulos en inglés e castelán. O músico explica que o curso ten a súa orixe nas moitas peticións expresadas por galegos e galegas residentes do exterior e que non contaban con oportunidades para achegarse a centros para a aprendizaxe da pandeireta.
Os contidos dos video-titoriais son abertos a todo o público e están estruturados en 16 episodios. O episodio 1 estará dispoñible o día 30 de setembro, dentro de dúas semanas. Sendo "consciente de que non hai demasiados materiais didácticos nin un ensino regrado do instrumento", Xabier Díaz apostou por "perfeccionar e reordenar o proceso co que el aprendeu a tocar". "Deste xeito, evitarase que os estudantes fagan reviravoltas ou que suban falsos chanzos que, no futuro, obriguen a retroceder para poder avanzar de novo", explica.
O episodio 1 estará dispoñible o día 30 de setembro, dentro de dúas semanas
O músico comenta que o confinamento obrigado pola pandemia de coronavirus deulle "a oportunidade de concentrarse" neste proxecto. “O tempo redimensionouse de novo e pensei que era o momento de levar adiante esta vella promesa”, di e sinala que "á hora de actualizar o proxecto declara que o máis difícil foi preproducir e decidir unha orde dos capítulos: que vaian incrementando a dificultade paso a paso".
O curso está pensado para os que se aproximan ao instrumento sen ter coñecementos e, deste xeito, poder dar os primeiros pasos dunha forma ordenada. Ao tempo, tamén pode ser moi útil para a xente que sabe tocar ou que ten un certo nivel. Neste caso trátase de reaprender, de baixar algún chanzo para pulir erros e volver ao punto no que un estaba, pero agora con maiores perspectivas de seguir mellorando.
Continúa o éxito de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
O último traballo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, As Catedrais Silenciadas (marzo, 2020), segue a obter uns resultados sobresalientes
O último traballo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, As Catedrais Silenciadas (marzo, 2020), segue a obter uns resultados sobresalientes. Actualmente atópase no posto 7 da World Music Charts Europe (WMCE), a máis prestixiosa lista de recomendacións de músicas do mundo, que está confeccionada por recoñecidos críticos de máis de 20 países. O disco, ademais, é o único que se mantén no Top Ten de forma consecutiva durante os últimos tres meses. Paralelamente, a influínte revista británica Songlines incluíu As Catedrais Silenciadas na súa sección Top of the World, onde os redactores seleccionan os dez mellores discos do mes.